A cidade interpretada promove un achegamento crítico e reflexivo á cidade de Santiago de Compostela, e con esta finalidade convidouse a unha serie de artistas a proxectar unha serie de intervencións en diferentes puntos desta entre os meses de setembro e novembro do 2010.
Cálculo, a proposta de Rubén Santiago, componse de dúas intervencións específicas en ámbitos diferenciados pero interconectados: sobre a rede de canalización de augas da cidade, e no espazo do soto e inmediacións do CGAC. Rubén Santiago concibe cada unha das súas propostas artísticas como a creación de situacións de disentimento arredor de diversas temáticas ou preocupacións colectivas. Nesta ocasión, os elementos de enxeñaría hidráulica, que percorren o subsolo e se ramifican na verticalidade das nosas vivendas, úsanse como o soporte dunha acción inocua pero de gran repercusión simbólica.
Por outra banda, neste traballo específico no CGAC, o artista explora a natureza do museo como un medio articulador de subxectividades e capital inmaterial que reflicte a comunidade de usuarios que o definen. A intervención que incide sobre o espazo do museo tanto nun plano físico -determinado pola xeografía, a arquitectura e o urbanismo-, como conceptual, entendendo o museo como unha institución central na tarefa de recoñecer o presente e moldear o futuro a través da experiencia e da memoria.
O punto de partida da súa proposta atópase na propia materialidade do edificio deseñado por Álvaro Siza e a historia do seu contorno: a situación do museo sobre un terreo rico en mananciais, antigamente ocupado pola horta do mosteiro de Bonaval. Unha característica esta que definiu en gran medida a concepción final da arquitectura de Siza. De feito, para contrarrestar a filtración permanente de augas subterráneas na estrutura da construción, foi preciso situar no soto do museo un dispositivo de bombeo que retivese e conducise a auga ao sistema da rede de sumidoiros municipal.
Por tanto, pódese dicir que o CGAC se levanta sobre un caudal continuo que non só abastece de auga ao parque circundante senón que, ademais, se infiltra no interior do museo coa persistencia que a sabedoría popular identifica na acción poderosa da auga branda sobre a rocha dura. É tamén sobre esta condición propia do museo pétreo, como estrutura que se enfronta á erosión e modificación constante do transcorrer do tempo, sobre a que se desenvolve a poética da proposta de Rubén Santiago.
Fonte: CGAC