Atalaia

Rui Chafes, Cinza, 2002. Ferro. Vista da instalación nunha sala da Fundación Seoane
> Rui Chafes. Campo de sombras
Datas: 06/10/2011 - 15/01/2012

Artistas

Rui Chafes

Comisariado

David Barro

Descrición

Campo de sombras constitúe a primeira exposición individual institucional do artista portugués Rui Chafes (Lisboa, 1966), en España. Un proxecto expositivo que amosa alguhas das súas obras máis significativas dos últimos dez anos, ao tempo que un libro recompilatorio de todos os seus traballos recentes. Co ferro pintado de negro ou cinza como material exclusivos dos seus traballos, Rui Chafes, artista chave á hora de analizar o contexto artístico portugués dos últimos vinte anos, defende unha actitude moi persoal e orixinal de concebir a escultura, ensaiando formas que se moven entre o figurativo e o abstracto, estruturas de aspecto corrente, cunha singular poesía. En palabras do comisario da mostra, David Barro, "cada unha das esculturas de Rui Chafes recórdanos que non hai futuro sen memoria. Porque Rui Chafes traballa unha escultura que quere ser escultura, que non ten presa nen pretende esquecer as súas herdanzas, nin solapar a súa historia. O tempo devén así principal aliado dunha escultura que necesita tornarse arista para ancorarse e sobrevivir, solitaria, independente de cándo e cómo se conxugan os tempos. Unha escultura silenciosa, capaz de revelarse no abismo orixinario de quen, como os románticos, aprehende o natural”.

Paralelamente á exposición, editarase o libro Rui Chafes. Contramundo, que recolle todos os traballos do artista realizados desde o 2003 ata o 2011, con textos do comisario alemán Ulrich Loock, do crítico Alberto Ruiz de Samaniego e do comisario da exposición David Barro.

Fonte: Fundación Seoane