Santi Jiménez (Santiago de Compostela, 1979), comeza a súa traxectoria artística a finais dos anos noventa, cunhas primeiras obras nas que reflexiona sobre a identidade dos individuos. Nese momento xa se percibían a análise e certa crítica irónica que serían recurrentes nos seus traballos posteriores.
Se acabó la fiesta non é unha exposición pesimista ou desoladora; si un exercizo de madurez autoconsciente e de posicionamento no lugar que nos corresponde na vida. Sitúase nas postrimerías dun festexo (que ben pode ser unha época de bonanza ficticia): o esplendor da resaca, o sube-e-baixa, os destrozos de todo tipo… relatando unha especie de poesía decadente que aposta, desmesuradamente, pola pirotecnia emocional non exenta de esperanza. Os seus personaxes deambulan por un universo no que non se intenta destilar veracidade, senón poñer ao espectador na tesitura de cuestionar o que se representa; se é que se representa algo ou non, e se a subxectividade é entendida como intimidade, cuestionando os seus principios morais verquidos nas súas reaccións diante das pezas.
Mediante unha sorte de alquimia, convértese en debuxo a mestura de imaxes baseada en fotografías da intimidade, fragmentos de orixinais do propio artista, imaxes atopadas na rede, publicidade, cine, etc., constituindo así un conxunto ordenado, con textura de realidade mediante a fusión do debuxo clásico e o collage dixital.
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, especialidade de Escultura na Facultade de BB.AA. de Pontevedra (1997-2002), Jiménez recibiu diversos premios e bolsas entre os que cómpre salientar: 1º premio do XXI Premio de Gravado Máximo Ramos, Concello de Ferrol (2010); 2º premio do Certame de Artes Plásticas GZ Crea, Bolsa de residencia no Kulturmodell, Passau (Alemaña), e Primeiro premio do V Certame Internacional de Artes Plásticas da Deputación de Ourense (os tres no 2006); Accésit do IV Premio Auditorio de Galicia de Novos Artistas, Santiago de Compostela (2005). Asi mesmo, participou en ferias nacionais e internacionais como Art Madrid, Estampa (Madrid), Espazo Atlántico (Vigo), Arte Lisboa e Berliner Liste (Berlín).
Fonte: Galería Marisa Marimón