A Galería adhoc presenta F (fail) a nova proposta de Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971), un dos seus artistas de cabeceira, que na actualidade desenvolve a súa carreira entre Londres e Galicia.
F (fail) incorpora á linguaxe de Suso Fandiño un novo eido de acción e expansión que, aínda que sen apartarse por completo da liña máis conceptual, alónxase dos traballos realizados nos últimos tempos, voltando cara presupostos menos formais.
O termo “F” é o xeito co que se califican negativamente un exame ou proba dentro do mundo académico nos países anglosaxóns. Este “F”, cuxa significación provén do termo “fail” -que poderiamos traducir no contexto indicado literalmente como fallado ou fallido-, permite a Suso Fandiño establecer toda unha serie de propostas, empregando neóns, vídeos ou debuxos a partir do cualificado, o evaluado e finalmente o estandarizado dentro dun canon ou sistema de medición como nu gordiano do proxecto.
Lemos toda unha serie de propostas dentro do seu propio contexto, o contexto e o marco de lexitimación, o obxecto artístico e por ende do propio artista e o seu papel social. Este modus operandi, baseado no emprego de medios de estandarización e adoctrinamento infantil como a caligrafía e o debuxo dirixido, propónse como unha lectura dentro do ecosistema da arte con toda unha serie de mordaces ironías e xogos de significados que pretenden funcionar como dispositivos de cuestión do marco de lexitimación do artístico e da actitude do artista. Estas propostas de seno caligráfico, seguen unha liña de apego ao debuxo e ao contraste en negro sobre branco tan presente na obra de Fandiño. Uhha simplicidade formal que agocha unha gran complexidade conceptual, unha aposta clara polo poder comunicativo da arte como medio de intercambio e cuestionamento da realidade que nos rodea, e que ironiza sobre os límites da liberdade creativa, sobre os auto-límites da propia liberdade do autor, e sobre a pertinencia ou o fracaso desas decisións.
O censurado, o inapropiado, o tachado como representación do que non debe ser ensinado, do que debe ser ocultado, finalmente do que non debe existir. Esta metáfora do non visible, reflexiona sobre a posibilidade do propio autor para comunicar e comunicarse apostando polo obxecto artístico e o discurso da arte como un medio liberado da simple función de decoración no ideolóxico ou de ilustración do discurso institucional da academia.
Esta lexitimación funciona desde a posta en cuestión do propio espacio artístico como marco e, doutra banda, como cuestionamento xeral da función do artista. O autor como elemento fundamental dentro do proceso de produción de obxectos e situacións artísticas derivou, nos últimos anos, cara unha sorte de personaxe secundario borroso e desdebuxado dentro do proceso de produción cultural. Esta situación de perda de autoridade por parte do autor reflíctese en moitas das obras que compoñen a mostra. Suso Fandiño reproduce, dentro da súa tradición máis puramente apropiacionista, obxectos iconográficos dentro da Historia da Arte do século XX. Elimínase calquera factura, calquera intención de expresividade, convertíndonos en obxectos despoxados de calquera personalidade como marcas brancas de sí mesmos. Estas marcas brancas, que irónicamente negan a figura do autor devolvendo o obxecto ao anonimato, propóñennos un ámbito de reflexión e de cuestionamento sobre as derivas do productor na arte actual, por un lado a do "activista social" como mesías, e por outro a máis mitolóxica, a do autor como xenio creador. Estes modelos falsamente opostos e intencionadamente propostos ao xerado por delegación do propio protagonista do drama, unha nova e definitiva morte do autor.
As diferentes propostas de Suso Fandiño, sarcásticamente situadas entre a instalación e o xeito puramente tradicional de amosar obxectos artísticos, esnaquizan estes modelos falsamente opostos e firmemente impostos desde a institución e o oficialismo correcto e do canon.
Fonte: Galería adhoc