Atalaia

Composición 1961 (2014)
> Tatiana Medal. Composición 1961
Datas: 17/12/2014 - 20/06/2015

Artistas

Tatiana Medal

Descrición

Tatiana Medal (A Coruña, 1971) presenta baixo o título xenérico de Composición 1961 dúas obras diferentes: por un lado, unha intervención site-specific homónima na pequena galería situada na entrada da biblioteca de la Fundación, e por outro, KARTEN, unha reinterpretación dun dos seus traballos anteriores a través dun libro de artista.
 
Na invervención site-specific Composición 1961, a artista transforma por completo a pequena galería da biblioteca grazas á disposición sobre os seus cristais de enormes placas de policarbonato alveolar, un material translúcido no que introduciu masas líquidas de diferentes tonalidades básicas nas estreitas celas que o compoñen. O título desta peza e da exposición é unha homenaxe a unha vidreira de grandes dimensións, Composición, que Luis Seoane realizou en 1961 para o vestíbulo do Teatro da Sociedade Hebraica Arxentina en Bos Aires, unha obra na que a luz e a cor tamén xogaban un papel fundamental.
 
Composición 1961 establece un vínculo a modo de limiar con KARTEN, un libro de artista de edición limitada co que Tatiana Medal fai referencia ao labor editorial de Luis Seoane. KARTEN nace dunha peza anterior, 106 KARTEN, composta orixinalmente por 106 pinturas montadas sobre aluminio. Partindo dos pregos dun atlas, a artista foi riscando todos os topónimos, creando desta maneira unha nova superficie na que a función gráfica dos mapas desaparecía por completo. O papel cúbrese con segmentos lineais que xurden como estrías aleatorias sobre as masas de cor, dando lugar a unha nova paisaxe, a unha nova orde e a unha nova e singular linguaxe dotada dun sentido completamente distinto, xerando ao mesmo tempo un novo espazo de luz e cor. Agora, KARTEN simplifica o seu nome e se converte de novo nun libro nunha edición limitada de 100 exemplares mediante o que Tatiana Medal crea unha especie de mapa da imaxinación, convidando ao espectador que se asoma ás súas páxinas a transformar a súa mirada e percibir este exemplar desde o punto de vista pictórico, eliminando calquera posibilidade de grafía recoñecible, converténdoo nunha obra de arte na que se poden ler e reler cores, trazos e espazos tantas veces como esteamos dispostos a viaxar sobre el.

Fonte: Fundación Luis Seoane

Reportaxe sobre a exposicion. Zigzag Diario (TVG)