"Gústame pensar que a miña dedicación á arte é un oficio como outro calquera, nin máis nin menos importante que ser tapiceiro, electricista ou albanel..., seguramente hai matices, pero son un enigma para min. Non teño conciencia de ser artista, repéleme a imaxe do xenio creador e soberbio.
Como espectador abrazo case todo, como pintor menos, pero sempre estou disposto a pasar un par de minutos embelesado cunha sinxela paisaxe de artista domingueiro ou cunha parede branca de ladrillos.
Asumo o reto de preparar unha exposición sempre sen un proxecto central previo, cunha actitude moi libre, sen concesións, pensando na pintura como un obxecto, asumindo o risco de cometer graves erros e contradiccións. O meu método non se axusta en absoluto a un sistema determinado; consiste en pintar simplemente e improvisar constantemente aínda que coñecendo a fondo a linguaxe que manexo.
Teño claro que quero permanecer no límite, levo moito tempo plantexándome os mesmos problemas, cando obteña solucións posiblemente prodúzanse cambios. Na miña obra coexisten con naturalidade o accidente, o intuitivo e o reflexivo.
Gustaríame pertencer a isa rara estirpe entre os que se atopan Giacometti ou Hodgkin; atráenme porque o primeiro pensaba que todas as súas obras eran unha merda completa, e porque o segundo declarou que os seus marabillosos óleos eran, simplemente, producto dunha actitude teimuda e tozuda.
Versátil: cambiante, inconstante, lixeiro, mudable, vacilante, veleidoso e voandeiro."
Texto: Teo Soriano
Fonte: Galería Trinta (xaneiro 2011)