"Cando era neno pensaba que a arte era o que se producía traballando no tempo libre, os domingos. Non sabía que se podía estudiar (aínda o dubido) e menos aínda que se puidera ser profesional… sempre me preguntaba en que tipo de oficina traballaba Picasso, porque o meu pai traballaba nunha oficina e os domingos escribía poemas divertidos…
Evidentemente, a pintura é unha artesanía, seguramente unha das máis nobres, como a música e a literatura porque non serve para nada máis que para producir ilusións. Eliminamos o "-sanía" para darlle ese toque abstracto e revestilo de máis valor.
A pintura é, tamén, un procedemento solitario, unha especie de masturbación mental na que se trata de explorar as capacidades íntimas. Non conto o mundo pintándoo, mais, inopinadamente, métome nel. Os meus cadros son afirmacións, gústame que den lugar a todo tipo de preguntas fundamentais e sobre todo que sirvan para cuestionarme libremente a min mesmo. Serei serio cando morra. Os artistas sempre son paiasos.
O manierismo ten un papel importante nos meus últimos traballos. A teima de buscar a perfección e o xeito de rozar as súas contornas con todas as posibilidades do medio. Trátase de accidentes, de recuperacións, de torpezas e de solucións simples ou mesmo tontas, como definir u ocupar de xeito dramático un espazo cunha mancha chorreando. Levar sempre a contraria, non chegar nunca ao resultado anterior… cada vez que me revolvo contra un resultado afirmativo, chego a outro sitio. Neste momento, estamos AQUÍ MISMO. Son 12 cadros que representan 12 veces o mesmo lugar… en diferentes escalas. En cada cadro constrúese a imaxe noutra resolución e, de feito, defínense os compoñentes de xeito diferente: o tamaño grande dá lugar a máis interpretacións que os pequenos, que se resolven en puras indicacións volátiles. As cuestións arredor do suxeito son simples: invito ao espectador a entrar nun lugar, fundirse nel para vivir desexos e pantasmas.
Estou a xuzgar, libremente con elementos que definen a pintura: elementos formais que dependen do material empregado, dos estados iniciais dos materiais como a cor que é líquida, os pelos das brochas que dixan pegadas significantes… déixome conducir coas posibilidades intencionadas ou arbitrarias do trío man-pincel-cor vixiado polos ollos e o cerebro centrado ou alucinado e das pulsións libidinosas, por suposto."
Texto: Thomas Jocher
Fonte: Galería Trinta (xuño 2011).