Esta exposición é unha homenaxe á radicalidade e eficiencia que achegou a máquina de escribir na aceleración do ritmo das comunicacións e as relacións sociais e que supuxo unha revolución para o mundo gráfico e profesional en xeral. A Colección Sirvent (Vigo), de onde provén este significativo legado, dispón dunhas 3.500 máquinas de escribir, das cales 2.500 están preparadas para o seu normal funcionamento grazas a unha restauración moi rigorosa. Para esta exposición seleccionáronse máis de 120 unidades que representan o máis destacado da historia universal das máquinas de escribir. A mostra complétase con algunhas intervencións site-specific de artistas contemporáneos, unha significativa selección de carteis publicitarios, caixas orixinais de cintas de escritura e outros instrumentos, tales como protectores de cheques, afialapis, fotografías e métodos curiosos de mecanografía.
Propónse un percorrido cronolóxico que comeza coa emblemática Sholes & Glidden (1873), coñecida mundialmente como The Typewriter. Foi a primeira máquina de escribir producida comercialmente e que traballaba unicamente con maiúsculas, unha ferramenta que se subministraba cunha mesa que lembra as das máquinas de coser, así como a súa primeira decoración. Outras como a Crandall-New Modell (1884) descobren decoracións en ouro e nácara, e empregan un cilindro impresor en vertical. Tamén atopamos teclados, anagramas e máquinas americanas con marca e teclado ruso, como a clásica Underwood n.º 5 (1901). Curiosas son tamén outras máquinas como a alemá Thürey (1909), que se asemella a un instrumento musical e da que só se coñecen cinco en todo o mundo, porque foi de escasa fabricación; a Brooks (1887), que imprime de atrás cara a adiante; a Polygraph (1903), unha das máis buscadas por coleccionistas de todo o mundo e que en teclado curvo só se fabricou no modelo aquí presentado; a ODELL (1888), de base redonda, cuxo primeiro modelo é o único que se fabricou con catro pés con forma de garra ou a Columbia (1885), que utilizou un sistema de espazado proporcional que establecía o espazo segundo o tamaño da letra. Aquí encontranse máquinas de escribir normais, de escribir música, de taquigrafía (estenotipias), de escritura en braille, de escribir sobre superficies planas, de xoguete, de escritura encriptada para espías, de abecedario xaponés ou árabe, máquinas con símbolos da S.S., etc. Todo para entender, ilustrar e contextualizar a evolución do procedemento mecánico da escritura, partindo de que a máquina de escribir lles outorgou un carácter máis oficial e rigoroso aos escritos, ao tempo que supuxo tamén un paso importante para o ingreso masivo da muller no mundo laboral, como dactilógrafa.
A exposición complétase coa intervención de catro artistas contemporáneos: os galegos Misha Bies Golas e Jorge Perianes, o alemán, de orixe español, Ignacio Uriarte, e o portugués José Lourenço.
Fonte: Cidade da Cultura