Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
O traballo de Unai San Martín (1964, Eibar -Guipúzcoa-), aborda desde unha perspectiva romántica a idea dunha imaxe que se repite: unha paisaxe idealizada que remite á idea de paraíso perdido, dun lugar mítico, oculto, que o artista logra recuperar cando materializa nas súas fotografías os lugares impulsores da súa propia busca. Na mesma liña que define a súa obra anterior, pero desde unha formalización distinta, preséntase este novo traballo, máis hermético e ambiguo, con vocación de trompe l’oeil, e cuxas imaxes poden entenderse como abstracións pictóricas que, tras uns iniciais momentos de contemplación, transmútanse en evocacións de topografías, rochas, paisaxes desérticas ou mesmo pel humana. Esta nova proposta pon en evidencia algunhas contradicións, a presenza do real e do fotográfico, do preciso e o expresivo, do figurativo e do abstrato, ambivalencias reforzadas por unha proximidade á pintura, mália súa manifesta construción fotográfica. O emprego da luz e a calidade inherente ao proceso químico que implica o revelado en xelatinobromuro de prata, proporcionan unha extraordinaria variación cromática e unhas suxerentes e inusuais tonalidades de brancos, grises e negros que potencian a súa plasticidade e a sensación de estar diante dunha imaxe pintada ou construída máis ca fotografiada.
A primera obra que o visitante encontra ao entrar na exposición é unha impresión orixinal do século XIX que representa unha ruína italiana. Esta pequena imaxe é chave no traballo de Unai, non para entendela como unha metáfora da decadencia ou a desaparición dos métodos tradicionais na fotografía analóxica, senón, máis ben, como o recordatorio (melancólico) de algo perdido, sen posibilidade de recuperar.
Acompañando a esta antiga fotografía, e dispostas nunha mesa-vitrina a modo de arquivo, atopamos diversas xelatinopratas de pequeno formato, probas e algúns debuxos procedentes de proxectos e investigacións anteriores, nunca mostrados. Un grupo de imaxes que pode funcionar como guieiro para entrar na nova obra e que axudan a comprender as diversas vías de traballo que posibilitaron a elaboración destas, radicalmente fermosas, abstracións fotográficas.
Deliberadamente abertas na súa conceción, estas fotografías son vistas nun contexto apropiado no espazo da galería; o espectador é consciente, deste xeito, do proceso e das múltiples influencias, camiños ou alternativas que o artista ten que valorar para chegar a un particular estado no seu traballo. Belas e inquedantes, estas obras expostas na Galería PM8 funcionan como palíndromos visuais que poden lembrar algúns dos traballos realizados por artistas como Mel Bochner, nos anos 70, ou James Welling, no comezo dos oitenta, aínda que estas pezas foron creadas e han ser lidas nuns contextos completamente diferentes.
Fonte: Galería PM8