Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
O 31 de maio de 2012 fallábase o V Premio Internacional Bienal de Arte Fundación María José Jove 2012. Trátase dun galardón que foi evolucionando progresivamente co paso das convocatorias, primeiro nas modalidades das propostas artísticas, despois coa ampliación ao ámbito da internacionalidade dos artistas e, posteriormente, na periodicidade da convocatoria -finalmente de carácter bienal-. Este ano 2012, e debido ao importante aumento de participación experimentada nas últimas edicións, a Fundación María José Jove levou a cabo outro axuste relativo ao procedemento de presentación das propostas, que desde este ano se realizan vía online, o que permitiu a participación dun aínda maior número de artistas sen o esforzo económico e/ou loxístico que conleva o transporte físico das obras.
Esta nova fórmula de convocatoria xerou unha resposta de participación que sobrepasou calquera expectativa imaxinable: o V Premio Internacional Bienal de Arte Fundación María José Jove contou en 2012 coa participación de 1.750 obras de aproximadamente 800 artistas, o que evidencia un rotundo éxito de convocatoria.
Pero o que verdadeiramente vai facer excepcional esta edición 2012 é a extraordinaria decisión que, en última instancia, adoptou a Fundación María José Jove para apoiar aos artistas máis novos no difícil contexto no que nos atopamos, ampliando os fondos orzamentarios previstos de adquisición, o que lle permitiu incorporar as obras seleccionadas polo xurado á Colección de Arte Fundación María José Jove.
Todos sabemos que o sector das artes visuais e, máis aínda, aqueles que comezan a súa andaina neste momento viven unhas circunstancias socioeconómicas moi delicadas para o desenvolvemento dos seus traballos. Por iste motivo, a Fundación María José Jove decidiu facer este esforzo extraordinario co obxectivo de estimular a continuidade e desenvolvemento dos seus traballos e creatividade.
O xurado do V Premio Internacional Bienal de Arte Fundación María José Jove 2012 estivo composto por: Felipa Jove Santos, Iñaki Martinez Antelo, Rafael Doctor, Antón Lamazares, Vicente Blanco e Marta García-Fajardo.
O premio foi parar a Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978), pola súa obra Estructura de silla con hipercubo y río con triángulo (2012). Madeira, espello, mobiliario e video HD. 155x120x70 cm aprox.
Ademais, a selección de artistas cuxa obra foi adquirida para a Colección de Arte Fundación María José Jove, é a seguinte: Misha Bies Golas (Miguel Calvo Ulloa) / Marta Bran / Paula Cabaleiro / Félix Fernández / Cristina Garrido / Carlos Maciá / Gloria Martín / Roberto Milán / Andrés Pachón / Guillem Juan Sancho / Miguel Ángel Tornero / Damián Ucieda / Juan Varela / Mar Vicente.
LINK: Catálogo do V Premio Internacional Bienal de Arte Fundación María José Jove 2012
Fonte: Fundación María José Jove