Podería ser a utópica patria hotelera que case todo pintor viaxeiro procura. Cadros como cuartos, como habitacións. Pero o Hotel Patria que dá nome a esta exposición de Vicente Prego (1957, A Coruña), tén máis de realidade que de alegoría, e pódese atopar en Palermo antes de que emerxera no territorio imaxinario da pintura. Sen embargo, fabulación e concreción enrédanse nunha nova reviravolta: a porta do hotel -porta pintada, fachada inspiradora para un cadro cadrado, oscuramente agranatado-, ábrese ao espazo da galería para acoller aos hóspedes temporais, a compaña dos outros cadros que levan na súa superficie as marcas do tempo pintado igual que as antigas maletas levaban pegadas as cidades dos seus itinerarios. Palermo, Venecia, Roma, Palmira, Aleppo, locus evocadores e recorrentes no álbum de traballo de Vicente Prego que segue a afondar no seu estilo de beleza intemporal: composición, debuxo, graffiteo, atmosferas, cor, matiz, verniz, areas de deserto, palmeiras entroncadas e faros como columnas que alumean as cegas ruinas sublimes da matria mediterránea. Estes son algúns dos ingredientes que compoñen o menú restaurador desde Hotel Patria no que Prego fai parada e fonda para convidar ao espectador a mergullarse en cada cadro, en cada vedutta, en cada stanzia.
Fonte: Atalaia