Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
O traballo de Víctor Grippo (Junín, 1936 - Bos Aires, 2002) desenvólvese no cargado clima político da capital arxentina nos anos setenta, un tempo de excitación e fermento intelectual no que a cultura emerxe nas rúas. Naquel ambiente de busca popular de coñecemento, a posibilidade de crear un pensamento novo, de resignificar os obxectos, á que Grippo, químico de formación, recorre, é un camiño aberto no territorio da arte.
En 1970 Grippo presenta a súa obra Analogía I na exposición Arte de sistemas do Museo de Arte Moderno de Bos Aires. Nela propón ampliar a función cotiá dun obxecto familiar, a pataca, medindo a enerxía que produce a través dunha retícula de madeira con corenta patacas dispostas en celiñas, con dous eléctrodos cada unha, un de zinc e outro de cobre. Mediante un voltímetro, o espectador pode medir a enerxía eléctrica que xeran (0,7 voltios por unidade).
A escolla dun alimento humilde coma a pataca, que se converte por analoxía en imaxe da enerxía mental, non é gratuíta. Con ela Grippo reivindica o valor do seu país e a construción da súa propia cultura, á vez que unha sacralización, non só da pataca en por si, senón tamén do pobre, do obxecto de uso cotiá, básico.
Deste xeito, o traballo de Grippo realiza un percorrido desde as artes maiores até a base da sociedade. O seu ollar é vertical, diríxese por analoxía desde a ener xía vexetal á ener xía da creatividade humana, desde o visible ao invisible. É a invitación a unha comunicación coa interioridade secreta dalgúns obxectos cotiáns.
Grippo cre no traballo como forza constitutiva do home, este convértese na chave para acadar o obxectivo principal: a transformación do home a través do exercicio dun oficio. Os cinco oficios fundacionais da sociedade aparecen asociados na obra Algunos oficios (1976): o ferreiro, o carpinteiro, o canteiro, o labrego e mais o albanel. A obra paradigmática desta relación particular co traballo é Construcción de un horno popular para hacer pan, que ten lugar en 1972 na praza Roberto Arlt, en pleno centro porteño, dentro da exposición colectiva Arte e ideología, CAYC al aire libre1. Fronte ao sentido de denuncia e urxencia que dominaba en moitas das instalacións doutros artistas na praza, coa construción dun forno, Grippo sitúase noutro rexistro no que prevalece unha vontade de restitución e de conser vación de valores comunitarios. Ao establecer, centralmente, un espazo de intercambios, “organizaba unha comunidade precaria, que duraba tanto coma a fabricación do pan e o seu consumo. Unha comunidade transitoria e silenciosa, formada nun acto de compromiso involuntario e inconsciente cunha práctica cotiá, convocada a partir dun traballo de balde, ofrecido co sentido dun agasallo”. Grippo despraza un xesto do campo á cidade, e en consecuencia as masas acoden a comer como feito estético, ritual.
Para Víctor Grippo o traballo do artista consiste en descifrar os significados ocultos que se atopan baixo os obxectos primarios. Desde que comezou a súa carreira como pintor no cargado clima político arxentino dos anos sesenta, este químico de formación mantivo un interese constante polas relacións entre arte, ciencia e vida cotiá. A súa fascinación pola transformación e a rexeneración inherentes á natureza, polo seu poder alquímico, albíscase xa nas súas primeiras esculturas e instalacións da década de setenta e impregna o conxunto da súa obra converténdose nun dos principios vertebradores da súa práctica artística: transformación da ciencia en arte, da materia en enerxía, da enerxía en conciencia, da morte en vida...
Fonte: CGAC