Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Virxilio. Antolóxica

Atalaia

Virxilio. Mulleres. 1977. Mixta sobre táboa. 84x121 cm. Col. Novacaixagalicia
> Virxilio. Antolóxica
Datas: 25/04/2012 - 08/07/2012

Descrición

Virxilio. Antolóxica é a primeira mostra destas características realizada na cidade natal do artista, Virxilio Fernández Cañedo (Tamallancos, Vilamarín, Ourense, 1925-2011), que busca manter viva a memoria e a obra do pintor ourensán.

Acuarelas, debuxos, plumiñas, táboas e óleos recollen as paisaxes galegas e as tradicións que habitaron sempre no corazón ourensán de Virxilio Fernández. Un total de 76 obras expostas para ofrecer á sociedade un percorrido pola obra e polo pensamento deste artista e intelectual que, a pesar de vivir en Francia e Alemaña, conserva intacto o seu corazón fiel aos Chaos de Amoeiro. Nun estilo propio e particular, o artista reinterpreta a paisaxe galega e as súas xentes: mariscadores, costureiras, vendimadoras ou xentes de a pé constitúen o seu universo plástico.

O seu gusto pola materia e pola cor lévao crear unha nova figuración que lle imprime un novo sentido á paisaxe. Desde os seus primeiros lenzos, nos que as tonalidades ocres e amarelas son as protagonistas, ata as súas últimas obras, nas que o autor experimenta coa fotografía, hai un longo percorrido cheo de experiencias, de traballo continuo e de fascinación polo seu oficio. As obras da mostra manifestan a súa evolución estilística e cromática ao longo dos últimos anos do século XX e os primeiros do 21. Nelas atopamos ao artista do corpo feminino dos anos setenta, ao pintor expresionista de xenerosa paleta cromática dos anos oitenta ou ao Virxilio da abstracción e da austeridade na cor dos noventa.

Ademais, un catálogo recolle a reprodución de todas as obras expostas e conta tamén con tres textos arredor da figura de Virxilio: Xosé Luis Méndez Ferrín preséntanos ao Virxilio pensador e amigo, Santiago Lamas achégase á temática da súa obra e María Blanco fai un repaso cronolóxico que mostra a evolución da súa pintura.

Fonte: Novacaixagalicia. Obra social