Atalaia

Vítor Mejuto. My Favorite Things
> Vítor Mejuto. My Favorite Things
Datas: 18/03/2011 - 13/04/2011

Artistas

Vítor Mejuto

Descrición

“Nin unha esfera achatada, nin o cubo de Rubik dun arquivo, e moito menos un triángulo que conecte valores clásicos como a beleza, o ben e a verdade. O mundo, a vida, trázanse co compás e o tento da man de cada cal. Aínda que nos creamos ortogonalmente firmes, como pés dereitos a 90 graos sobre a liña da terra, as nosas cosmogonías constrúense sobre un ángulo romo, contrapunto mol que acolle e humaniza o aparente hermetismo de todo sistema que se pretenda implacablemente racional.

Como a moitos creadores, así lle sucede a Vítor Mejuto, artista, pintor convencido, e tamén fotógrafo habituado ás imaxes da actualidade diaria. Nacido en Barcelona en 1969 e residente en Galicia dende os dez anos, a Mejuto gústalle planear e escrutar coa súa mirada, entrando e saíndo do círculo da Historia da Arte, dende os vangardismos históricos de comezos do século XX ata as miradas relacionais do 21, facendo parada e fonda na abstracción xeométrica e na pintura de campos de cor. Pero a súa non é a liña plana de quen se ensimesma ante un espello relambido, senón que vai en busca da tensión, dos vectores de forza que se establecen na construción das formas e na súa interrelación.

Mejuto descarta o cadro como fiestra, disposto para calquera narración na súa placidez rectangular, e deconstrúe a súa planidade coa agudeza enérxica do rombo, co ziz-zag de asimetrías e dobras, con suaves curvas angulares, cun reducionismo que transcende a austeridade grazas ao seu xeneroso emprego da cor. Asentado no dinamismo inquedo dunha cadeira tubular, Mejuto busca e agarda a emerxencia das imaxes, das formas coas súas estruturas e as súas articulacións. Da idea ao soporte, da súa cabeza ás súas mans desfilan, como nunha fita de Moebius, todos os nomes da súa fértil xenealoxía artística: Malevich, El Lissitzky, Mondrian, Albers, Motherwell, Stella, Newman, Noland, Oteiza, Chillida, Vasarely, Palazuelo, Labra, Halley... Tamén, como non, arquitectos e deseñadores: Aalto, Le Corbusier, van der Rohe, Breuer, Jacobsen, Panton, Saarinen... A visión de conxunto ofrécenos toda unha homenaxe ao Movemento Moderno, dende o construtivismo soviético ao minimalismo e neo-xeo norteamericanos, pasando, entre outros, pola Bauhaus, o funcionalismo do International Style, a arte óptica, a abstracción postpictórica ou os achados do deseño industrial.

Un mundo acuñado, pero non pola frialdade dunha cizalla insensible, senón por brochas que trazan, delimitan, cortan, enchen, xeran densidades diáfanas e tempos lentos de acordes cromáticos. Iconas e alegorías de formas e obxectos que, ao cabo, nos resultan familiares no redescubrimento a través dos seus títulos: Biombo, Periscopio, Alambique, Scalextric, Cadeiras amoreadas, Sala de espera, Reloxo de area, Abrecartas, Celosía, Mantis relixiosa, Ecografía, Ícaro, Gárgola, Grial, Soños dun linotipista,... Todo un patroneo conceptual previo e unha práctica pictórica que fan da fita de carroceiro un remedo da venda, e do pincel un bisturí que persegue anatomías soñadas. Corpos que se encarnan en volumes planos; que se procuran, como o do propio Mejuto, nas súas recorrentes e progresivas Visitas ao xastre, unha serie de elocuentes modelos para armar que invitan á máis cordial rebelión dos polígonos.

Con esta nova cita en terras do Val Miñor, en Gondomar, no Aula de Cultura Ponte de Rosas do IEM, nunha sala de exposicións que fai gala dun espírito e unha programación moi construtivistas, Vítor Mejuto desprega os seus eixes e ofrécenos as súas Favorite Things, as súas cousas favoritas, a través das súas obras máis recentes. Un título-aceno, como adoita ser habitual nel, que pasa tamén polas referencias sonoras a xeito de BSO. Neste caso, My Favorite Things presenta dúas opcións: a canción do musical de Broadway, Sounds of Music (1959), que despois inmortalizou Julie Andrews na película Sorrisos e bágoas (1965), ou a moi libre versión instrumental que John Coltrane, toda unha lenda do jazz, interpretou durante os anos sesenta. Elixan ao seu gusto, pero... por que non ambas as dúas? Ao fin e ao cabo, voz cantante ou son de saxo, as cousas noméanse para que existan e nos recoñezamos nelas ata nos percibir máis completos. Sexa a través da música, da palabra, ou destes cadros de Vítor Mejuto, representacións dunhas realidades que collen forma e emprenden un novo camiño de volta cara aos ollos e sentidos do espectador.”

Link a vídeo-rexistro da mostra na Aula de Cultura "Ponte de Rosas", Gondomar:

http://www.youtube.com/watch?v=TGNO--k2FA0&feature=player_embedded

Fonte: IEM. Instituto de Estudos Miñoranos