Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Xaquín Chaves. Pintura habitada

Atalaia

Xaquín Chaves. Imaxinaria. 2011. Pigmentos sobre lenzo. 54x65 cm
> Xaquín Chaves. Pintura habitada
Datas: 23/09/2011 - 24/10/2011

Artistas

Xaquín Chaves

Descrición

Luminosa brétema

A arcadia de ríos, prados e bosques, a vexetación sensorial e rumorosa que rodea o estudio de Xaquín Chaves (Vilaxoán -Pontevedra-, 1959), en Lois (Ribadumia) entra, intégrase, habita as súas obras. Os grandes vitrais do taller teñen réplica eficaz nese enmarcado que, a xeito de xanela, permite albiscar atmosferas coloristas, ensoñadas, nunha poética que é tan abstracta como metafísica.

Acuosidade e esencialidade definen o último traballo de Xaquín Chaves. Nun proceso case ascético, abeirándose ao vello dito, "en pintura, o que sobra, estorba", prescinde da masa, da materia, e limita os elementos. Pintura habitada que agocha unha vocación reflexiva, meditativa. Un pequeno detalle figurativo collido da biografía visual do artista, é incorporado coa intención de facer visibles as vivencias.

As manchas, de diversa tipoloxía, e as cores cálidas -rosas, amarelas, sienas…-, constitúen a base sobre a que asenta e medra esta pintura delicada, pulcra, silenciosa. Unha pintura case plana, sen fugas, con elementos soltos, suspensos, sobre fondos esluídos de tintas degradadas.

O proceso de elaboración, de varias pezas a un tempo, é dinámico; conflúe o consciente, o inconsciente e o aleatorio: o secado propicia texturas, gradacións, rastros do pincel; asemade a obra muta, modifícase ao intervila de novo, agromando por entre as novas capas restos anteriores. Xogo de veladuras, opacidades e transparencias que contribúe a osixenar a proposta resultante. Un proceso interno no que a mesma obra busca a súa expresión, o encaixe, a resolución conxunta dos distintos factores. O resultado último non sempre se axeita ao prantexamento inicial, debido a esa etapa de convivencia, diálogo, tensión e loita entre obra e artista.

Desde os anos 90 Chaves decidiuse pola abstracción; as escasas e disimuladas alusións obxectuais (nenúfares, árbores -místicas, senlleiras, sorprendentes como as do barroco-), resólvense nunha soa pincelada, están esbozadas antes de plasmarse no lenzo. Retoma Xaquín Chaves a tradición cromática e a abstracción espacial. A auga (mar, ríos, fontes, estanques…), e o aire (ceos, nubes, azas -nesa alusión ao Duíno rilkeano), son referenciais, nimbados ambos, auga e aire, dunha brétema luminosa, dun deslumbramento misterioso.

No ronsel de Claude Monet e tantos outros, Xaquín Chaves é un pintor da pintura, un pintor que investiga e afonda no medio que ama. O cadro aparece estructurado por unha banda horizontal que aguanta, que fixa o espazo; ben mirado estamos ante re-interpretacións de temas clásicos: paisaxes, bodegóns, tratados de xeito diferente. A resolución das manchas e a gradación dos tons quedan en diferentes graos de execución, con densidades distintas, unhas saturadas outras ténues. Se acadasen o mesmo acabado chegarían a abourar.

En síntese podemos concluír que a pintura de Xaquín Chaves reintegra a harmonía do natural, transcendido. É unha pintura serena que parte da nudez e ten algo de estacional, bretemosa, como os perfís das cousas despois da chuvia.

Disque "limpo e belo" é o mesmo en xaponés, a mesma palabra expresa as dúas acepcións. Penso que tal condición lle acae a esta pintura, limpa e bela. Na mellor tradición da estética oriental e do expresionismo abstracto, Xaquín Chaves regálanos unha epifanía sensual de brillos e lampexos. Subtil, vexetal, atmosférica, a pintura de Chaves transita, desde a expectativa (imaxinaria) e a espera, a fraxilidade do ser."

Texto: Xulio Valcárcel

Link a imaxes de inauguración da mostra

Link a entrevista no programa Espacio de Arte. Correo TV. 13 de outubro de 2011.

Fonte: Galería Atlántica Centro de Arte