Organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega
Os tempos están cambiando. Non sabemos, con certeza, cales serán os nosos roles na nova época. Tampouco sabemos cales serán os espazos da cultura, nin da arte. Se as respostas tenderán cara á indignación ou á resignación. As palabras 'compromiso', 'xustiza' ou 'colaboración' semellan soterradas polo vocabulario económico do capitalismo financeiro e a terminoloxía banal dos media.
Sobre o pano de fondo, unha crise sistémica e poliédrica, o eido cultural e, nomeadamente, o sistema da arte contemporánea asumen as súas propias convulsións, vinculadas ao seu propio carácter crítico.
O refuxio estético non semella razón suficiente para que a arte sobreviva alén da meirande parte da sociedade. A arte e a cultura contemporáneas poden ser síntomas de absentismo, pero tamén de cambio ou mesmo acicate e influencia para o mesmo.
Así, decididas apostas por reintroducir a función social na arte non se limitan ao plano da representación nin se circunscriben ao contexto artístico senón que procuran a inserción no tecido social e o traballo colaborativo coa cidadanía.
Na era do capitalismo global, hai situacións críticas que demandan compromisos. A arte como movemento, estratexia e táctica, como metodoloxía e pedagoxía pode desempeñar un papel importante e necesario: sensibilizando, visibilizando problemas, construíndo narrativas visuais ao tempo que xerando novos imaxinarios culturais.
Nesta Xornada Arte + Crise Social, Consello da Cultura Galega pregúntase por estas situacións e estas posibilidades. Coa axuda de especialistas, artistas e profesionais da crítica, afondamos na dialéctica entre o modelo biopolítico hexemónico actual e as respostas que están a formular distintos axentes culturais.
PROGRAMA
Sesión da mañá
10:00 horas_Inauguración
10:30 horas
Topoloxía dunha crise. Arte, capital, biocapital
TERESA M. VILARÓS-SOLER, profesora de Estudos Hispánicos da Texas A&M University
Conversa con FEDERICO LÓPEZ SILVESTRE, profesor de Historia das Ideas Estéticas da Universidade de Santiago de Compostela
12:00 horas_Pausa
12:30 horas
Crítica e crise
ELENA VOZMEDIANO, crítica de arte, colaboradora do suplemento El Cultural
Conversa con NATALIA PONCELA, crítica de arte e comisaria de exposicións
Sesión da tarde
16:30 h.
Revisión do compromiso
MANUEL FIGUEIRAS, artista visual
MIGUEL MOSQUERA, artista visual
18:00 horas
Feminismo contra crise social. Máis alá do patriarcado capitalista
MAU MONLEÓN, artista visual e profesora na Facultade de Belas Artes da Universitat Politècnica de València
Conversa con MAR CALDAS, artista visual e profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo
Vídeo con breves entrevistas aos relatores