Éxtimo, aquilo que sendo o máis interior do íntimo permanece, sen embargo, no exterior como corpo extraño.
Este termo, aplicado orixinariamente no ámbito da psicoloxía e que fai referencia á presenza do Outro no interior dun mesmo ou á carga subxectiva de determinados obxectos, sérvenos aquí para definir a relación que Lúa Gándara (Vigo, 1988) e Diego Vites (O Grove, 1986) manteñen coa súa propia produción artística, así como a interacción que mediante a presenza das súas pezas no espazo expositivo, ten lugar entre eles. A estrañada convivencia no fóra da pintura daquelas postas en escena que consituirían, no interior do seu intimidade, os seus imaxinarios singulares.
Tanto a obra de Lúa Gándara, a través da repetición insistente do ollar cara unha paisaxe concreta observada nalgunha ocasión a través dunha xanela do coche durante a súa infancia, e que o traballo foi transformando nun potente exercicio de composición, borradura e abstracción, como as pezas de Diego Vites, que mediante a radical expansión e cuestionamento material de medios e soportes e a súa continua oscilación entre a ocultación e o desvelamento, a invisiblidade e a visibilización de si e doutros corpos cos que convive e que foron canalizando a súa exploración do pictórico, revelan a certeza dunha relación íntima que ambos os dous manteñen coa pintura.
Texto: Ania González