Atalaia

Xurxo Lobato. Da serie Pasión
> Xurxo Lobato. Pasión
Datas: 10/11/2011 - 09/12/2011

Artistas

Xurxo Lobato

Descrición

"Pasión é unha proposta de expresionismo fotográfico e de cor. Onde se xoga coa representación do relixioso cambiando a finalidade orixinal das iconas, mostrándoas fóra de contexto e con xogos de aproximación que conseguen que se confunda o real co irreal. Imaxes que suxiren, inquedan, sorprenden e impactan. Cunha constante en todo o meu traballo de creación: a ironía como recurso.

Retratar imaxes relixiosas é un proxecto no que xa hai tempo que tiña interese por facer. Tiven unha primeira oportunidade na mostra colectiva Cámara Barroca, e agora Pasión é unha continuidade daquel proxecto.

Atráeme a representación simbólica do relixioso coa súa visión dramática, tráxica de vida e morte, o sufrimento sempre presente, a vida como penitencia, a ausencia do pracer. É un territorio diferente ao camiñado por min ata agora, pero moi estimulante ao mesmo tempo. Supón entrar no territorio dunha narrativa visual que reflexiona, desde a representación do real, sobre a iconografía relixiosa en tanto representación conceptual: dúas formas de linguaxe en diálogo.

Traballar coa luz e co instante definen o meu labor. Captar sentimentos, miradas, luces, estados de ánimo… é fantástico. Hoxe todo o mundo pode facer fotos co móbil, convertéuse nunha maneira de comunicación universal. As fotos non se fan para gardar senón para enviar. Pero detrás da arte existe sempre unha intención e un resultado recoñecido polo “outro”. O artista realiza imaxes que van alén de reproducir fielmente a realidade. Supera o suposto documento notarial e afonda na narrativa fotográfica.

De todos os xeitos, cada vez máis, penso na Fotografía sen máis adxectivos. E na Arte sen subxéneros."

 

Texto: Xurxo Lobato


Fonte: Galería Trinta (novembro 2011).