Atalaia

Xurxo Martiño. Polifonía de silencios, II. 2011. Mixta/PVC, 46 x 97 cm
> Xurxo Martiño. Proscenio
Datas: 20/10/2011 - 09/12/2011

Artistas

Xurxo Martiño

Descrición

Xurxo Martiño (Vimianzo, A Coruña, 1964), expón na Galería Espacio48 a súa obra máis recente, formada por pezas de pequeno e mediano formato, onde volve sobre a súa habitual temática, a da paisaxe arquitectónica, aínda que reinventándoa. Deste xeito, introduce novos elementos técnicos e formais, renovando a súa maneira de proceder, con cores cada vez máis claras, xogando co contraste do branco e o negro, pero ao mesmo tempo empregando o contrario nalgúns casos, múltiples e brillantes cores, volvendo xerar o efecto mosaico tan característico da súa obra dos últimos tempos.

Por outra banda, cada vez atopamos máis intromisións na súa pintura, aparecendo elementos inusuais como grandes perforacións, números en relevo e cableados diversos. Estes novos elementos que van xurdindo nas súas obras outórganlle ao espectador a capacidade momentánea de atravesar a superficie para escudriñar entre bastidores, ou máis ben -tal e como recolle o título da mostra-, observar dende o proscenio, un punto intermedio pero próximo e inmediato, tan preto do esceario que permite apreciar todos os detalles da obra. Un lugar aberto que ao mesmo tempo serve de marco que rodea a escea e convida a traspasala, como unha especie de porta ou de xanela, que á súa vez estaría en consonancia coa realidade que adopta representar Martiño: portas, xanelas, escaleiras e edificios con historias que contar.

É, por tanto, unha nova invitación a participar no diálogo de ausencias e presenzas que retrata e ademais permite rebuscar no transfondo dos cadros dun artista sempre tan interesado en mostrar o que hai debaixo da superficie pintada.

Fonte: Galería Espacio 48 / Cristina Moreiro