Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
You Are Not Alone

Atalaia

Elmgreen & Dragset. AIDS Is Good Business For Some (A sida é un bo negocio para algúns)
> You Are Not Alone
Datas: 21/10/2011 - 22/01/2012

Descrición

Artistas: Otto Berchem - Matthew Darbyshire - Latifa Echakhch - Elmgreen & Dragset - Leandro Erlich - Pepe Espaliú - David Goldblatt - Juul Hondius - Sutee Kunavichayanont - Deimantas Narkevičius - Shirin Neshat -  Lucy + Jorge Orta - Christodoulos Panayiotou - Araya Rasdjarmrearnsook - Shirana Shahbazi - Danh Vo - Lawrence Weiner - Lorena Zilleruelo.

Coproducida entre Fundación ArtAids, Fundació Joan Miró e MARCO, a mostra You Are Not Alone quere convidar á reflexión sobre a discriminación e estigmatización que, aínda hoxe en día, sofren os enfermos de sida. Aínda que, polo menos no primeiro mundo, os avances médicos permitiron aumentar a esperanza e a calidade de vida dos enfermos, parece que estes progresos non se reflectiron nunha diminución do rexeitamento social que suscita a sida. As accións sociais e colectivas poden vencer falsas percepcións e costumes xurdidos da ignorancia e os prexuízos. E a arte pode contribuír a cambiar este tipo de visións e actitudes.

En You Are Not Alone 14 artistas contemporáneos de todo o mundo contribúen á loita contra a estigmatización cunha mirada innovadora sobre a causa, as consecuencias e o contexto actual da sida así como sobre as formas para combatela. As obras da mostra presentan a visión sobre a sida dende a perspectiva de diferentes países en varios continentes que sofren a enfermidade con maior ou menor intensidade. Estas visións contribuirán a concienciar ao espectador sobre a necesidade de intercambio de coñecemento e experiencias que permitan combater a enfermidade e os prexuízos xenerosamente e sen medo.

A Fundación ArtAids produciu obras especificamente pensadas para a exposición de nove artistas recoñecidos a nivel internacional e que non adoitan abordar a temática da sida. Os artistas seleccionados son: Deimantas Narkevičius (Lituania), Latifa Echakhch (Marrocos), Danh Vo (Dinamarca/Vietnam), Christodoulos Panayiotou (Chipre), Lorena Zilleruelo (Chile), Lucy + Jorge Orta (Reino Unido e Arxentina) e Elmgreen & Dragset (Dinamarca e Noruega).

As novas obras preséntanse cunha selección de pezas recentemente incorporadas á colección ArtAids de David Goldblatt (Sudáfrica), Otto Berchem (Estados Unidos), Sutee Kunavichayanont (Tailandia), Araya Rasdjarmrearnsook (Tailandia) e Juul Hondius (Holanda).

Ao final da exposición presentarase a obra de Matthew Darbyshire (Reino Unido) concibida como un espazo de reflexión sobre a sida. A sala recorda o tratamento que se deu ao tema durante os anos oitenta e noventa por parte de artistas como Group Material e das campañas publicitarias de loita contra o VIH. Como introdución, exponse a visión sobre a enfermidade de Pepe Espaliú, un artista español falecido en 1993 por mor da sida.

Con este proxecto, a Fundación ArtAids, a Fundació Joan Miró e o MARCO queren denunciar e poñer de manifesto os prexuízos existentes cara á sida que contribúen ao illamento dos enfermos. Se, como di Han Nefkens, compartir evita sentirse só, agora queremos compartir esta visión co público para lembrar que "non estás só".

No caso do MARCO, esta exposición supón unha segunda colaboración con Han Nefkens -creador da Fundación ArtAids-, que xa participou na mostra The Suspended Moment (2006).

A Fundación ArtAids utiliza a arte como medio de loita contra o VIH/sida, convidando a artistas recoñecidos a producir obras de arte, que son utilizadas como medio de sensibilización e dunha maior implicación. ArtAids foi fundada polo mecenas e escritor de orixe holandesa residente en Barcelona, Han Nefkens.

http://www.artaids.com/es

Han Nefkens (Róterdam, 1954) é presidente da Fundación ArtAids e propietario da Colección H+F, creada no ano 2000. A partir do seu papel como coleccionista, Nefkens desenvolve unha notable labor como mecenas e promotor de proxectos artísticos counha clara función social, especialmente no que se refire á loita contra o VIH/sida. O lema da fundación, ‘We fight AIDS with art. Worldwide’, reflicte a satisfacción persoal de comprobar que a arte e a loita contra a sida poden ser complementarios, o que confire ás súas actividades como coleccionista un sentido e unha dimensión novos.

Fonte: MARCO