O libro, un auténtico descubrimento da faceta literaria de Laxeiro, recolle un total de 116 textos, dos que 83 son inéditos e 33 recompilados de diferentes publicacóns. O traballo forma parte do proxecto de investigación que constou da exposición titulada Laxeiro, escritos, pensamentos, recordos e relatos, programada na Fundación Laxeiro (nov. 2010 - xan. 2011) e remata agora coa presentación do libro. Un traballo de investigación que, partindo do estudo dun total de 191 textos, foi levado a cabo durante todo 2010, dando como resultado final esta escolma de textos que se estruturaron segundo o seu xénero en: Textos poéticos, Reflexións, Diarios, Soños, Relatos e lembranzas, Retratos, Presentacións e Textos sobre arte.
Publicado en formato bilingüe -galego e castelán-, a localización, recompilación e picado de textos correu a cargo da bisneta do artista, Paula García-Suárez Fernández, a revisión lingüística foi realizada por Anxos Sumai e Javier Pérez Buján e a edición corre a cargo deste último. Unha edición que inclúe 141 notas a pé de páxina nun esforzo por contextualizar os contidos que o autor vai desenvolvendo, conformando un texto paralelo que axuda a comprender e situar na súa época multitude de nomes, lugares e situacións que se van citando no libro.
Fonte: Fundación Laxeiro