culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Pintura sándwich

Visitamos a realidade a través da pantalla dun ordenador e rematamos poñendo os pés en mostras e remostras. Poñemos puntos de escala dun itinerario pola pintura no presente, polas obras e autores dunha serie de exposicións que nestes días se inauguran no territorio galego e que, dun ou doutro xeito, falan diso: de vivir e comer a pintura. Cada un ó seu xeito.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Sen ánimo de resultar pesado, salpico a última suxestión na liña do falado a semana anterior. Recordade: falabamos de galerías e de compras. O meu consello é que visitedes tamén as galerías de arte e as fundacións ou centros nas súas páxinas web, poderedes ver os seus fondos e coleccións. Pasade pola sección de axenda de www.culturagalega.org onde tendes as ligazóns a todas elas. Por exemplo, a páxina da galería Ad hoc ten un amplo abano de pezas expostas de todos os seus artistas, igual que Trinta, Ana Vilaseco, SCQ, VGO, Marisa Marimón ou Sargadelos. Nalgúns casos podemos ver as obras da propia mostra presente nese momento, noutros só detectamos unha obra representativa dalgún autor da galería. Pero todo serve para facernos á idea, para percatarnos do traballo dalgún artista que antes non poñeriamos na nosa lista de coñecidos. Así, cando pasemos por unha mostra, estilo bienal ou colectiva, diremos: mira, este coñézoo, e ese tamén. Ou: ese parécese a un artista que coñezo (estudio comparado). Porque a arte tamén serve para chulearse. Por intres, resulta moi útil.

Pero poñámonos ó rego. Hoxe toca falar das expos ou mostras que nestes días se presentan ou presentarán no noso territorio. O mesmo que vemos pola fiestra do coche ou erosionamos na busca do pan, día a día. Antes falabamos de páxinas web, pois ben, na páxina da galería SCQ podemos ver a obra de Pedro Calapez, que nestes días presenta unha interesante mostra no CGAC: “Piso Zero”. Inaugúrase este xoves e descobre a súa vertente máis expansiva de liñas e campos escenográficos. Falamos de pintura expansiva, de certa relativización do feito pictórico, na súa relación co espazo e o tempo. As salas inmaculadas de Siza reciben ó seu compatriota co ánimo do inquilino fértil pero impaciente.

Seguimos a visitar a rede, na páxina da colección Caixanova, na da Fundación Caixa Galicia ou nas galerías SCQ e VGO vemos obras de Tatiana Medal e Almudena Fernández, na da galería Marisa Marimón pinturas de Álvaro Negro, que agora nos serven de plataformas de saída das pezas que se ofrecen na mostra “SkyShout. A pintura despois da pintura”, que se inaugura hoxe no Auditorio de Galicia. Percorremos as súas salas, e percibimos o logro dunha mostra de revisión, a nivel internacional, das obras que dixiren e retroalimentan o valor-pintura sen prexuízos e nunha vontade de gran proxecto. Pedro Cabrita Reis, Tim White, Gerard Richter, Fiona Rae, Nathan Carter, Helmut Dorner ou Julian Opie trazan unha liña de seguimento e ruptura.

Pintura identidade
A pintura vólvese azulada, natural, nos pinceis de Carlos de Haes, que nestes días presenta unha fantástica colección de obras no Museo de Belas Artes da Coruña vólvese abstracta e inestable en Xaquín Chaves, no Centro Social de Caixanova de Vigo ou fotográfica en Vari Caramés. Vari é un dese eternos loitadores da imaxe e da súa inesquecible narración, artellando os mitos cotiáns en labazadas de luz, de pigmento húmido e imperfecto na membrana da fotografía. “Tránsito” é o nome da súa última serie de traballos, que presentou en Valencia e estes días podemos ver na galería Ana Vilaseco da Coruña. Na páxina web da galería unha impecable selección de obras anteceden, como un gran sofá, unha visita polos seus tránsitos diarios. En máis dunha ocasión a rede sérvenos para facernos máis unha idea, pero a propia visita á expo serve para facernos todas as ideas, de montaxe, diálogo e conexión coa obra; e máis cando o facemos a través das mans do autor, que nos inxecta a súa emoción e as anécdotas de cada instantánea. O porqué dunha cor, duns zapatos rosas ou dunha determinada muller no fondo dun tránsito de xente, illada ó xeito de Philip-Lorca di Corcia. Marchamos da exposición coa muller dourada bulindo pola memoria; cor feminina de tempos eternos.

O motivo e a esixencia da visita, no plano que marcan os zapatos sobre o parqué, queda agora nunha pintura de cor carne que enmarca as novas obras de Mónica Alonso na galería SCQ. A nova entrega da súa particular empresa creativa insiste nun empeño de facernos a vida máis doada, máis dixestiva. “Os transplantes de beleza”, nomes da actual mostra, recollen o relevo dos “Transplantes de amor” e miran cara a unha maior complicidade co espectador, como sucede coa “Centrífuga de fantasías” ou no “Amor nas nubes”, posibilitando que o visitante pouse as súas cabezas sobre unhas almofadas verticais. As cores sensibles —verdes, vermellos, violetas ou azuis xirando en círculos— dunha escultora que pinta na procura dunha perspectiva de relax emocional. Partes, en fin, da nosa realidade.

Pintura entre parágrafos
A pintura de Lugrís sempre existe. A sala da Fundación Caixa Galicia de Santiago recolleu estes días unha mostra da súa obra e recolleu, mellor, os pasos louros de Rosa Aneiros. Na súa columna de hoxe no Ideal Gallego e no Diario de Pontevedra preséntanos a resposta a aquela visita, un retrato de paisaxes mergulladas, surreais e literaturizadas cos ollos postos no presente. Un Lugrís moi, moi, real, comparado. Gústame escoitar a unha escritora falar de arte; gustoume ler a Anxos Sumai identificándose coa carne de Nan Goldin ou a Ángel Valente comendo na terra de Tàpies. Os relatos humanos da escritora, neste caso de Rosa, son conversas coa boca do salitre, do mar, da brincadeira de amenceres e dos farrapos secándose na faciana dun namorado. Son sempre verdades cotiás para volver. Como nos sucede con Lugrís.

Marcelo Fuentes na galería Marisa Marimón de Ourense, Alex Majewski na galería Ad hoc ou “Adosados” na Fundación Granell, comisariada este última polo marabilloso equipo Monse Cea e Edu Valiña, son outros proxectos máis que interesantes que se presentaron estes días e dos que falaremos. Deixo este texto mentres visito, na rede, a obra de Cidrás na galería La fábrica de Madrid, as de Félix Fernández, Manuel Eirís e Antón Cabaleiro en espazo Feedback, Lamazares en Metta, Rubén Ramos Balsa e Sofía Jack en Fúcares, as de Nano4814 e Suso Fandiño en Ad hoc ou a pintura-video de Tim White na galería Pilar Parra de Madrid, a mesma que ten, se non o sabiades, unha sede en Sanxenxo. Todo, a poucos saltos de xirar a cabeza cara o centro da península, xa ulimos moi preto o recendo de Arco, onde, seguro, a pintura volverá a mostrarse en crise e en alza, a partes iguais.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org