|
|
Colaboradores
Un dos
colaboradores de "Xofre", Ricardo Lázaro, tamén
desenvolveu unha carreira na banda deseñada no noso país.
Lázaro chegou a "Xofre" con vinteseis anos desde
"Vagalume", onde realizaba a serie "As aventuras de
Alistarco Polo". Segundo Fran Jaraba "daquela Ricardo Lázaro
era Deus para nós, alguén que publicaba nunha revista."
En 1982 coincide con este autor e con Xan López Domínguez
na exposición e no álbum colectivo "Coordenadas".En
1989 participou en "Cine e historieta galega" e, ó
igual que os seus compañeiros de "Xofre" aparece
referenciado en "O cómic en Galicia", obra publicada
pola Deputación da Coruña en 1993.
En Xofre colaborou tamén outro mozo, Suso T. que tamén
asinaba co pseudónimo de Alvarito antes de dedicarse plenamente
á literatura e chegar a ser coñecido coma Suso de Toro.
Curiosamente, Suso de Toro continuou realizando esporádicamente
obras de banda deseñada e ilustración polo menos ata
1982, cando está rexistrada a súa participación
na mostra e no álbum "Coordenadas". |
Xofre:
23 anos despois
Cando Miguelanxo
Prado facía fanzines
Xermán
Hermida
O 17 de maio
de 1979 saía a rúa un curioso experimento de autoedición.
Unha publicación de tamaño comic-book, grampada, cunha
portada a dúas tintas na que se pode ver un guerreiro facendo
garda. Na contraportada, unha envellecida Marilyn anúncianos
un perfume coñecido coma "Cheirel nº5". No
interior os traballos de tres debuxantes moi novos que editan o
invento e dalgúns colaboradores. A temática fantástica,
grandes doses de humor e unha abondosa crítica social (con
especiais referencias ós problemas nucleares) enchoupan as
páxinas. Miguel Ángel Prado, Xan Carlos López
Domínguez e Fran Jaraba, todos eles roldando os 21 anos,
iniciaban co "Xofre: Historieta galega" unhas carreiras
que farían historia na banda deseñada e na ilustración.
O comezo
Todo comezou cando Xan López Domínguez e Fran Jaraba
se coñeceron mentres o segundo vendía debuxos pola
rúa no outono de 1978. A coincidencia de gustos sobre banda
deseñada e un café foron suficientes para decidir
botar a andar unha publicación pioneira na banda deseñada
galega. Jaraba decidiu avisar a un excompañeiro de Arquitectura,
Miguelanxo Prado, daquela na Coruña aínda a estudiar
e que compartía a afección pola novena arte.
Xa no propio texto de presentación da publicación
explícanse as razóns polas que esta saíu á
rúa nun intre no que a banda deseñada no noso país
reducíase ós traballos que se publicaban na revista
infantil "Vagalume". Segundo ese texto, "érase
unha vez un grupo que amigos que tiñan, entre outras, a insana
e incurable manía de dibuxar historietas" aos que lles
deu "por non parar hasta que viran os seus garabatos en tinta
de imprenta, co fin de mortificar cas súas paridas a meirande
parte posible de xente" (humildade non lles faltaba). A presentación
da revista non esquece un repaso das eternas cuestións que
acompañan a calquera fanzine feito en Galicia: a ausencia
de publicacións de banda deseñada no país,
de ónde sacar os cartos, ónde atopar colaboradores...
Os tres autores presentaron a revista coma "Publicación
do colectivo Xofre" , composto por eles mesmos, sen ningún
recoñecemento legal e cuns estatutos e réxime interno
acordados entre os debuxantes. O nome ocorréuselle a Fran
Jaraba, lembrando a moda de títulos -"esotéricos",
sinala Xan López Domínguez- que daquela tiñan
as principais publicacións da época ("Metal Hurlant",
"Tótem"...). Ademais, soaba ben, e daquela non
moita xente coñecía o seu significado.
O proceso
Para financiar un proxecto que a día de hoxe os seus promotores
califican de "heroico", os intrépidos autoeditores
decidiron facer pegatinas e vendelas. Logo de reunir suficientes
cartos para pagar a entrada da imprenta acordouse ir pagando o resto
segundo se fose vendendo a publicación. Jaraba e López
Domínguez decidiron que o 17 de maio, Día das Letras
Galegas, sería o día da presentación pública.
Sen embargo, a última hora, o dono da imprenta dixo que non
daba tempo, e os dous autores pasaron unha noite grampando exemplares
no propio local para cumprir os prazos.
A tirada foi, segundo Xan López Domínguez, de mil
cincocentos exemplares, dos que case a metade vendéronse
na rúa o Día das Letras. Os demais fóronse
vendendo, aínda que con escaso éxito, en diferentes
locais da cidade que se publicitaban na revista..
De calquera xeito a repercusión do invento non foi moi grande,
e mesmo recibiron críticas negativas desde algunha publicación
nacionalista que os acusaba de "españoleiros" e
de imitadores do estilo francés en lugar de continuar na
liña dos pioneiros da banda deseñada galega. Segundo
os propios editores, déronse pagado setenta das oitenta mil
pesetas que custou a edición. Os editores coinciden en sinalar
que as dez mil restantes danas por pagadas coa noite pasada a grampar
na imprenta.
A imposibilidade de continuar o proxecto debeuse á disolución
do colectivo Xofre. Fran Jaraba decidiu voltar á Coruña
a continuar arquitectura xusto cando Miguelanxo Prado marchaba facer
a mili e Xan López seguía en Compostela o que deixou
sen contacto os tres autores para un hipotético segundo número
da revista.
As carreiras
Logo da fallida experiencia de "Xofre", ningún
dos membros do colectivo cesou a súa actividade. A comezos
dos oitenta xa vemos a Miguelanxo Prado realizando a serie "Os
compañeiros" para "La Voz de Galicia" compaxinando
esta actividade coa seu traballo no "Zero Comics" de Barcelona.
Pouco despois comezaría a publicar profesionalmente nas distintas
revistas do grupo Toutain iniciando unha exitosa carreira xa por
todos coñecida e coa que acadaría fama internacional.
Unha fama que non o fixo esquecerse da promoción da banda
deseñada no país. Así, nos últimos vinte
anos Prado estivo apoiando todo tipo de iniciativas que se desenvolveron
no país a prol da novena arte: Desde realizar portadas para
publicacións a encargarse en 1998 da dirección da
fallida "Elipse", unha revista que ía ser semestral
e que pretendía facer banda deseñada en galego con
financiamento público. A pesar deste fracaso, Prado continuou
o seu traballo no país encargándose da organización
de "Viñetas desde o Atlántico" na Coruña
ou facendo a postal que se regalou co número dous de "BD
Banda" no 2001.
Pola súa banda, Fran Jaraba e Xan López Domínguez
fanse no mesmo 1979 co primeiro e segundo premio no certame de banda
deseñada que organizou a asociación "O facho"
(pioneiro no país). Foi na exposición correspondente
a este certame cando contactou con eles a editorial Anaya, onde
iniciarían a súa carreira na ilustración infantil
e xuvenil.
Tres anos despois atopámolos na exposición "Coordenadas"
e no número especial que a revista do mesmo nome dedicou
á banda deseñada. Tamén en 1982 Xan López
Domínguez volta ó terreo da autoedición participando
no fanzine "El patito feo". Os dous autores voltan coincidir
colaborando entre 1983 e 1984 na revista satírica "Can
sen dono". A partir deste intre as carreiras de ámbolos
debuxantes vanse centrando na ilustración para literatura
infantil e xuvenil.
En 1988 Fran Jaraba volta á banda deseñada para facer
"A volta a Galicia en corenta pontes e medio", un álbum
financiado por Autopistas del Atlántico. Un ano despois volta
coincidir con Xan López Domínguez na obra colectiva
"Cine e historieta galega", editada con ocasión
da xornadas de cine Xociviga. En 1990 publican senllos traballos
no especial que "A Nosa Terra" dedicou á novena
arte o Día das Letra baixo o título "A banda
do 17" e coinciden na mostra que o colectivo cultural Xiria
realizou en Cangas con motivo da I Semana de Banda Deseñada
desta localidade.
No eido da ilustración Xan López Domínguez
ten acadado recoñecementos internacionais coma o premio UNICEF,
unha placa na bienal de ilustración de Bratislava, a inclusión
na Lista de Honor do IBBY en 1992, o premio Malba Tahán da
Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil do Brasil
en 1994 ou a honra de ser seleccionado para a Feira do Libro
Infantil de Boloña en numerosas ocasións.
No ano 2000, e con ocasión da saída ó mercado
do número seis de "Golfiño" debuxou "Escaqueo",
un experimento narrativo no que se mesturaban a banda deseñada
e ilustración. Na mesma liña publicou no 2001 a historia
muda "Un paseo polo parque" no primeiro número
de "BD Banda". Segundo el mesmo sinala, como planificar
páxinas fáiselle aburrido, o que fai é debuxar
esceas e ir probando diferentes combinacións das mesmas no
computador. Na actualidade conta con máis de trescentos libros
ilustrados editados en todo o mundo entre outros innumerables traballos
Pola súa banda, Fran Jaraba realizou tamén abondosos
traballos de ilustración, compaxinándoos co seu traballo
coma profesor e acadando diversos recoñecementos. En 1989
fíxose co premio "Curuxa gráfica" de Fene
e en 1990 acadou o Premio Lazarillo do Ministerio de Cultura polo
seu traballo nos "Contos por palabras" de Agustín
Fernández Paz. No ano 2000 voltou á banda deseñada
co álbum "Cita na Habana", editado por Xerais en
galego e en castelán logo dun traballo de máis de
dous anos. Tamén colaborou con "Golfiño"
realizando varias ilustracións.
Proxectos
Miguelanxo Prado atópase logo dunha longa época sen
facer banda deseñada, embarcado simultaneamente en varios
proxectos. Por unha banda está a realizar a versión
en banda deseñada da serie de animación "Os vixilantes
do Camiño" que comezará a publicar en breve a
revista "Golfiño" e a rematar a ilustración
dunha obra sobre a cidade de Porto Alegre para o Colexio de Arquitectos
de Galicia.
Ademais, atópase debuxando unha historia de vinte páxinas
con guión de Neil Gaiman sobre un dos Eternos creados por
este afamado guionista. Tamén está a traballar nun
álbum con guión de Pierre Christin que verá
a luz dentro da colección "Les correspondences"
da editorial francesa Dargaud, e noutro máis totalmente feito
por el que publicará a editora Albin Michel. Por se fose
pouco, non abandona o proxecto de publicar o material co que ía
saír o segundo número de "Elipse".
Fran Jaraba está actualmente a rematar os debuxos da segunda
parte de "Cita na Habana", que previsiblemente editará
Xerais cara o 2003. A historia continúa as aventuras de Maxi
Torres, e comeza cando é detido por desertor e vese ameazado
co fusilamento. O autor promete máis acción e menos
documentación nesta segunda entrega.
Pola súa banda, Xan López Domínguez continúa
o seu labor coma ilustrador fundamentalmente para obras de literatura
infantil e xuvenil, xénero no que está a explorar
novos estilos. Ademais está a realizar a súa primeira
experiencia profesional en animación realizando o guión
e o deseño de personaxes para o episodio piloto dunha posible
serie.
Descarga
o PDF coa reportaxe ampliada e o facsímil de "Xofre"
aquí (13 Mb)
Precisas do Acrobat Reader para lelo.Podes descargalo de balde aquí
|