![]() |
![]() |
Inicio > A Coruña > Contexto > Coa memoria no paseo |
O caso Montero Ríos A influencia que daquela tiñan estes persoeiros, cun poder inmenso sobre as provincias que representaban en Madrid, deu en que algunhas das principais vías das cidades polas que exercían mandato quedasen co seu nome. Ese vencello provincial ou local fixo que en poucos casos este tipo de homenaxes se xeneralizasen no nomenclátor de vías galegas. Neste sentido, posiblemente o prócer que ten unha maior representación nas nosas vilas sexa Eugenio Montero Ríos. Considerado un dos principais caciques políticos de finais do século XIX a nivel estatal, Pontevedra, Vigo ou Compostela son algunhas das cidades que teñen espazos públicos dedicados a el. Progresista vencellado á Institución Libre de Ensinanza, xurista destacado, ministro en varias ocasións e presidente do Tribunal Supremo, foi quen asinou o Tratado de París que puña fin aos dominios coloniais españois en Ultramar despois da Guerra de Cuba. A pegada na cidade Aínda sen contar con tantas rúas a seu nome, son do máis común os casos de políticos desta época que contan con homenaxes locais. Deste xeito, na Cidade do Lérez deixou fonda pegada e, como non, unha rúa, José Riestra López, primeiro marqués de Riestra que era considerado nos seus días un dos maiores caciques de todo Estado. Senador Vitalicio e Deputado por Pontevedra, foi ademais o promotor do primeiro complexo hostaleiro na Illa da Toxa. Dicíase na época que España contaba con 48 provincias, porque a 49, Pontevedra, era propiedade do marqués. Pola súa banda, Vigo bautizou unha das súas principais vías co nome do político que a representou en Madrid durante case medio século, Ángel Urzáiz. Esta destacada figura, deputado durante corenta anos, coincidiu con Montero Ríos en varios gabinetes e foi o impulsor de grandes obras na cidade que representaba, onde fundou ademais o xornal "La Voz de Vigo". O seu traballo tamén lle valeu que a vila de Gondomar lle dedicase unha vía. Esta mesma provincia lembra de xeito especial a Augusto González Besada, que ten rúas en Tui, Pontevedra e Sanxenxo, e que compartiu con moitos destes persoeiros os avatares políticos da época. Cunha popularidade semellante se encontra o escritor conservador Juan Armada, Marqués de Figueroa, que deixou o nome na Coruña e mais en Pontevedra. Vidas paralelas A biografías semellantes á xa mencionadas responden boa parte dos nomes que nos legou aquela época nas vías públicas. A Avenida Conde de Bugallal de Pontevedra débelle o seu nome a Gabino Bugallal Araújo, segundo en ostentar este título, que foi ministro de varias carteiras durante o reinado de Alfonso XIII e que ocupaba a de Economía cando se proclamou a República. Naquel momento coincidía no goberno con outro ilustre que dá nome a unha rúa: Manuel García Prieto, Marqués de Alhucemas, conta cunha placa en Compostela. Este persoeiro, que ademais era xenro do propio Montero Ríos, desempeñou tamén diversos cargos políticos, asinou con Francia os tratados sobre o protectorado español en Marrocos e chegou mesmo a ser presidente do goberno durante dous días, logo do falecemento de José Canalejas. Pola súa banda, A Coruña ou Narón son lugares que conservan en placa a memoria de Linares Rivas, outro galego que se moveu nas turbias augas da política entre finais do século XIX e comezos do XX, pasando do Partido Liberal ao Conservador e desempeñando tamén varios ministerios. Desde Lugo lembran o Conde de Pallares, un dos máis activos impulsores da penetración do ferrocarril en Galicia e destacado teórico sobre a cuestión agraria. E é que en todas as partes había próceres. Cuestión local Non nos debe estrañar o feito de que abonden as homenaxes locais. Desde a Oficina do Padrón do Concello de Compostela indícannos que de xeito tradicional a decisión de qué nome lle impor a unha rúa depende directamente da corporación de cada momento, sen que exista un regulamento específico para outorgar estas distincións. E moito menos coordinación dalgún tipo entre os diferentes concellos, o que podería dar na xeneralización de determinados nomes na nosa xeografía. Memorias polémicas De xeito máis recente, hai casos nos que é a polémica a que mantén viva a memoria de quen deu nome a unha rúa. Neste sentido o caso máis evidente é o das rúas que homenaxean persoeiros da época franquista, unhas honras nas que si hai unha destacada pegada do poder central. Posiblemente para moita da xente máis nova nomes coma "Alféreces provisionais", "Xeneral Sanjurjo", "Alfonso Molina" "Salvador y Merino", "Capitán Eloy", "Juan Canalejo" ou "Salgado Torres" non fan referencia máis que a un lugar ata que os diferentes debates para retirar a simboloxía e os nomes da ditadura das nosas rúas traen á actualidade a súa orixe. Neste sentido, o esquecemento en que se moven moitos dos nomes que recollemos dá a idea de que, en xeral, no noso país non houbo unha polémica especial con estes persoeiros. Claro que resta por ver se no futuro se han lembrar da xente a quen estamos a homenaxear a día de hoxe poñendo o seu nome nunha placa. |
|
Un proxecto de culturagalega.org e o Arquivo da Emigración Galega coa colaboración da Sección de Comunicación, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia. Dirección: Manuel Gago / Marcelino X. Fernández Santiago Redacción e produción: Emilia García, Prudencio Viveiro (Arquivo da Emigración Galega) Xermán Hermida, Santi Montes, Cristina Mouriño (culturagalega.org) Rosa Aneiros, Daniel Salgado (Sección de Comunicación do CCG) Montse Pena (Sección de Literatura do CCG) Deseño: Miguel Alonso, Manuel Gago Infografía: Manuel Gago “Co noso agradecemento á Real Academia Galega, a Manuel Lugrís Rodríguez, e á Consellaría de Cultura polos retratos de Lugrís Freire” |