l

 

 


[NARRADOR]

Miguelturra (Ciudad Real), 1947. Enxeñeiro de telecomunicación. Colaborador en revistas e xornais galegos, con series como Os xuramentados, Desde a última trincheira, O impaís, Do caderno ó prelo, etc. Iniciou a súa andaina como escritor co libro de relatos Voltar, seis personaxes e un fado (1972). É tamén autor de libros de viaxes, como Arxentina (1991) e Viaxes no país de Elal (1992), e coautor do método de aprendizaxe Galego hoxe (1980). Como traductor realizou versións en galego das obras A illa do tesouro (1985) de Stevenson e Estudio en escarlata (1986) de Arthur Conan Doyle. Membro activo do PEN Clube galego.

Obra narrativa de Xavier Alcalá: autor de narracións breves, como A fundición (1978), Premio Pedrón de Ouro. Entre as súas novelas pódense sinalar A ínsua (1978); A nosa cinza (1980); Fábula (1980), Premio Cidade da Coruña, Premio da Crítica Española; Nos pagos de Huínca Loo (1982); Tertulia (1985); Fumes de papel (1988); Cárcere verde (1990); Latitude Austral (1991); Contos das Américas (1992); Contos do impaís (1992); Código morse (1996); Alén da desventura (1998), Premio Blanco Amor.

 

necesitas:






 

 

Xubilosa foi a primeira celebración de misa,  á que se achegaron numerosas mulleres coas súas criaturas. Tivo lugar en hora de farta luz nos ceos limpos, con columnas de fume que saían dos fogóns dos moitos toldos espallados por toda a marca do cacicado. Había unha santa paz sobre os campos nevados e aquela pureza da neve inspiroume a predicación de Santa Paula Barbada, a dona casta que, sentíndose acosada por un poderoso señor que a requiría de amores ilícitos, encerrouse a orar pedindo á Santísima Virxe intercesión ante o seu Divino Fillo para que lle concedese atributos capaces de a converteren en espanto aos ollos dos varóns, e obtivo por milagre unhas cumpridas barbas co efecto desexado.

Vin bágoas nos ollos das que vivían como barragás dos indios, incapaces de se subtraeren á varonil imposición, e comprendín, como comprendeu e me indicou o Manuel Hermosilla, que o campo do arrepentimento estaba adubiado e pronto para a sementeira da Gracia. Só ficou nas nosas almas o grave peso de non podermos dar socorro de inmediato ás perdidas, correndo, como corrían, o risco de morreren antes da confesión e sen cumprimento do propósito de enmenda.

Das mulleres cristiás obtivemos noticia de haber uns estranxeiros polos pagos da República, varios loiros e un mulato, o cal coincidía co xa escoitado no Vuulcan; e non tardamos en ter confirmación dese punto, e dunha anterior sospeita.

Pasadas que foron unhas tormentas de neve, volveron o Baltasar e o Rego, os nosos compañeiros de peregrinación, que viñan de Chile, onde venderan o que trouxeran de valor connosco, e onde morrera o Alonso nunha liorta. Fíxenlles queixa das continuas bebedeiras e fornicacións a que se entregaban os súbditos de Ancapán, seus veciños, con grave escándalo de menores; e dun costume supersticioso, o de bateren os coiros dos toldos con varas para afuxentar o Hualichu ou espírito do Mal, con algueirada que resultaba en mingua do descanso e da orde nas vidas. Pedinlles axuda para explicaren aos demais os principios que nós lles predicaramos, e asistencia aos cultos para atraeren outros indios co seu exemplo, faltando cristiáns en catividade que nos axudasen no apostolado, aos que non viamos asistir.

Neste punto razoou o Baltasar que os cristiáns xa antigos na tribo colleran os costumes dos infieis e non debiamos esperar moito da súa condición; mais había novos cristiáns aos que se podía avisar das cerimonias, esperando que fixesen acto de presencia nelas.

Prometeu avisalos; e así sería, por noticia que el transmitise de propia vontade, como se presentou  entre os fieis un home mozo e alto, de tez clara curtida polos ventos cordilleiráns, loiro e de ollos azuis, vestido ao xeito da terra pero indubidablemente alleo a ela. Atendeu con aparente devoción e fixo o sinal da cruz con seguridade, do cal deducín fose católico, dalgunha nación europea.

[Alén da desventura. Vigo. Xerais, 1998]

 

 

 


Cultura Galega.org

Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000