
No medio
da pista non quedaban xa máis que dúas parellas que aproveitaban a música
cansa da peza final. Pouco a pouco o cheiro quente dos corpos deixaba paso
ó ambientador con recendo a rosas, que ía baixando dende o corredor do piso
alto, mentres nas escaleiras de saída un camareiro convencía con
dificultade a dous borrachos que xa se cambiaran a chaqueta do smoking e os
zapatos, e queríanse cambiar aínda os pantalóns tamén. Entón un deles
berrou me cago en el as de oros y en los huevos del rey de Portugal, e foi
Ricardo Romero a dicirlle que por favor, que aínda quedaban señoras na
sala. Mara ría hip hip hip e logo, botando o corpo para atrás, xirou o
taburete de repente e pediu outro gintonic, por favor. Pero o barman xa
saltara a axudar ó compañeiro que acaba de recibir un puñetazo na boca e
comprobaba asustado que dos labios lle saía unha fontiña de sangue. Do
fondo da pista empezaron a pedir: que lo remate, que lo remate. E mentres
Ricardo facía xestos de calma, señores, compórtense como caballeros, sen
que ninguén lle prestase atención, dende a porta dos servicios chegou unha
voz ronca que se infiltrou por entre os ruídos das sillas, por debaixo dos
berros, sobre o derradeiro compás da música, para quedar soíña un instante
colgada no aire: caballero ti e a burra que te pariu. Foise cara a el e
chimpouno contra a parede. Despois deulle co xeonllo dereito no ventre e ía
baterlle na cabeza cando se meteron dous músicos polo medio e arrastrárono
pola forza ó centro da pista. O outro saíu dobrado, farfullando algo entre
os dentes, e subiu as escaleiras de saída baixo un coro de berros, asubíos
e aplausos. Mara dixo up, Ricardo, up up up, e foise correndo a abrazalo.
Alguén pediu música, e unha señora ascendeu descalza e tambaleante os tres
escalóns do baldaquino que ocupaba a orquesta, colleu o micrófono e púxose
a cantar Strangers in the night. E antes de que rematase, xa Mara
empezou pasimisí, pasimisá por la puerta de Alcalá, e púxose todo o mundo a
saltar, a bailar, a berrar... Logo veu a conga de Jalisco, a raspa, outra
vez o pasimisí, o pasodobre España cañí, a ovejita lucera e polo río abaixo
vai unha troita de pe. Tamén veu un discurso de Ricardo no que rematou
dicindo que auga pasada non moe muíño, o que lle serviu para entoar moe que
moe moendo; cantou novamente a señora descalza, da que de seguida se correu
que se chamaba Gela e que era pintora; os borrachos do comenzo acabaron por
cambiar tamén os pantalóns entre os risos e os aplausos de tódolos
asistentes; a casa invitou primeiro a champán e xa, despois das cinco, a
chocolate con churros; un dos que berraban que lo remate que lo remate,
apareceu cunha empanada de bonito recén saída do forno que se repartiu en
tapas; outro imitou a Louis Amrstrong e a Frank Sinatra; tamén imitaron a
Lola Flores; había un avogado que quería demostrar que era capaz de tocar o
himno nacional inglés póndose co cu para riba e cos pes para abaixo, pero
non o deixou actuar a súa muller, a quen a pintora lle chamou antipática de
xeito cariñoso; dous irmáns xemeos tourearon de salón sen éxito; a
imitadora de Lola Flores andaba a pedir uns pantalóns para facer o pino,
pero non os conseguiu e acabouno facendo coa saia cosida cun imperdible;
Mara bailou por sevillanas; a muller do avogado rompeu un vaso sen querer e
estivo chorando máis de media hora; Ricardo bailou cun camareiro; Gela saíu
despavorida do servicio de señoras dicindo que había un home dentro, e alá
se foron todos, sacárono en calzóns e regáronlle a cara cun sifón; o
imitador de Louis Amrstrong imitou tamén a Charlot; o animador da orquesta
contou o chiste do home que chegou borracho á casa, sacou o ollo de
cristal, meteuno nun vaso de auga, tivo sede de noite e bebeu sen se dar
conta, pero ó día seguinte sentiu molestias en certo sitio (dicía certo
sitio con voz aflautada) e chamou á muller: ai María mírame aquí por baixo
que non sei que teño; e foi ela, achegouse para ver ben e... retrocedeu
espantada: ¡Manuel, ti tes xente dentro!; a imitadora de Lola Flores
animouse e contou o de Jaimito cando quere casar coa mestra; o regado con
sifón dixo que el sabía un moi verde, contouno e regárono outra vez; Mara
entoou un sargento del tabor de regulares; Ricardo seguiuna con su Santidad
el Papa Urbano; o avogado ó que non o deixara actuar a súa dona, puido
contar o chiste do negro que tiña plátanos nunha orella; o músico da
trompeta dixo que coñecía a un señor da súa vila que era tan porco que tiña
entre os dedos das mans esas pelotiñas negras que todos temos entre os
dedos dos pes; un dos xemeos andou a catro patas, coa señora do avogado
cargada ó lombo, e rinchaba.
[Xoguetes para un tempo prohibido. Vigo. Galaxia,
1988 (7 ed) ]
|