l

 

 

 

 


[NARRADOR]

Mondoñedo (Lugo), 1942. Marina Mayoral e profesora titular de Literatura Española na Universidade Complutense de Madrid. Prestixiosa investigadora e crítica literaria, con importantes traballos sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, así como sobre poesía e prosa contemporáneas.

En galego publicou as seguintes obras narrativas: Unha árbore, un adeus (1988); O reloxio da torre (1988); Chamábase Luís(1989), novela traducida ó catalán, ó portugués e ó castelán e Premio Losada Diéguez; Tristes armas (1994); Querida amiga (1995). En castelán ten publicado Cándida otra vez (1979); Plantar un árbol (1980); Al otro lado (1980); La única libertad (1982); Contra muerte y amor (1985); Morir en sus brazos (1989); Recóndita Armonía (1994); Dar la vida y el alma (1996); Recuerda, cuerpo (1998); La sombra del ángel (2000).

 

 

necesitas:

 



 

Quedou bonito o magnolio ¿non si? Halo cuidar, eh, Paco. ¿Prométesmo?... É certo. Sempre me complaciches en todo, síntome en débeda contigo. En realidade en débeda con tódolos de aquí: Nana, Ramón de Castedo, Benxamín e ata con don Gumersindo, e dende logo con meu pai e contigo. Aquí tiñádesme coma a unha raíña... Agora xa non é posible. Hai un intre na vida no que decide-lo futuro e eu elixín outra cousa. Agora sinto cada vez máis forte a nostalxia do que deixei e do que puido ser. Pero, ó mesmo tempo, non me arrepinto do que fixen. Se o tempo recuase, se tivese a oportunidade de elixir de novo, seguramente volvería a face-lo mesmo, porque tamén sei que, se elixise quedarme, tería sempre a nostalxia do que deixaría de facer, e esa frustración alodaría a miña felicidade aquí, tinxiríaa de resignación, de sacrificio. Postos a nostalxias, prefiro tela deste mundo, do mundo da miña nenez e das persoas a quen sempre quixen... ¿Loitar polo presente? ¿Por que presente, Paco? ¿Por este Pazo baleiro que calquera día afonda? ¿Por Nana? Vinte veces lle dixen que viñese comigo. ¿Que vou facer eu aquí agora? Miro ó meu arredor e non vexo máis ca mortos... A ti morreuche a túa muller, pero estás rodeado de vida: oito fillos contigo, sen contar a Maíta, e un fato de netos, e víveche aínda a túa nai. Estás onde sempre estiveches, botaches aquí raíces e agora recólle-lo froito. Meus fillos non queren saber nada disto e Fernando aínda peor. Se o Pazo desaparecese do mapa quedaría moi satisfeito. Eu non teño aquí máis que recordos... Non digas iso nin en broma, Paco. Ti es para min moito máis ca un bo recordo. Ti fuches a outra alternativa da miña vida e es un término de comparanza constante.  Ti es, despois do meu pai, a persoa en quen mais teño pensado... Tamén para min seguen vivos todos aqueles anos, e tampouco eu esquecín aquela derradeira tarde no hórreo, Paco. Pero o que entón decidín segue tamén vixente... Si, supoño que é iso, Paco, que estou namorada del... Non, non o digo moi feliz, nin sequera moi convencida. A felicidade e o amor teñen pouco que ver. E quizais estás no certo. Quizais non estou namorada senón encirrada en crelo. Quizais o que teño é medo a recoñecer que me enganei, que todo foi un erro inmenso. ¿Pero como lle vas dicir a unha monxa enclaustrada que non hai vida eterna? Débense respeta-las crenzas de cada quen, sobre todo se nelas se compromete toda unha vida...

          Ben, xa chegamos... Non, Paco, non me quedo... Non hai nada que probar. Sei moi ben o que teño aló e o que teño aquí... É curioso. Eu sentinme sempre a única responsable e resulta que ti pénsa-lo mesmo de ti: que non loitaches, que aceptaches pasivamente que eu me fose, que non soubeches reterme. Non é certo. Eu sabía moi ben o que perdía... É moi posible, case seguro, que sería máis feliz aquí, contigo e cos meus, niso non te enganas. Pero tamén meu pai puido ser máis feliz se volvese casar: tería unha muller cabo del, outros fillos para darlle compañía, para continua-la súa tarefa. E non o fixo... Si, estou decidida. Aquí despedímonos; no portalón do Pazo, coma sempre. Dame unha aperta... Adeus, Paco. Coida do magnolio...




[Unha árbore, un adeus. Vigo. Galaxia, 1995 (3 ed.)]

 

 


Cultura Galega.org

Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000