ñ




 
 

[POETA]
Outeiro de Rei (Lugo), 1929. Viviu moitos anos en Monforte de Lemos. Poeta, narrador, ensaísta, dramaturgo, editor, conferenciante e colaborador habitual en prensa, foi cofundador, xunto con Ánxel Xohán, da editorial Xistral e militou en organizacións políticas nacionalistas.
A ampla obra poética de Manuel María está composta, entre outros, polos seguintes títulos: Muiñeiro de brétemas (1950); Terra Chá (1954); Documentos personaes (1958); Libro de pregos (1962); Mar maior (1963); Proba documental (1968); Versos pra cantar en feiras e romaxes (1969); Cancións do lusco ó fusco (1970); Laio e clamor pola Bretaña (1973); Cantos rodados pra alleados e colonizados (1976); Poemas pra construír unha Patria (1977); O libro das badaladas (1978); Cataventos de neutrós domesticados (1979); Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982); Cantigueiro de Orcellón (1984); Versos do lume e o vaga-lume (1982); A luz ressuscitada (1984); As lúcidas lúas do outono (1988); Compendio de orballos e incertezas (1991); A primavera de Venus (1993); Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994); Sonetos á casa de Hortas (1997).
necesitas:




A PALABRA é a única chave que abre

a nosa soedade e pon, á luz

do sol e do luar,

a choída intimidade máis escura.

A palabra nomea e crea ás cousas,

pon orde no mundo

e armoniza a toda a creación.

Cando prostituímos á palabra

estamos invocando ó demoníaco.

E se deixamos morrer unha palabra

o universo enteiro

dóese de orfandade e desamparo.

[Miniescolma. Monforte de Lemos
: Edición de autor, 1998]



A TERRA CHA somentes é:

Un povo aquí, outro acolá,

Mil arbres, monte raso,

Un ceio chumbo e tráxico

No que andan as aves a voar.

O resto é soedá.

[Miniescolma. Monforte de Lemos
: Edición de autor, 1998]



O POVO que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente sua,
está emprobrecendo ó mundo
e perpretando o seu propio xenocidio.

Ese povo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresiós á beleza e ó espíritu
que a vida non tolera nen perdoa.


[Miniescolma. Monforte de Lemos
: Edición de autor, 1998]



CERVO, flor dun soño, temor
emocionado da terra
cando se prepara alborazada
para receber á primaveira,
tépedo vento milagreiro
que cruzas e iluminas
á floresta, lóstrego
que deixas nos nosos ollos
a sorpresa, a camelia gris,
pura e branca da nostalxa.

Cervo feito de luz, orballo,
claridade de alba, símbolo
do meu perfecto amor maduro
de anceios, de soños e de sedes:
gallopa novamente ó meu
cansado corazón esgarecido
para que poida sentir
unha vez máis, só unha vez,

á xuventude

florecendo de novo no meu sangue.

[Miniescolma. Monforte de Lemos
: Edición de autor, 1998]


O PEQUENO e humilde Regato do Cepelo,

que nace e morre na miña propia tribo,

ten a sotil fraxilidade dun salouco

e o delicado arpexio máxico dun chío

e pasa, como unha canción de amor,

rozando e agarimando á terra lene,

pura, estremecida e alertada.

A increíble levedade da sua auga

faise fiel espello para levar consigo

á miña imaxe:

única eternidade

que a piedade dos deuses me concede.

[Miniescolma. Monforte de Lemos
: Edición de autor, 1998]


UN POEMA é un ser vivo que anda,

respira, soña, chora, salouca,

ama, berra, cintila e escurece,

cala, aborrece a mentira,

sente odio e ternura, desángase,

fala de intimidade a intimidade

coas cousas e coa xente, suxere

mundos posibeis e imposibeis,

suda, cansa, sente sede e fame,

adoece, agoniza.

E nunca morre.

[Miniescolma. Monforte de Lemos
: Edición de autor, 1998]

 


Cultura Galega.org

Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000