ñ





 
 

[POETA]
Lugo,1953. Traballa como Procurador dos tribunais na Coruña. Colaborador de xornais e revistas, formou parte do consello de redacción de Bonaval, Coordenadas e Luzes da Galiza. Premio Nacional de Poesía para menores de 25 anos en 1972, Premio Guimarâes en Portugal, gañador do Celso Emilio Ferreiro 1979 do Concello de Santiago por Víspera do día, Premio Antón Tovar 1993; Premio González Garcés e Premio da Crítica por Memoria de agosto (1993), (1979); Alba de auga sonámbula (1983); Solaina de ausencia (1987); Agosto (1990); Subida al ángel (1992); O sol entre os dedos (1993); Memoria de agosto (1993); En voz baixa. Quince anos de poesía (1979-1994) (1995); El volumen de la ausencia (1997), prólogo e selección de Luciano Rodríguez.
A obra de Xulio L. Valcárcel está parcialmente traducida a numerosos idiomas: castellano, catalán, francés, italiano, ruso, inglés...
necesitas:




Baleiro esvara o tempo
na peneira das horas
como vaga luz amorosa
de veraos antigos e mapoulas.

Polas celosías somnolentas
xiran as lembranzas
en procesión de sombras vagarosas.

Grinaldas de soños cercaron
a túa frente de esquenzos
facendo cada vez máis íntima
a tornasolada paz do abatemento.

Ti xa non es de aquí
e nada aquí te ata,
infinda soidade a túa
cara a cara coa morte,
frente ao Enigma soa.

Na raíz máis fonda presentes
a imposible alborada
sabes do inútil da agarda.

Para o día e para ti, a noite avanza.

Os teus limpos ollos claros
paxaros mouros dos adeuses
vanos poboando
e pois morre a tarde en ti,
tamén ti coa tarde,
te irás marchando...

 

[En voz baixa.
Ferrol: S. C. Valle-Inclán, 1997]

 



Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai.
E pola muller
que dá forma á beleza.

Polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.

Polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.

Gracias quero dar polos nenos
que non coñecen nin a culpa nin a morte.
E pola música,
leve espírito do vento.

Pola luz
que nos devolve o mar nos ollos da amada
e polo aire, vivificante e saudábel.

Pola beleza,
que nos enche e acovarda,
e polo mencer
que nos ofrece a ilusión
da primeira vez.

Gracias
pola xuventude e polos sentidos.
Polo loureiro e o trigo,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive.

Gracias quero dar
polos días que compartes comigo,
pola caricia e polo beixo.

Gracias polo mar, absoluto e poderoso.

Gracias polo silencio e polo verso.

[En voz baixa.
Ferrol: S. C. Valle-Inclán, 1997]


Se subo ata o teu berce
e me remonto polo anos
son neno contigo en celestes
mañás de balanzos e sinos,
préndome ao voo da túa saia
e esperto ao amor
nun mencer cheo de alas.

Mais, se envellecemos xuntos,
se desandamos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
norde como un barco.

Se envellecemos xuntos
e desfago a madeixa dos meus días
ao teu lado
fareime confidente
do teu camiño sen pegadas
do teu canto e do teu ánimo.

Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en balde.

Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei o repenicar da chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz
esmorecerse en calma.

Bastarame para entendelo todo
o ollar confidente desa túa luz sen ansia.

[En voz baixa.
Ferrol: S. C. Valle-Inclán, 1997]

 


Cultura Galega.org

Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000