l





 
 

[POETA]
Roás-Cospeito (Terra Cha), 1952. Profesionalmente desempeñou varios traballos: estivo cinco anos na editorial Castrelos, foi corrector de A Nosa Terra, colaborou en Adiante, Teima, A Trabe de Ouro, Atlántico Diario, Faro de Vigo e La Voz de Galicia, e, na actualidade, é funcionario do Concello de Lugo. Pola traducción ó galego da Divina Comedia de Dante, foille concedido o Premio Otero Pedrayo en 1989 e a Medalla de Ouro da cidade de Florencia. Amais de destacado narrador, como poeta obtivo importantes premios, entre eles o Cidade de Ourense e o Celso Emilio Ferreiro.
Dentro da abundante obra poética de Darío Xohán Cabana destacamos os seguintes títulos: Verbas a un irmao (1970); Romanceiro da Terra Cha (1973); Mortos porque Galicia viva (1974); Ábrelle a porta ó día (1981); A fraga amurallada (1983), Premio Cidade de Ourense; VIII fragmentos (1987), Premio Cidade de Ourense; Amor e tempo liso (1987), Premio Celso Emilio Ferreiro; Cantigas de amor vilao (1987); Patria de mar (1989), Premio Celso Emilio Ferreiro; Antoloxía poética (1992); Recolleita (1992); Cinco lendas (1992); Canta de cerca a morte (1994), Premio Martín Codax.

Le a entrevista a Darío Xohán

necesitas:





Avanzarán as augas
turbas e atroadoras,
mais nós, xente do galo,
non deixaremos Antioquía.

Baixo das tebras húmidas
virá o tempo do peixe
pra asulaga-lo mundo,
mais nós, xente do galo,
non deixaremos Antioquía.

Nubes de espanto negro
cubrirán os carreiros
do sol, será vencido,
virá horrorosa noite,
mais nós, xente do galo,
non deixaremos Antioquía.

Os traidores da tribu
refuxiaranse lonxe,
marcharán dos poubeos
dos avós que morreron
conformando cidade,
mais nós, xente do galo,
non deixaremos Antioquía.

Perderemos batallas,
esbroaranse muros
de fraterna defensa,
non haberá esperanza
de atua-la crecente,
será certa a ruína,
mais nós, xente do galo,
non deixaremos Antioquía.

Cantarán os paxaros
da morte negra ausencia,
só quedará memoria
das orgullosas torres,
recubrirán as augas
a desfeita indicible
de todo o que estimamos,
máis nós, xente do galo,
non deixaremos Antioquía.

[VIII Fragmentos.
Barcelona: Sotelo Blanco, 1987]

 



Paso a paso marchando
nos camiños da patria,
levamos na memoria
as alegres palabras
que Reboiras dicía
cando entre nós andaba.
Polos campos labrados,
polos peiraos e as fábricas,
sementamos as verbas
do noso camarada.
Ouh aquela canción
de vida e de esperanza,
ouh aquelas sorrisas
amigosas e cálidas,
ouh aquelas mans duras
no traballo forxadas,
afeitas a colleren
ferramentas e armas.
Terras do Val de Lemos
humildes e onduladas
que o mirastes pasar
ó noso camarada.
Rúas pinas de Vigo,
de Cangas, de Moaña,
casas traballadoras
que lle destes pousada,
dicídeme se non
queda a sombra cravada
nos carballos, nas lousas,
nas paredes das casas,
se non queda a súa vida
inmóbil na lembranza
dos barcos, dos peiraos,
das palleiras, das fábricas.
Anchos campos da terra,
común e doce patria,
dicídeme que a morte
do noso camarada
é pedra de futuro,
cimento de alborada,
roxa estrela, martelo,
fouce, bandeira, cántiga,
dicídeme que o vento
trae as súas palabras,
que o seu corpo baril
pervive nas montañas,
que non morreu Reboiras,
que está sempre na patria
contido na conciencia
do pobo que levanta
formacións de combate,
razóns de barricadas.
Dicídeme, congostras,
vales, chairas, montañas,
que está con nós pra sempre
cravado na lembranza
o capitán do pobo,
o altivo camarada.

[Recolleita.
Santiago de Compostela, 1992
]

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000