l





 
 

[POETA]
Forcadela, Manuel. Tomiño, 1958. Poeta, narrador, ensaísta e crítico literario. Doutor en Filoloxía Hispánica Galego-portuguesa; Catedrático de Lingua Galega e Literatura. Profesor asociado da Universidade de Vigo.
Obra poética de Manuel Forcadela: Ferida acústica de río, Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Vigo 1981; O regreso das ninfas (1985); El regreso de las ninfas (1992); O varredor en outono (1987), Premio Leliadoura de Poesía; Nausícaa, carpeta con catro poemas do autor e tres gravados de Laxeiro. (1992); Profecía (1993); Morte do fadista (2000), Premio Espiral Maior; Refutación da musa (2001), Premio Aula de Poesía de Barcelona.
necesitas:





Sen dúbida pertenzo é estirpe dos incrédulos,
Daqueles que furtados ao ilícito clamor
Da noite e as escuras fantasías
Deitaron a súa ollada no incerto desta hora
E foron procurar no leito doutros ríos
O brillo do diamante, a luz de antigos ouros.
Mais nada conseguiron encontrar.
Así que aquela fe, a crenza que moraba
Nos templos ortodoxos da conciencia,
Murchou como as hortensias. E as pedras sucumbiron
Ao embate das hedras e as chuvias e o inverno. Non debo agora entrar no templo que veneran
Os últimos afectos das prístinas bandeiras.
Non quero que perciban as miñas ironías,
Oh eles sabedores de tanto arcano rancio.

Acaso podo ser molesto sen querelo,
Chegar e interromper algún dos novos ritos,
Pisar a froita fresca que xace sobre o chan,
Verter algún dos cántaros con augas olorosas,
Deixar que algunha voz recente se esparexa
Na música de verbos tan antigos.

Non debo, pois, chegar e oculto presentarme,
Portar unha oferenda sen fe na providencia,
Sen crer de feito en deus humano nin divino,
Agora que, xa vello, do Imperio no crepúsculo,
Comezan a espallarse, sectarios, os cristiáns.

Ah Roma derrubada, acaso máis fermosa
Do que na altura nívea, no tempo cenital,
Dos grandes poderíos,
Agora só ruína, borralla entre os espolios.

[Refutación da musa.
A Coruña: Espiral Maior, 2001]


As mílites murallas, os pórticos castrenses,
Vestíbulos e arcadas, alpendres, barracóns,
Que deron acollida, serviron de refuxio,
Na gloria e na ignominia do éxito e a perda,
A aquel que a infantería serviu con dignidade,
Murcharon cando a guerra deixou de acalorar
Os ánimos e as ánimas, os corpos e as materias
E as armas silenciaron o ímpeto do lume,
O estrondo e o balbordo de heroica combustión.

Así que nada fica daqueles territorios
Gardados contra a noite, erguidos para o día,
Que vellos capitáns nun tempo proclamaron
Máis válidos que a vida, con prezo superior
A todos os que, a centos, podíamos morar
Na entraña dos seus cuartos e recintos.

Así que, combatente, non deixes de avaliar
As sabias advertencias, a cauta exortación
Que en forma de poema che ofrece este soldado:
Por patria ou por bandeira ninguén debe doar
O empréstimo fecundo da existencia,
Por credo ou argumento, por sede ou avidez.
As armas na fogueira, funestas, se aniquilen
E a pólvora con chuvias indómitas se estrague.

[Lámpada e medusa.
Inédito.]
 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000