ñ





 
 

[POETA]
Franco Grande, Xose Luis. Tebra, 1936. Licenciado en Dereito. Asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo. Colaborador en La Noche, Ínsula, a portuguesa Bandarra, Aturuxo e Vida Gallega. Autor do Diccionario galego-castelán e do Vocabulario galego-castelán. Crítico e ensaísta.
Obra poética de Xosé Luís Franco Grande: Brétemas do vieiro (1955), o seu primeiro libro, Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires, que permanece inédito. Herdo da memoria e tempo (1987): inclúe Entre o si e o non (1967) e O tempo á espreita (1987).
necesitas:




A Margarita Ucelay
True love doth pass away!
William Blake
.

A nosa ollada atenta e compracida
repousa nos amantes
que queiman alma e corpo, ardendo xuntos
na mesma labarada,
certos de que o amor
é sempre unha victoria sobre o tempo.

(Reparas nos seus corpos
torrados polo ardente sol de xullo
e na fogueira que arde nos seus corpos,
tan viva que un coidara
eterna coma o tempo).

Por mímese eu achégome ó teu corpo
iodado polo mar
e sinto os nosos corpos
ardendo aínda baixo o sol de xullo:

entón enlazo as miñas máns coas túas,
con seguranza apértoas,
sinto os teus ósos contra os ósos meus,
o bater do teu sangue co meu sangue,
a vida túa e miña
que se nos volve nosa porque é unha.

Os teus ollos atópanse cos meus
e a nosa ollada tórnase lonxana:
de súpeto sentimos
o ardente sol de xullo ás nosas costas,
e vémolo distante, ardendo ó lonxe,
dende este outono que comeza agora!

[Herdo de memoria e tempo.
Vigo: Xerais, 1987]

 



A Gonzalo R. Mourullo
meu amigo
.

Digo Regueiro do Penal e digo
frescura de auga que rebenta en pedra,
roular de muiños nun incerto outono,
auga escachada en foula nos rodicios.

Digo albariño e digo luz vedraia,
longo solpor de outono,
maino zoar de nespras e de abellas
zugando o mel dos derradeiros acios.

Digo cereixa e digo polpa acesa
facendo acenos breves entre as follas,
convocatoria a festas
de merlos barulleiros e agoadizos.

Se digo merlo digo
canto que de frescura enche a mañá;
se digo canicouba eu sei que digo
abrigueiro onde o sol á cobra espile.

Digo maceira, rola, ponte ou fonte
e estas palabras van tecendo o mundo;
eu ben sei cando as digo
que o mundo xorde entón, nacido delas.

Digo a palabra e todo se abre enteiro.
As cousas todas vólvense tamén
coma as palabras miñas,
vedraia herdanza de memoria e tempo.

Entón o mundo todo se me amostra
coa carga enteira que as palabras levan:
pouso que o tempo crea, pero anova,
vedraia herdanza que a memoria garda.

[Herdo de memoria e tempo.
Vigo: Xerais, 1987]


A Elsie e Ernesto Guerra Da Cal
Porque ninguém jamais regressa do desterro
á mesma terra que deixou
E.G. Da Cal
Val la pena tornare, magari diverso.
Cesare Pavese

Despois de tantas voltas e traballos,
a Ítaca volve Ulises.

Mentres a auga salgada a proa fende
e poucas millas quedan xa para Ítaca,

Ulises pensa e cisma
e no caletre encéndenselle imaxes
de figos de ouro baixo a luz do outono,
de viñas en socalcos,

de borboletas tolas sobre os trigos,
de zocas tringueleando polas rúas,
da fonte aquela de auga cantareira...

A Ítaca chega, ó cabo,

Todo cambeou e nada se asemella.
Empeza a comprender:
comprende que Penélope murchara
e que ningún dos dous
faga por atopa-la ollada do outro.

Ulises sabe agora moitas cousas:
que case todas pasan - Panta rei!-,
que o tempo múrchaas ó pasar por elas;
pero tamén que algunhas permanecen
e seguen aínda máis alá de nós.

Se dixo: Panta rei!,

moi logo pensa que Ítaca non pasa,
que Ítaca é coma o tempo,
que pasa, pero que ó pasar se anova.

Ulises amudece, pensa e dí:

"-Voltar a Ítaca foi a miña vida.

Porque puiden tornar agora sei
que Ítaca, coma o tempo, é inmortal.
Todo queda pechado e bate xusto.
A miña volta xa non foi en van!"

[Herdo de memoria e tempo.
Vigo: Xerais, 1987]

 


Cultura Galega.org

Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000