A traxectoria
da evolución da normativa do galego é complexa.
Tres diferentes visións da nosa relación da
lingua co portugués crearon asímesmo cadansúa
proposta sobre como debemos escribir a nosa lingua. Serafín
Alonso, experto na evolución do estándar
do galego, explícanos as principais posturas en conflicto
e a evolución da normativa.
AS
POSTURAS EN CONFLICTO
Nunha síntese extrema diferenciamos, na actualidade, tres
correntes básicas. Unha primeira, autonomista, que considera
o galego un idioma independente. Outra, reintegracionista,
que o considera integrado nun diasistema con tres estándares
(galego, portugués, brasileiro). E unha terceira que o xulga
un dialecto asilvestrado, sen outra posibilidade de escrita
culta có padrón portugués (exclusivismo lusista).
Autonomismo.- Distinguimos nel dúas tendencias:
Oficialismo.- (En Galicia, en
galego). Non é mester ser sociolingüista experto para decatarse
de que os galegos e as galegas que aceptan como válida e xustificada
a normativa elaborada polo ILG e a RAG constitúen a inmensa
maioría (académica e extracadémica) da poboación.
Reintegracionismo de mínimos.- (Na Galiza, en galego). Tamén coñecido como normativa de concórdia,
vía media ou terceira vía. A súa distancia verdadeira con
respecto á ortodoxia oficialista foi sempre máis extralingüística
ca estrictamente ortográfica.
Reintegracionismo.- (Na Galiza,
em galego). Continuador do autodenominado reintegracionismo
de máximos, postula unha maior aproximación ó portugués (uso
de g e j, lh e nh; sufixo -çom...). Perdeu forza nos últimos
anos polo avance do exclusivismo lusista e a mellor aceptación
acadada polos "mínimos".
Exclusivismo lusista.- (Na Galiza,
em português) Improvisamos esta etiqueta para designar ós
que defenden como único estándar posible para Galicia o portugués,
que debe ser adoptado polos galegos de forma plena e sen reservas.
 |
¿Como
se escribe?
Pincha aquí para ver un
cadro coas diferencias ortográficas de cada unha
destas normativas do galego. |
O MOMENTO
ACTUAL
Unha hipotética converxencia do reintegracionismo de mínimos
na corrente maioritaria, que algúns anuncian como inminente,
non remataría coas críticas ó autonomismo, pero a relevancia
simbólica dunha acción deste tipo podería ser apreciada positivamente
por un grupo reducido pero influente de cultivadores do galego.
En realidade, non consistiría noutra cousa que outorgar sanción
oficial a unha aproximación que, no teórico e no práctico,
leva anos en marcha (pensemos, p.e., na tendencia que se albisca
na revisión da normativa oficial de 1995 ou na ortografía
adoptada nos últimos anos pola AS-PG nas súas publicacións).
De chegar a callar finalmente, as iniciativas para conseguir
implantar en Galicia un estándar superposto (portugués, castelán)
non cesarían. Nin tampouco os cuestionamentos verbo da idoneidade
da escrita oficial (sexa a que for). Pero unha reagrupación
táctica dos usos gráficos reforzaría o centro normativo e
permitiría compartir tempo e aliar esforzos noutras frontes
do noso conflicto lingüístico onde se libran batallas ben
máis decisivas para o futuro da lingua
SERAFÍN
ALONSO PINTOS (Bonn, 1969).
Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade
de Santiago de Compostela. Colabora desde hai anos con diversas
publicacións (Grial; Revista de Lenguas y Literaturas Catalana,
Gallega y Vasca; Boletín do Arquivo de Planificación e Normalización
Lingüística do Consello da Cultura Galega). No ano 2000 gañou
o VI Premio de Ensayo de Catalán, Gallego y Vasco da UNED
co traballo Para unha historia do estándar galego. As propostas
do período 1966-1980. Traballa como profesor de ensinanza
secundaria e na actualidade prepara a súa tese de doutoramento
sobre o proceso de estandarización do galego.
|