|
A
CREACIÓN COMO FILOSOFÍA DE VIDA
Carlos
Casares dicía que se sentía escritor dende
neno. Contaba que un día mandáranlle escribir
unha redacción na escola e narrou unha merenda
que el e mais uns amigos fixeran na beira do río.
Un profesor comentáralle que era moi bonita e
a partir de aí el empezara a ser consciente de
que podía escribir. Os seus amigos, dicía,
comezaran a chamarlle "escritor". Non abandonaría
este cualificativo, auténtica definición
dunha filosofía de vida, nunca máis. El
mesmo restáballe importancia: "un escritor
non é máis que un señor que combina
as palabras máis ou menos ben e que despois constrúe
historias con elas" para logo mostrar a súa
devoción polas palabras: "eu a literatura
cuestiónoa como escribir o que me peta, fundamentalmente,
e se despois iso lle gusta á xente, estás
encantado". As súas palabras, recollidas
nunha entrevista publicada pola revista Tempos Novos
en xaneiro de 2001, demóstrannos a precocidade
e orixinalidade da súa vocación literaria.
Así,
se algo destaca na traxectoria vital de Carlos Casares
é a súa faceta de escritor. En 1959, con
a penas 18 anos gañou o primeiro premio do Concurso
Provincial de Cuentos de Navidad, e a partir de aí
iniciaríase un longo elenco de obras e recoñecementos
literarios que se sucederían ininterrompidamente
ata a súa morte. No prelo queda a súa
última entrega biográfica sobre Ramón
Piñeiro e, no escritorio, unha nova novela. Trátase
dunha obra de ficción que transcorre nas proximidades
de Ourense e na que o personaxe feminino ocupa un importante
lugar. Dolores Vilavedra, profesora de Literatura galega
da Universidade de Santiago de Compostela, califica
como "unha obra profundamente coherente con toda
a súa creación literaria anterior".
Narrador
prolífico
Marcado profundamente por Vicente Risco e Ramón
Piñeiro, o autor ourensán daríase
a coñecer co conxunto de relatos Vento Ferido,
doce historias caracterizadas polo fatalismo, que sacarían
á luz unha das constantes da obra de Casares:
a soidade do individuo fronte á senrazón.
Cambio en tres (1969), a súa primeira
novela na que reflicte o mundo da emigración
supón unha obra de tránsito entre a Nova
Narrativa e a novela posfranquista e o ratifican como
unha firme promesa literaria. Aparecerían posteriormente
as novelas Xoguetes para un tempo prohibido (1975),
Os escuros soños de Clío (1980),
Ilustrísima (1980), Os mortos daquel
verán (1987), Deus sentado nun sillón
azul (1996) ou Un país de palabras
(1999). Non só o xénero novelístico
atraería á capacidade creativa de Carlos
Casares. O campo da literatura infantil seduciuno notablemente
e proba desta atracción son títulos como
A galiña azul (1968), As laranxas máis
laranxas de tódalas laranxas ou O can
Rin e o lobo Crispín (1983) ás que
hai que sumar a achega, Un polbo xigante. Ás
obras propias, Carlos Casares engadiu diversas traduccións
ó galego de autores europeos, entre as que destaca
O principiño, traducción da obra
de Saint-Exúpery ou Os escaravellos voan á
tardiña de María Gripe.
Literatura
infantil, periodismo e edicións críticas
A creación literaria non sería o único
mundo no que Casares vertería palabras. A súa
vocación de estudioso da Lingua e Literatura
galegas e tamén xornalista encherían os
andeis das librerías galegas e as páxinas
periodísticas de diversas cabeceiras galegas.
Dedicado ó ensaio e á crítica literaria,
salientan títulos como a edición crítica
de Aires da miña terra de Curros Enríquez
(1975); a biografía de Curros Enríquez
(1980), Vicente Risco (1980) e Otero Pedrayo (1981);
o estudio e edición das Obras completas
(1980) e da Poesía Completa de Curros
Enríquez (1992); e as Conversas con Anxel
Fole (1984) e Ramón Piñeiro. Unha
vida por Galicia (1991). A última achega
biográfica de Casares vén de ser publicada
pola Editorial Galaxia e supón un percorrido
pola vida do ilustre Padre Sarmiento, autor ó
que este ano se lle dedica o Día das letras galegas,
o vindeiro 17 de maio.
O seu labor xornalístico foi en parte recollido
no volume Na marxe de cada día que reúne
colaboracións súas na cabeceira coruñesa
La Voz de Galicia.
Recoñecementos
literarios e labor editorial
No apartado dos premios Casares salienta por ter recollido
os máis importantes recoñecementos do
público e crítica. Entre outros, o autor
ourensán recibiu o Premio de novela do XXV aniversario
da editorial Galaxia e Premio da Crítica Española
(1976); Premio da Crítica Galicia (1980); Premio
Losada Diéguez (1987); Premio Xunta de Galicia
á creación literaria (1989); Primeiro
Premio Otero Pedrayo ou o Premio da Crítica Galega
(1999). Nun dos andeis fundamentais da traxectoria vital
de Carlos Casares figura o seu papel como editor xa
que ocupou o cargo de dirección, dende 1986,
da revista Grial e de Galaxia, editorial símbolo
da resistencia cultural do galeguismo nos anos da dictadura
franquista e clave da literatura galega contemporánea.
Carlos
Casares, considerado unha peza clave do que na historia
da Literatura Galega se denominou "Nova Narrativa"
e ratificado polo devalar dos anos como un autor prolífico
que traballou múltiples eidos da creación
pasará ás páxinas da Literatura
galega como un home entregado á escrita e, como
el dicía con sorna e fonda humildade: "se
partes de que a literatura é unha competición
e cres que existe iso de ser o número un, debe
ser desacougante. Moitos escritores preocúpanse
se non os citan entre os mellores, cando realmente isto
tanto ten, son gustos persoais e, ademais, se non te
citan hoxe, xa te citarán mañá.
Tamén pode ser que non me preocupe porque considero
que me valoran e me len, e dáme igual ser o número
un que o cinco. Eu creo que é unha filosofía
de vida". Foi a súa filosofía de
vida e como tal deberá ser lembrado.
|