|
|
Fausto:
O ritmo do pobo
"En Portugal a música popular salvouse e desenvolveuse dentro dos
muros da universidade"
Naceu nun
barco, viveu en Angola, no último cuarto de século encarnou, onda
outros cantores coma José Afonso, o espírito da música popular portuguesa
e do Vintecinco de Abril. As súas letras, oscilando con mestría
entre unha ironía constante e unha grande profundidade poética,
a súa fidelidade renovadora dos ritmos tradicionais e a súa fonda
temática social fixeron del unha figura mítica na historia da música
portuguesa. Discos como "Madrugada dos trapeiros" ou "Por este río
acima" forman xa parte da banda sonora do país. Odia as entrevistas,
mais aceptou a concedernos esta, e ata semellou ficar contento.
Vostede xa estivera por Galicia.
Si, hai algúns anos que non veño. É curioso, eu comecei a gravar
discos nunha editora portuguesa, e foi cando eu mudei para unha
multinacional os discos deixaron de ser editados en España. Agora
que non se edita acó, eu tampouco lle pido nada á editora, aínda
que o lamento porque estamos preto un dos outros aínda que un pouco
diferenciados, non é que o río Miño sexa unha grande fronteira.
Tampouco estou moi ó tanto de que é o que se está a facer en Galicia,
infelizmente. Sei que hai festivais en Portugal ós que van grupos
galegos, pero non coñezo a obra deles. ¿Como ve as relacións entre
Galicia e Portugal? É lamentable que culturas tan próximas, cunha
lingua tan próxima, que en realidade é a mesma falada nun ton diferente,
que é algo riquísimo, estean tan incomunicadas. Existe unha certa
comunicación, polo menos no campo do comercio e da industria, pero
na cultura non hai. Hai un esforzo dalgunhas persoas neste sentido,
pero é preciso que sexamos un mesmo espacio en termos culturais,
pero infelizmente non é así. Pode ser que a creación de grandes
espacios coma a Unión Europea, pode favorecer a tendencia a se aproximar
máis. Non comprendo por que cando eu lanzo un disco en Portugal
e vai ás radios, non vai tamén ás radios galegas ou, por que cando
un grupo galego saca un disco, non se distribúe nas radios portuguesas.
Hai algún problema, a industria discográfica está dominada polos
intereses americanos. Eu teño idade de abondo para que cando lanzo
un disco, saia na radio, pero os máis novos ¿como poden ser divulgados?.
"É lamentable que culturas cunha
lingua tan próxima, que en realidade é a mesma, falada nun ton diferente,
estean tan incomunicadas"
¿Que tal está a transcorrer o encontro?
Xa asistín a algunha sesións, sobre literatura e música, e foron
moi interesantes. Espero que sexan tamén interesantes os que vamos
facer. Creo que é algo moi importante porque é un xeito de darse
a coñecer e constatar que vivimos nun mesmo universo. A ver cales
son os resultados prácticos. Estou moi agradecido de que se teñan
acordado de min.
¿Como resumiría o panorama musical en Portugal?
A situación en Portugal en termos musicais é que se hai dez anos
a música popular portuguesa tiña unha divulgación minoritaria, había
unha divulgación enorme do chamada rock portugués ou pop portugués.
A música tradicional é minoritaria no seu propio país. Agora estamos
pasando unha fase insólita, e é que grupos de rock que cantan en
portugués xa non son divulgadas na radio, son as bandas que cantan
en inglés as que teñen grande éxito. Estamos a negar a nosa propia
identidade dunha forma vergoñosa e somos poucos os resistentes,
estamos ante unha concepción que corresponde á dislocación dos éxitos
napoleónicos no eido da cultura. Na propia linguaxe coloquial portuguesa
hai un sinnúmero de barbarismos e a lingua está a morrer, o meu
discurso é fatalista pero é a constatación dunha situación. É unha
loita entre David e Goliath. Hai unha xeración dos anos noventa
moito máis rica que a dos anos oitenta que, falando culturalmente,
é pobre en extremo. Nos anos noventa nace unha xeración que é a
que ten capacidade de darlle volta ó mostrador e ver máis aló do
que está na vitrina. Este elemento creativo está moi diversificado
desde o punto de vista estético, creo que vai ser unha xeración
moi importante nos vindeiros anos, aquí si son optimista.
Vostede estivo desde sempre moi involucrado na recuperación
da música popular portuguesa, ¿como ve a situación actualmente?
É unha música minoritaria no noso país, só unha elite intelectual
continúa interesada nela porque ten unha noción clara da súa identidade,
ten unha visión clara do que é o mundo e a cultura. O resto da xente
entrégase a usos e costumes externos. En Portugal estase a falar
cada vez máis o día das bruxas, que nunca foi celebrado ata hai
cinco anos, e precisamente está a ser divulgado nas escolas. Eu
non o lamento por min, eu teño idade de abondo e as persoas coñécenme,
cando fago un concerto veñen os seguidores de toda a vida, o que
é proba de que fun fiel a min mesmo, e teño á xente máis nova. Eu
laméntoo polos novos que están a facer música tradicional e popular
e non son divulgados. O poder político é sumamente responsable disto.
Hai unha Lei de Protección da Música Portuguesa, discutida e a aprobada
a Assembleia pero que nunca foi regulamentada nin aplicada. Isto
é unha mostra do que acontece. A nivel da literatura, da poesía
non existe unha corrente tan forte, quizais porque as editorais
resistiron máis os intereses anglosaxóns ou americanos.
Precisamente a súa intervención tratará sobre a música popular.
Na miña intervención vou falar das fases por que pasou a música
popular Portuguesa, sobre todo a partir dun periodo estraño que
foi cando o poder salazarista instalou o Secretariado Nacional de
Información, á fronte do cal estivo un home chamado António Ferro,
un home moi intelixente que comprometeu o poder coa cultura. Foi
un home que pensou antes o que eu penso agora que é desenvolver
a música portuguesa a partir da música tradicional. Seguramente
temos ideas diferentes, el tivo un bo propósito pero obtivo resultados
perversos. Este home que entendeu que todo o que ofendese o oído
cristián e burgués devía ser censurado, promoveu o folclore, pero
o folclore suave, mentres que cre expresión máis vernáculas e sobre
todo máis telúricas, foron prohibidas. Outra cousa negativa que
fixo foi ter erixido o fado en canción nacional, porque o fado é
unha expresión urbana, de Lisboa e arredores, e hai expresións moi
variadas do cristiano e burgués debía ser eliminado, e isto afectaba
a moitas formas da música tradicional, e moitas perdéronse, e outras
foron escondidas e mesmo Norte ó Sur. E non se pode erixir unha
canción nacional. ¿Por que unha canción nacional e non as variadas
músicas que temos?
"En Portugal a música popular salvouse e desenvolveuse
dentro dos muros da universidade"
Vostede forma
parte dunha xeración que recuperou eses ritmos tradicionais.
A xeración á que pertenzo tentou ir contra iso. Eu creo que en Portugal
a música popular salvouse e desenvolveuse dentro dos muros da universidade.
E isto aconteceu porque o pobo estaba amordazado, e quen pensou
en preservar iso foi un grupo social extremadamente atípico que
son os estudiantes, que percibiron que estaba a acontecer. E aí
comeza o movemento, con José Afonso, aínda que José Afonso non caeu
do ceu. Antes del existiron António Manano e Edmundo Betancourt,
a quen José Afonso admiraba.
¿Non é curioso que este movemento de recuperación do tradicional
estivese feito por xente de esquerda?
Probablemente foise por oposición ó réxime de dereita, houbo
tamén un impulso político. O poder estaba a presentar unha estética
que non nos parecía correcta, e sobre todo a esquecer a memoria
dun pobo. Tivemos o honor de facer esta cousa insólita que é tornarmos
nosa a memoria dun pobo e desenvolvérmola. Eu non creo na diferenciación
entre música erudita e non eurdita, toda a música é erudita porque
sexa tradicional ou clásica esixe o coñecemento dunha técnica. Cabe
dicir que houbo unha certa erudición na música popular. Desde que
Giacometti fixo unha colleita da música tradicional, o maestro Lopes
Furaço que clasificou, seleccionou e deu un sentido teórico, o propio
Manando, e ata chegar a min éramos todos académicos.
¿Pensa que no futuro a música popular vai estar en mans de elites
intelectuais ou vai seguir ligado ó pobo?
Ligado ó pobo penso que infelizmente non. A ferida feita entre os
anos 1933 e 1950 ó apagar unha memoria, creo que é prácticamente
irrecuperable. Ó comezo da nosa rodase coincidimos cos intereses
da industria musical, que teñen intereses moi instalados e prácticamente
mafiosos. Agora ó pobo chegan outros, a música popular é minoritaria.
Tampouco creo que o pobo a siga a facer, infelizmente porque non
hai noticia dun compositor popular ou tradicional. Pode soar terrible,
pero a recolla da música tradicional portuguesa está prácticamente
feita, ¿onde está a nova? ¿Qué é o que se fai nas feiras, nas vilas,
nas aldeas...? Non se está a facer nada, e sobre iso tamén teño
unha visión moi negativa. Agardo que persoas intelixentes e inquisidoras
prosigan. Considero que a xeración musical á que pertenzo, que eu
chamaría a "Ínclita Xeración da Música", e estou orgulloso de ter
pertencido a ela.
¿ Como trata a música tradicional nos seus
discos?
"Madrugada dos trapeiros" foi a primeira aproximación que fixen
á rítmica tradicional portuguesa e a miña procura de desenvolver
a partir dela. Temos que ser creativos neste aspecto, non podemos
tocar sempre coma os máis vellos, temos que inventar algo a partir
da matriz da música tradicional. Desde esa matriz eu desenvolvín
o que chamo música popular portuguesa, porque mestura varios ritmos
tradicionais, varias informacións desa matriz. Desde entón eu permanezo
na mesma escola, aínda que teño feito unha excepción, que foi condensar
nun só disco chamado "A preto e branco" a miña africaneidade. Así
como Zeca Afonso a distribuíu ó longo da súa obra, eu concentreina
neste único disco que foi completamente denostado polos meus oíntes.
Un dos seus discos máis destacados segundo a crítica,"Por
este río acima", está baseado na obra "Peregrinações",
un relato das viaxes do portugués Fernão Mendes Pinto
pola India e China no século XVI. ¿Como xurdiu esta
obra?
Cando era meniño, lin nunha revista de banda deseñada chamada Cabaleiro
Andante unha versión das "Peregrinações" de Fernão Mendes Pinto,
e foi ese o meu primeiro contacto coa obra. Máis adiante lin o libro,
e pareceume unha obra riquísima e pensei en facer música en base
a esta obra. Isto realizouse primeiro no disco "Histórias de viageiros",
na que xa incluía unha canción que tiña xa ese título. "Por este
rio acima" foi a primeira entrega dunha triloxía que quero facer.
O seguinte capítulo saíu no 94, foi un álbum chamado "Crônicas da
terra ardente". Ó igual que no anterior, narro a partida e o regreso
das naves, porque no fondo a saudade portuguesa é iso, creo que
Pessoa tiña razón cando falaba de "saudade do futuro". "Crónicas
da terra ardente" conta a partida outra vez, pero non chega ás paisaxes
de extremo oriente, as traxedias e as alegrías acontecen en África,
é o comezo da entrada dos portugueses nos continentes. Eu nacín
nun barco, unha cousa moi curiosa, e posiblemente iso explica moito
o meu interese polas viaxes. No terceiro capítulo, que aínda está
por facer, narro a penetración polos continentes e o contacto con
outros pobos."Crônicas da terra ardente" dividiu o club indefectible
dos fans.
"O 25 de Abril Ficou aquén dos
meus soños, eu soñaba moito máis"
¿Que ficou en Portugal do 25 de Abril?
Fundamentalmente a liberdade e o réxime democrático. Ficou aquén
dos meus soños, eu soñaba moito máis. ¿O que? Eu esperaba que a
riqueza do meu país fose mellor distribuída, que houbese máis igualdade
neste aspecto. Aínda así, prefiro a liberdade e a democracia que
o réxime anterior. E ¿quen sabe?, ó mellor a xente avanzar no futuro
cara outras cousas que beneficien máis o pobo portugués e sobre
todo combatan a pobreza, a exclusión e a marxinalidade.
"A lusofonía significa para min, sobre
todo, a descuberta dunha fala e dun universo común"
¿Que é para vostede a lusofonía?
Antes de nada quero dicir que estou totalmente de acordo co termo,
aínda hai moita xente que ten algúns prexuízos polo de "luso". E
a lusofonía para min ten sentido. Non ten sido moi ben tratada,
a CPLP (Comunidade de Países de Língua Portuguesa) debería ser máis
activa. A lusofonía significa para min, sobre todo, a descuberta
dunha fala e dun universo común. Non teño ningún problema sobre
a palabra luso, porque nos é común, porque de aquí partiu a lingua,
a mesma lingua. Hai unha sensibilidade común, esa lingua uniu millóns
de persoas.
¿Ve aspectos positivos na mundialización?
Vexo aspectos positivos, pero só como forma de divulgación das outras
culturas, non a través da homoxenización das formas de ser, sentir
e pensar. Estou en contra do chamado pensamento único. Eu son un
home de esquerda, e curiosamente nunca estiven en contra da formación
da Unión Europea, porque entendo que a formación dese grande espacio
é positiva e próxima ós pobos, aínda que podo estar en desacordo
coas políticas adoptadas por ese espacio.
"Son un home menos de certezas
que de dúbidas, son practicamente un cartesiano e confróntome comigo
mismo"
¿Cales
son os seus próximos proxectos musicais?
Estou
a escribir un disco de orixinais pero con moita calma, sen presa.
Eu podía escribir máis rápido, pero non teño presa. Teño ciclos
de creación alongados pero non teño presa. Eu racho moito papel,
sobre todo ó día seguinte, cando oio o que escribín o día anterior.
Son un home menos de certezas que de dúbidas, son practicamente
un cartesiano e confróntome comigo mismo.
|