Puntuación: 2.3/5 (112 votos)
Recóllese neste volume unha ampla escolma dos relatorios e comunicacións presentados ao congreso internacional O exilio galego, que organizado polo Consello da Cultura Galega tivo lugar en Santiago de Compostela nos finais do mes de setembro do 2001. Aquela celebración tivera como obxectivo contribuír a mellorar o coñecemento dun fenómeno esquecido durante décadas, fundamental para a historia contemporánea de España e de Galicia en particular. Nese senso, ao convocar o Congreso quíxose tamén contribuír a saldar parte da inmensa débeda que tiñamos contraída co exilio. A enorme cantidade de comunicacións e relatorios alí expostos, pertencentes a moi diferentes ámbitos temáticos -tanto dende o punto de vista da Historia política como da cultural, da Historia da literatura ou da música- e presentadas por expertos galegos, españois, europeos e latinoamericanos, estivo ademais acompañada dun repertorio biobibliográfico dos exilados galegos, co obxectivo de recoller a meirande cantidade posíbel de perfís prosopográficos correspondentes ao exilio galego de 1936-39, elaborado polo Arquivo da Emigración Galega, sección do propio Consello da Cultura Galega, que foi presentado ao público durante as xornadas do congreso e hoxe en día está dispoñíbel na rede (http://www.consellodacultura.org/mediateca/publicacions/exilio.htm). Nel recompiláronse os nomes e datos biográficos, sempre que foi posíbel, de perto de tres mil exilados galegos, e segue aberto a correccións, ampliacións e actualizacións.
O tempo foi pasando, e circunstancias alleas á nosa vontade foron adiando a posíbel publicación das actas íntegras do congreso, en formato libro ou nun CD. Amais do feito de que varios relatorios e comunicacións, pertencentes sobre todo á área literaria, xa viron no entanto a luz en diversos monográficos e revistas, os abaixo asinantes, membros do Arquivo da Emigración e da comisión organizadora do congreso, chegamos á conclusión de que era máis operativo cientificamente o agruparmos os textos por ámbitos e levar a cabo unha escolma xenerosa do material dispoñíbel denantes de que o tempo cobrase o seu inexorábel tributo á actualidade e interese das investigacións. Doutra banda, algúns dos participantes no congreso expresáronnos o seu desexo de non veren o seu contributo (oral ou escrito) en letra impresa. Por tanto, recollemos neste volume exclusivamente artigos que abordan os aspectos político, social e biográfico-testemuñal do exilio, deixando fóra as súas verquentes artísticas, literarias, musicais e científicas. O resultado, con todo, pensamos que non desmerece os esforzos investidos na celebranza do congreso. Ofrécense aquí ao público leitor un total de 33 artigos, incluíndo as intervencións á mesa redonda sobre Castelao no exilio celebrada no marco do congreso, máis unha coda final con catro testemuños de exilados e protagonistas, tres deles galegos e un español.
[Lapela do libro]