Puntuación: 2.1/5 (48 votos)
Biografía e escolma de textos do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2008.
Nun único volume que condensa as distintas e ricas facetas da súa obra literaria e as relaciona coa súa biografía, este libro é unha áxil e rigorosa introdución á figura e aos textos do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2008. Narrativa, poesía e artigos de xornal aparecen estreitamente vencellados ao seu labor como editor e estudoso da literatura. O seu autor, Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é profesor de Lingua e Literatura Galegas e ensaísta dedicado a temas literarios e artísticos. Entre as súas publicacións cómpre salientar traballos sobre Lorenzo Varela, Manuel Antonio ou Ramón Cabanillas.
Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 - Vigo, 1985) foi un escritor polifacético (poesía, narrativa e ensaio), arqueólogo, investigador e editor. Como poeta cómpre destacar os seus libros Poemas de ti e de min (1949); Roseira do teu mencer (1950); Cancioeiro de Monfero (1953) e Canle segredo (1976). Como narrador en galego é autor dos contos de Os ruíns (1936) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971).
Foi fundador das editoriais Monterrey e Castrelos, fitos fundamentais para a normalización da nosa cultura nos anos do franquismo. Alén diso, cómpre salientar o seu labor como investigador en temas literarios e arqueolóxicos.
[Presentación editorial]