Puntuación: 2.0/5 (57 votos)
Marlow, un veterano mariñeiro inglés, recibe a encarga de ir á procura de Kurtz, un tratante de almafí perdido no corazón da selva africana. O encontro con el será a confirmación da farsante actitude colonialista, poñendo en tea de xuízo o seu caracter de cruzada moral e comercial.
Estamos no Congo belga, en plena colonización europea, e Marlow relátanos como remonta o río Congo nun barco vello, rodeado de perigos, internándose nun continente virxe e obxecto de rapiña. Marlow obsesiónase con aquel home, desaparecido no remoto. Mais, quen é Kurtz?
"O corazón do negror" é unha narración autobiográfica; a crónica dunha viaxe física e psicolóxica ao interior da irracionalidade humana, inspirada nos seis meses que Conrad pasou no Congo colonizado e devastado polo rei Leopoldo II de Bélxica. O autor móstranos sen maquillaxe a corrupción e o horror. O máis célebre relato curto de Joseph Conrad, convertido en libro de culto, foi escrito en 1899 e publicouse en 1902. Converteuse axiña nunha novela imprescindible, que amosa a hipocrisía colonialista, a escuridade do ser humano, e que cuestiona a civilización occidental.
A obra inspiroulle a Francis Ford Coppola unha das súas grandes obras cinematográficas, "Apocalypse Now". Aínda que está ambientada na guerra de Vietnam, con Marlon Brando interpretando o papel de Kurtz, a película mantiña o espírito do relato de Conrad.
[Presentación editorial]