Puntuación: 1.7/5 (110 votos)
Tras a publicación do volume dedicado a Ourense, elaborado polo chef Martín Álvarez (Premio Gourmand 2010 á “Mellor viaxe gastronómica” e libro finalista dos Premios da Edición de Galicia 2010), a Guía secreta da gastronomía de Galicia continúa o seu percorrido. Agora, pola provincia de Lugo.
Nesta segunda entrega, a provincia máis extensa do país revélanos, da man do experto gastrónomo Miguel Vila, os seus tesouros culinarios: produtos, receitas, costumes máis xenuínos e lugares onde atopar toda unha identidade gastronómica, tantas veces descoñecida por propios e foráneos.
UN MUNDO XENUÍNO
A guía detense nalgúns dos mellores pans do país (Ousá, Mondoñedo, Martiñán...), en queixos de tres denominacións de orixe (San Simón, Arzúa-Ulloa e O Cebreiro) con outros menos populares e igual de xenuínos.
Descúbrenos así mesmo como medir a gradación no picante dos pementos de Mougán ou fálanos de variantes antigas de patacas que aínda se sementan como a cazona ou a habanera.
O autor viaxa polas peculiares receitas luguesas como as sardiñas arenques, o pato ao estilo Ribadeo, o bonito en rolo, os chanfainos ou chouláns, e recolle todo o universo da matanza.
Remata, como non, coas sobremesas de sona, (como as tortas de Mondoñedo, Portomarín ou Guitiriz) e outros menos coñecidos como a colineta, cos renacentes viños do sur (da Ribeira Sacra) e as augardentes (Portomarín ou Quiroga).
SEIS TESTEMUÑOS MOI ESPECIAIS
Seis amantes da boa cociña completan este brillante traballo de Miguel Vila: o cociñeiro Iago Castrillón, os xornalistas Manuel Gago e Santiago Jaureguízar, o escritor Xabier P. DoCampo, a presidenta da Asociación de Sumilleres, Mercedes González, e a escritora Helena Villar Janeiro.
Cada un deles revélanos un secreto gastronómico lugués moi suculento.
[Presentación editorial]