Puntuación: 1.8/5 (72 votos)
“Matei un home” pertence tamén ao xénero da novela de intriga e posúe elementos esenciais da novela negra. An Alfaya conseguiu condensar en tan estreito continente moitos dos aspectos que lle interesan ao lector actual. Fai un axeita- do uso da brevidade para narrar con talento e claridade, tres virtudes que o lector moderno agradece, inmerso na présa e no remuíño do noso tempo. Preséntanos unha historia na que, a necesidade de resolver un caso de asasinato, non se basea nunha armazón complicada onde a sucesión de sospeitosos son o principal gancho. Aquí a sinxeleza e economía de personaxes abraia dende o primeiro momento e é o drama psicolóxico dos protagonistas a principal baza da autora para contarnos a súa historia sen valerse de trucos cinematográficos propios do xénero negro. Non nos sinala os sospeitosos, somos os lectores quen os debe- mos inventar. Todo é verosímil, todo resulta natural, na formulación da anécdota, no retrato dos personaxes, nas súas relacións, no resultado final.
A difícil sinxeleza coa que An Alfaya dotou a esta novela pódenos levar a pensar que todo é previsible e ela mesma advírtenolo no capítulo sete por medio do pensamento de Amadeo Foz, un dos protagonistas principais. Porén, a perfecta ensamblaxe do argumento amosará que o factor sorpresa é sempre o axeitado en cada capítulo e no contexto xeral da narración. Isto dota á novela do interese que o lector seguidor deste xénero, onde a investigación é o fío condutor do relato, agarda. Unha investigación que realizan dous policías case anónimos, sen grandes problemas persoais nin trazos excepcionais de personaxes construídos máis sobre a imaxinación e a ficción que sobre a realidade. Os investigadores de An Alfaya resultan tamén abraiantes pola súa naturalidade, humanidade e, mesmo, vulgaridade. Sorprende que converta o que puidesen parecer limitacións da autora en literatura e con ela reforza o realismo e mais a credibilidade do que conta. Conségueo, en gran medida, grazas ao ritmo que lle imprime a todo o relato. Un ritmo que lle permite ao lector descubrir como a falta de artificio tamén é unha boa literatura, onde os diálogos flúen con naturalidade e a administración dos tempos é a correcta, a que o devir dos acontecementos narrados esixe.
[Fragmento do Prólogo por Xosé A. Perozo]