Puntuación: 1.8/5 (112 votos)
Un percorrido por Galicia a través dos seus produtos de calidade e da súa paisaxe, unha festa de sabores e recendos na que non falta o humor
Os moitos seguidores de 'Larpeiros', eses milleiros de persoas que nas cociñas das súas casas seguen paso a paso as receitas que Benigno Campos lles fornece nos seus libros, teñen agora a oportunidade de achegarse, con este Onde mercan os Larpeiros ás máis excelentes galdrumadas da nosa terra.
Tomás Alonso e Víctor López, os autores, percorreron Galicia toda na procura dos ingredientes e mais das persoas, desas boas xentes que con agarimo e alta profesionalidade fabrican pan; crían tenreiras, capóns ou porcos; sementan fabas, pementos ou cogomelos; pescan robalizas e pescadas do pincho; elaboran amendoados, bicas e tortas…, unha festa para os padais máis esixentes.
Os nosos "Reis dos Mercados" falaron con eles e interesáronse polas súas angueiras e ilusións, e facilítannos as pistas para chegar aos seus produtos, asegurándonos que a nosa calidade alimentaria medrará moitos enteiros o seu consumo.
Di Xosé Cermeño, no limiar, que "este libro encerra a información práctica que converterá a calquera aspirante a larpeiro nun experto das conversas de sobremesa onde os lambóns diplomados compiten por ver quen coñece o mellor sitio para mercar queixo ou comer empanada". Seguindo os itinerarios que se propoñen neste Onde mercan os Larpeiros a diplomatura está asegurada.
[Presentación editorial]