Ir ao contido directamente.


The Killer Barbies celebran seu trinta aniversario cun novo álbum

Xénero: Rock | 16 / 5 / 2025

killerbarbies_pop.jpg

Tras trinta anos en activo, Silvia Superstar e Billy King seguen a manter a esencia de The Killer Barbies, a banda coa que desde Vigo proxectáronse a todo o mundo. 'El Pop se autodestruirá en 4, 3, 2, 1..." (Subterfuge Records) é nome do seu novo disco, o sexto da súa longa carreira, que xa avanzaron en decembro co tema ' Quiero tu corazón y nada más', peosteriormente presentaron a que é unha versión propia dun coñecido tema de The Clash como 'Si me quieres o si no'. Guitarras potentes, teclados e a proposta dun son actualizado sen deixar de ser a banda de rock que sempre foron é a oferta deste novo traballo de dez temas que xa está dispoñible en plataformas dixitais. O vindeiro 20 de maio farán a presentación en directo na Sala El Sol de Madrid.

Novas publicacións celebran as cantareiras polo Día das Letras

Xénero: Folk | 16 / 5 / 2025

image not available

Á beira do 17 de maio, novas publicacións se suman ás homenaxes que reciben as cantareiras polo Día das Letras. Tres libros e unha campaña de difusión afondan no recoñecemento ás mulleres que transmitiron a nosa tradición oral.

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Narf

Xénero: Rock | 14 / 5 / 2025

image not available

Fran Pérez Narf, é a nova entrada do Álbum de Galicia. O proxecto do Consello da Cultura que repasa biografías de persoeiros destacados do país incorpora a historia deste músico, autor dunha trintena de bandas sonoras para proxectos teatrais e recoñecido unanimemente como un dos creadores máis destacados neste campo nas últimas décadas.

Premio Honorífico Martín Códax para Leilía

Xénero: Folk | 13 / 5 / 2025

image not available

No ano no que o Día das Letras homenaxea á poesía oral popular e ás cantareiras, Músicas ao Vivo ven de anunciar a concesión do Premio Honorífico Martín Códax da Música 2025 a Leilía. Nome referente na música galega que transita do século vinte ao vinteún, o grupo nacido en 1989 en Santiago de Compostela, despedíase recentemente dos escenarios sendo as súas integrantes consideradas pioneiras na difusión da música e do canto tradicional. Músicas ao Vivo, entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, destaca como as Leilía abriron camiño a moitas artistas e agrupacións que viñeron detrás, e considera o recoñecemento a Leilía nesta 12ª edición dos premios como un tributo obrigado da comunidade artística no ano no que o 17 de maio, por segunda vez na súa historia, fai unha homenaxe colectiva, desta volta co recoñecemento ás cantareiras e á oralidade. O 28 de maio recollerán no Pazo da Cultura de Pontevedra o galardón honorifico dos Premios Martín Códax 2025, o recoñecemento da comunidade musical ao traballo feito, nun momento no que a oralidade e o canto tradicional, grazas en boa parte á andaina das Leilía, gozan de moi boa sáude entre as novas xeracións de artistas e públicos.

Cantareiras: Celebrar o patrimonio pendente

Xénero: Folk | 13 / 5 / 2025

image not available

A dedicatoria do Día das Letras Galegas ás cantareiras supón unha mudanza importante no marco no que se desenvolve esta celebración. Para alén das posibilidades que abre esta aposta pola literatura popular e a inclusión da música de cara ao futuro da celebración, a elección dun patrimonio que se atopa en plena encrucillada ilumina tamén as cuestións pendentes que a sociedade galega ten con este legado.

O Consello da Cultura achega a música tradicional ás aulas cunha guía

Xénero: Folk | 13 / 5 / 2025

image not available

Co título Axudádeme a cantar, o Consello da Cultura Galega presentaba este 12 de maio unha guía docente que quere axudar a introducir a música de tradición oral nas aulas. O proxecto, que ensina como organizar unha foliada na escola en sete pasos, está orientado ao terceiro ciclo de educación primaria, con posibilidade de se estender a outros niveis, e pódese descargar de balde desde o web da institución.

Falece o músico Xoán Eiriz aos 68 anos

Xénero: Cantautor | 12 / 5 / 2025

image not available

O pasado sábado, 10 de maio, falecía na súa cidade A Coruña, o músico Xoán Eiriz (1956) aos 68 anos por unha enfermidade. O músico tivo unha longa carreira musical que comezou discográficamente nos anos 80 e na que hai ata 14 discos publicados, cun repertorio variado no que musicou poemas dalgúns dos máis coñecidos escritores en galego e trouxo para o galego pezas doutros autores, en claro compromiso coa súa lingua e a súa terra. Exercía actividade como profesor de música.

Cincuenta e sete proxectos na fase final dos Premios Martín Códax

Xénero: Miscelánea | 8 / 5 / 2025

image not available

As portas das Bodegas Martín Códax, en Cambados, abríronse este mércores para celebrar a festa de finalistas dos 12º Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo. Tras a votación do xurado profesional, corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, son os proxectos que pasan á segunda fase da edición. Foron desvelados ademais os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas emerxentes, na categoría de mesmo nome na que este ano son finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex. Cincuenta e sete proxectos recolleron o seu agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento pola súa inclusión na fase final de votación. A partir do 8 e ata o 25 de maio, as socias e socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como xa aconteceu o pasado ano, o público xeral; o 28 de maio, a gala, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Mondra publica o seu agardado novo álbum

Xénero: Electrónica | 6 / 5 / 2025

mondra_deronda.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible en plataformas dixitais 'De ronda', o segundo traballo discográfico de Mondra. O novo disco do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu debut con 'ARDĒN' (Altafonte, 2023), un traballo que recibiu numerosos recoñecementos e que impulsou ao artista á primeira liña da escena musical galega, sendo quen de recibir o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por 'MARIMONDRA'. A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións cheas de irreverencia e desenfado. Segundo a proposta trátase de "11 estados do corpo" nos que aborda "a sedución, seducir ou ser seducido", e nos que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man da produción musical de Hevi en Laboratorio Soyuz sen perder o seu diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega.