Ir ao contido directamente.


A Orquestra Sinfónica de Galicia fará unha xira por España

Xénero: Clásica/Lírica | 10 / 6 / 2024

image not available

A Coruña acollía este venres 7 de xuño a presentación da nova temporada da Orquestra Sinfónica de Galicia. Un orzamento de 2,1 millóns de euros sosterá este programa que amplía a súa actividade a novas localidades do país. En total serán 35 concertos de abono na Coruña e 15 actuacións en Ferrol, Vigo, Santiago, Mondoñedo, Vilagarcía, Ponteareas, Carballo, Melide, Rianxo, Arteixo, Culleredo ou Vimianzo e como novidade esta tempada, Sobrado e Ribeira.

Unha homenaxe o 12 de xuño lembrará a Dorothé Schubarth

Xénero: Folk | 5 / 6 / 2024

image not available

O Museo do Pobo acollía na mañá deste 5 de xuño a presentación do acto de homenaxe que esta entidade, canda ao Consello da Cultura e o Instituto da Lingua Galega, lle van tributar a Dorothé Schubarth. A actividade, que "pretende ser un convite á festa e ao baile" será aberta a toda a cidadanía e pretende recoñecer "o papel central que a musicóloga e compositora suíza representou para a música tradicional galega", segundo explican as entidades convocantes, un traballo que a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, cualificou como "titánico e xeneroso".

A Coruña acolle a primeira edición do festival 'Aquí tamén se fala'

Xénero: Miscelánea | 5 / 6 / 2024

image not available

A campaña de normalización lingüística 'Aquí tamén se fala', que promove o IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña, dá un novo paso. Este 7 de xuño a praza da Concordia da Cidade Herculina acolle a primeira xeira do "festival de música contemporánea galega" que reúne a catro grupos que cantan na nosa lingua a partir das 17 horas con entrada de balde.

Malkeda reiníciase cun disco homónimo

Xénero: Rock | 31 / 5 / 2024

malkeda_4.jpg

A banda de Metal pontevedresa Malkeda ten desde hoxe xa un cuarto traballo discográfico longo dispoñible coa publicación do seu disco homónimo "Malkeda" (Thornado Music), xa dispoñible nas plataformas dixitais. Se ben o feito de usar o propio nome para titular un disco adóitase facer nun primeiro ou segundo álbum e resulta pouco habitual xa na cuarta entrega dun percorrido discográfico que comezou fai 17 anos en 2007, os oito anos que separan este traballo do anterior "Cumulonimbo" (Maldito records, 2016) semella que formaron parte desta necesidade de reafirmar a identidade sonora do grupo e marcar un momento de reinicio. Cargados dun son duro, sen concesións, moi hardcore, a banda ofrece neste traballo nove temas novos, escuros nas letras, potentes na presencia e contundentes na sonoridade. O disco de Malkeda contén neste feixe temas unha reivindicación dun son con reminiscencias das grandes bandas de hardcore dos 90, un resultado no que seguro que ten moito que ver o traballo do produtor, Iago Lorenzo nos Estudios Planta Sónica de Vigo, capaz de destacar esa cualidade das composicións que as pode elevar a memorables. Para a canción "Sin futuro" o grupo contou tamén coa colaboración de Ra Díaz, baixista dos californianos Korn. En novembro do pasado ano presentaron en redes "Que asco das", que sería o primeiro dos catro avances deste álbum que hoxe mesmo sae para goce dos seguidores dos pontevedreses e do público do rock máis duro.

A conservación do patrimonio sonoro centra unha xornada no Gaiás

Xénero: Miscelánea | 31 / 5 / 2024

image not available

"Transformando a música en patrimonio" é o título baixo o que hoxe ten lugar unha xornada técnica na Biblioteca de Galicia, co obxectivo que os asistentes coñezan non só como se está a traballar sobre o patrimonio sonoro en bibliotecas como a Biblioteca Nacional de España ou a Biblioteca de Catalunya, senón tamén achegarse ao labor que están desenvolvendo institucións como o Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega, ou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, posto en marcha polo Museo do Pobo Galego, para conservar a herdanza sonora de todas as galegas e galegos. Neste sentido intervirán a Coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, Cristina Pujales Prats, e Concepción Losada Vázquez, como coordinadora do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, ademais de representantes da institución estatal e a catalana.

O Ciclo Coa Nosa Voz reúne a catro representantes da canción de autora

Xénero: Cantautor | 22 / 5 / 2024

image not available

O domingo 2 de xuño, e xa cun confirmado cheo total, Guadi Galego abrirá o ciclo Coa Nosa Voz, que cada domingo do mes levará ao Teatro Colón da Coruña a unha artista representativa da 'canción de autora'. A área de cultura da Deputación promove este ciclo que acollerá as actuacións de Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira. As entradas poderán retirarse de balde, na páxina web de ataquilla.com.

Sondeseu presenta este venres o seu novo espectáculo 'Entreterras'

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2024

image not available

Un fío sonoro para tecer un "meridiano invisible" entre Galicia, Portugal e Canarias a través das músicas de raíz é o concepto do nace "Entreterras", o novo proxecto escénico da Orquestra Folk de Galicia Sondeseu, no que se acompaña de tres artistas comprometidos respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios: a galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso. Compartindo con eles os escenarios estará o medio cento de músicos que conforman o corazón dunha orquestra única en Galicia que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove seccións instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo gaita, percusión, requintas, violín e zanfona. "Entreterras" estrearase este vindeiro venres, 24 de maio, no Teatro Afundación de Vigo e poderá verse despois o domingo 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón.

Xosé Lois Romero publica a BSO de 'Manuela Rey is in da house'

Xénero: BSO | 16 / 5 / 2024

Portada - A mulher lyrio.jpg

O músico Xosé Lois Romero participaba recentemente sobre as táboas como un integrante máis do elenco da obra teatral 'Manuela Rey is in da house', un espectáculo creado en coprodución polo Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional Dona Maria II, o Teatro Nacional São João, e o Teatro do Noroeste –Centro Dramático De Viana. Ademais diso o artista foi o compositor de oito pezas orixinais que conforman a banda sonora do espectáculo, algunha das cales se interpretan en directo durante o mesmo e que agora son publicadas de xeito conxunto.

A Xunta achega 160.000 euros para a temporada lírica da Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 5 / 2024

image not available

O Consello da Xunta aprobou onte a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Asociación Amigos de la Ópera da Coruña, a través do que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribuirá con 160.000 euros á organización da 72ª edición da temporada lírica da cidade herculina, 10.000 euros máis que o pasado ano. A achega económica da Xunta de Galicia a esta programación materializarase na posta en escena e nas actividades paralelas da ópera 'La Bohème', de Giacomo Puccini, que poderá verse a primeiros de setembro no Palacio da Ópera. Será un dos principais eixos da temporada lírica, que a organización está a preparar para 2024 e que, como en anos anteriores, ofrecerá numerosas citas musicais durante todo o outono.