Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
The Killer Barbies celebran seu trinta aniversario cun novo álbum
Xénero:
| 16 / 5 / 2025Tras trinta anos en activo, Silvia Superstar e Billy King seguen a manter a esencia de The Killer Barbies, a banda coa que desde Vigo proxectáronse a todo o mundo. 'El Pop se autodestruirá en 4, 3, 2, 1..." (Subterfuge Records) é nome do seu novo disco, o sexto da súa longa carreira, que xa avanzaron en decembro co tema ' Quiero tu corazón y nada más', peosteriormente presentaron a que é unha versión propia dun coñecido tema de The Clash como 'Si me quieres o si no'. Guitarras potentes, teclados e a proposta dun son actualizado sen deixar de ser a banda de rock que sempre foron é a oferta deste novo traballo de dez temas que xa está dispoñible en plataformas dixitais. O vindeiro 20 de maio farán a presentación en directo na Sala El Sol de Madrid.
O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Narf
Xénero:
| 14 / 5 / 2025Fran Pérez Narf, é a nova entrada do Álbum de Galicia. O proxecto do Consello da Cultura que repasa biografías de persoeiros destacados do país incorpora a historia deste músico, autor dunha trintena de bandas sonoras para proxectos teatrais e recoñecido unanimemente como un dos creadores máis destacados neste campo nas últimas décadas.
Los Eternos presentan o seu novo disco 'San Antonio'
Xénero:
| 4 / 4 / 2025A banda Los Eternos ven de presentar o seu terceiro disco longo 'San Antonio' (Ferror Records/ Milana Música, 2025), o primeiro que gravan integramente en galego mantendo o seu característico son de americana. Tras "Vientos Solitarios" (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) e o remarcable "Sonora" (Ferror Records / Milana Música, 2021) a banda presenta un novo traballo intenso e emotivo que, talvez pola escolla lingüística, fáisenos aínda máis íntimo e achegado, pero que tamén é especial porque nel recolle unha dolorosa perda real, a de Arantza Navarrete, parella de Chewis e autora da maioría das letras do grupo, cuxa enfermidade marca este álbum.
Un novo festival de rock alternativo terá lugar no Parque do Pasatempo
Xénero:
| 3 / 4 / 2025Comeza a andaina dun novo festival en Galicia. Cunha proposta moi diferente no musical aos festivais populares de hoxe en día, confórmase un novo festival que será referencia para o público do rock e metal alternativo, o Fumega Fest. Este anuncio vén acompañado das datas de celebración do festival, que terá lugar entre os días 4 e 5 de xullo. Ubicado no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, declarado Ben de Interese Cultural, este novo evento acollerá a bandas de Europa de stoner, psych, space rock ou post metal, ocupando un espazo ata agora orfo en territorio galego e estatal. Os artistas e as entradas verán a luz nos próximos días, segundo avanza a organización.Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. Fumega Fest nace para ser unha referencia estatal nos festivais destes xéneros, que teñen unha grande acollida arredor de Europa ou mesmo de Portugal. Neste sentido, o festival mírase no espello de outros xa consolidados como o Roadburn, Desert Fest (con edicións en catro cidades europeas e en Nova York), Sonic Blast ou DunaJam coa intención de facerse un oco dentro do circuíto de festivais da música rock e metal alternativo en Europa. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.
Deleiba publican o seu primeiro LP
Xénero:
| 10 / 3 / 2025Nados como banda en 2017, e con temas presentados en EP e sinxelos ao longo destes anos, ademais de actuacións en directo en festivais, os Deleiba tiveron que agardar ata este ano para presentar o seu primeiros traballo de longa duración. 'Ao revés do mundo' (Deleiba, 2025) está producido polo coñecido músico e produtor Iago Pico, que xa colaborara noutras gravacións da banda, e gravado en Pouland Studios. Neste disco de once temas, a formación reúne algunhas das cancións que foi presentando estes anos e outras novas composicións. Todas entran dentro do son punk rock moi achegado ao metal. Con letras en galego sobre todo tipo de temas, desde o social ao íntimo. Nunha das cancións 'Sere-Bros Destruídos' contan coas colaboracións de Monolious Dop e Ula Mayo. O son, baseado en guitarreo ametrallador e contundente, percusión potente e importantes punteos non baixa o ritmo agás nun par de temas máis próximos á balada, pero tampouco o fai de todo, deixando espazo para o seu selo sonoro. O disco está dispoñible para escoita nas plataformas dixitais. A primeira das subidas ao escenario tivo lugar este pasado venres na Sala Sonar de Santiago, para o que contaron coa subida ao escenario do propio Iago Pico. O vindeiro día 14 de marzo estarán na Coruña, na Sala Filomatic.
Grande Amore lanza o seu "III" álbum
Xénero:
| 6 / 3 / 2025Xa chegou ás plataformas o novo álbum de Grande Amore. Titúlase III, seguindo a tónica iniciada desde o primeiro, e ofrece 11 cancións na liña frenética do grupo. A xira de presentación do novo álbum comezará en Ourense o día 14 de marzo e continuará por Lugo (15), Murcia, Alicante, Madrid, Zamora, Oviedo, Toledo, ou Coruña ou Santiago entre outras localidades. Para o novo disco, a banda preparou un conxunto de videoclips como Ontes fun moi malo, Ti e máis eu, en colaboración con Nacho Vegas, e está a rodar nestes momentos outro en Arzua a partir do tema Vou pa Arzúa. Este é o terceiro álbum que publica a banda, tras Grande Amore (2021) e II (2023).
'Heredeiros da Crus' receitan rock con 'Trankimasín'
Xénero:
| 21 / 2 / 2025'Heredeiros da Crus' a veterana banda de rock en galego, regresa cun novo traballo longo, 'Trankimasin' (Dotbeat), que desde hoxe xa está nas plataformas dixitais. Este novo traballo de estudio, o primeiro en seis anos tras 'Derretidos' (Dotbeat, 2019), presenta unha colección de 12 temas, baixo o concepto de comprimidos receitables "en caso de deficiencia sanguínea de rock setentero", segundo comunican. O disco, coherente coa súa traxectoria e son e que non defraudará aos seus fieis e numerosos seguidores, ven cargado de irreverencia, retranca, referencias sexuais e potencia guitarreira e sonora en xeral. A presentación, un concerto sorpresa que celebrarán hoxe na coruñesa Sala Mardi Gras, anunciouse onte e esgotou entradas en tres horas. 'Trankimasin' reafirma a capacidade do grupo para seguir tras máis de trinta anos de traxectoria ofrecendo novidades sen comprometer as raíces que os converteron en iconas da música en galego.
Ruxe Ruxe publican o novo disco 'Xabral'
Xénero:
| 5 / 2 / 2025'Pub rock' é o tema que abre o novo álbum dos veteranos Ruxe Ruxe e tamén é o nome da xira de presentación do disco, que xa arrincou e ten varias datas por diante. 'Xabral' (Luneda, 2025) é o décimo cuarto disco da banda de Aríns. Trece temas de rock&roll con sabor a clásicos todo eles e que de seguro ofrecen a oportundiade de facer uns directos contundentes. Desta volta, de novo, producidos, e gravados, polo produtor vasco Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu) nos estudios Garate (Gipuzkoa-Euskadi) coidando extremadamente cada canción nunha aposta polo son máis orgánico, auténtico e rockeiro da da banda.
Terbutalina anuncia unha pausa indefinida na súa carreira
Xénero:
| 23 / 1 / 2025O grupo Terbutalina despídese dos escenarios logo de quince anos de actividade. A banda de Esteiro anunciaba este 22 de xaneiro nas súas redes sociais unha parada de duración indefinida na súa actividade.
Os John Deeres volven cun disco conceptual
Xénero:
| 30 / 12 / 2024Dous temas, divididos en catro partes cada un , un total de oito cortes musicais que conforman o novo disco dos estradenses Os John Deeres- O primeiro disco longo en sete anos e o cuarto do seu percorrido. 'O círculo das formigas', que así se titula este novo álbum do quinteto, supón unha notable evolución en canto aos conceptos e aos sons que manexaba a banda nos seus anteriores traballos. Preséntase como un disco conceptual, case como dous discos, xa que o álbum divídese en dúas partes, Pulso e Inercia, con catro movementos cada una, que incluso de poderían escoitar como dous traballos distintos, aseguran desde a banda.
REPORTAXE

Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música