Ir ao contido directamente.


Noticias

Os músicos galegos recollen cinco galardóns nos Premios da Música Independente estatais

Xénero: Miscelánea | 18 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

Os Premios MIN da industria da música independente española chegaron a pasada noite ao remate da súa XVIª edición en Zaragoza e amosan, unha vez máis, o bo estado de calidade da escena musical galega actual e dos músicos xurdidos dela. O proxecto Baiuca do catoirán Alejandro Guillén foi o protagonista da noite grazas ao seu EP conxunto realizado coa artista de Elx (Valencia) Alba Reche. A súa colaboración de título 'Diamante / La mare' (Raso estudio), que fusiona electrónica e folclore galego fíxose cos premios 'Radio 3 á Canción do ano', 'Premio SAE Spain á Mellor Produción Musical' e o de 'Mellor Gravación Electrónica', un premio este derradeiro que Baiuca xa acadou no ano 2022 nos Premios Min grazas ao seu traballo 'Embruxo' (Raso estudio).

Danza 3 chegará a 18 concellos na súa nova edición

Xénero: Folk | 12 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

A música e o baile tradicional que propón o programa Danza 3 achegarase este 2024 a un total de 18 concellos ata o vindeiro mes de setembro. A Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba este 12 de abril a duodécima edición do programa, que protagonizan un ano máis as formacións Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

Pauliña aposta polo idioma con perspectiva punk no seu cuarto disco

Xénero: Fusión | 11 / 4 / 2024

Paulinha_Galegoisnotdead.jpg

Oito temas rápidos e metralladores, cada un no seu estilo e coa súa mensaxe conforman o novo traballo longo de Paula Chaves, coñecida artísticamente como Pauliña, 'Galego is not dead' (Xonix Records), un título e unha portada con referencias punks dos Exploited, os Sex Pistols confirmadas na letra do tema 'Crime e castigo' e outras que teñen que ver máis con The Clash noutros temas. O cuarto traballo da artista chega tres anos despois do seu anterior traballo longo 'Testemuñas' (Xonix records, 2021), tempo no que co seu proxecto estivo moi presente en festivais e dando concertos por toda a xeografía. De novo para a composición Pauliña conta con Paco Montoto e Lolo Arincón, membros fixos da súa banda. Eles asinan sete dos temas con ela, agás o que pecha o disco 'Detective Conan' versión dunha canción do ánime xaponés do mesmo título. O repertorio do novo traballo inclúe as sonoridades entre o rock and roll, o ska e outras mesturas que son habituais nos discos da de Cambados. As letras sempre afiadas, rápidas e contundentes serven para explorar as posibilidades da voz da artista. O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.

Embaixada da musica galega en Lorient

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

"A mocidade dos países celtas" é o lema arredor do que se constrúe este 2024 o festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. A súa edición número 53 comezará o 10 de agosto e ata o día 18 reunirá na cidade bretoa un compendio de músicas dos países e as culturas unidas pola identidade celta. A representación da música galega correrá a cargo de diferentes artistas e proxectos que van desde as formacións de corte máis tradicional eos artistas consolidados ata as novas promesas e interpretacións máis avanzadas. Neste caso a lista está encabezada por Carlos Núñez, ben coñecido nesas terras bretoas, que acudirá a Lorient a presentar o seu novo disco e espectáculo 'Celtic Sea'. No programa estarán tamén as agrupación tradicionais Rebulir de Ramirás en Ourense e Banda de gaitas Arume de Malvas, en Tui, así como a proposta contemporánea do trío Caldo. Como é habitual algúins dos músicos máis prometedores da gaita estarán nesta cita que reúne a especialistas de todo o mundo nese instrumento. Por Lorient pasarán Manu Seoane, María López e Pablo Seoane. Tamén estará representada a puxanza das cantareiras e a pandeireta, grazas a Laura Iglesias Buján, que participará do Interceltique Music Camp, durante o festival.

O OurenSound Fest deixa Ourense por desencontros co concello

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

A organización do festival Ouren Sound Fest ven de facer público nun comunicado a súa decisión de sacar do concello de Ourense a súa vindeira edición a celebrar do 23 ao 25 de maio. Así, a pouco máis dun mes para a súa celebración e cun cartel xa presentado e abonos xa á venda desde fai meses, o festival trasládase desde as instalacións previstas en Bemposta ata o concello de Pereiro de Aguiar, no que as actuacións de pago terán lugar dentro do Complexo Deportivo de Monterrei, mentres que as de balde celebraranse na Praza da Capilla, no centro da localidade. A radical decisión ven motivada, segundo a organización, polos "desencontros e falta de entendemento entre concello e produtora". O festival, que ten patrocinios da Xunta de Galicia e da deputación Provincial, asegura crear co seu evento un retorno económico de máis de 700. 000 euros e máis de 250 postos de traballo. A organización sinala que seguirá habendo conexión co novo recinto desde o centro de Ourense, que por outro lado non está moito máis lonxe que o anterior, iso si, nun concello que segundo eles, acolle ao festival "cos brazos abertos" poñendo "todas as facilidades para poder levalo a cabo". O festival ten un cartel xa confirmado con numerosos nomes da escena musical galega e presentan esta edición como a máis ambiciosa ata o momento.

O Galegote volve aos bares e inclúe artistas portugueses

Xénero: Miscelánea | 9 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

O 27 de abril terá lugar unha nova edición do Galegote (anteriormente Galegote Rock) en Pontevedra, o festival que reúne unha selección da ampla oferta da escena musical en lingua galega. A cita, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, presenta algunhas novidades nesta edición número 12, ademais da simplificación do seu nome. Unha das novidades máis importante é o feito de que recupera os bares como escenarios principais e ofrecerá neles 14 actuacións repartidas durante o día nos seguintes establecementos: O Diaño, Tabula Rasa, Nasa, La Hormiga, La Pomada, O Grifón, O’Panderetas, La Verbena, Chirala, The Groove House e Sopa de Gallo. Outra da novidades é á incorporación de música do veciño portugal, na súa lingua propia. Así o cartel do festival, que non renuncia ao xénero do rock aínda que é máis amplo, agrupa bandas galegas con traxectoria, voces emerxentes e representación local, con nomes coma Moura, Lacón sen Jrelos, Ataque Escampe, Caldo, Hydn ou Zeltia Irevire, ente outros, e inclúe ademais dúas presenzas lusas: Duques do Precariado e compositora Érika Machado. Entre todos conforman o programa desta xornada festiva e musical, que contará tamén con programación infantil, da man de Cora Velasco e Sandra Asín. Todas as actuacións teñen entrada libre e de balde.

Nova edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera

Xénero: Antiga | 8 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

A igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, pertencente ao conxunto que coa reitoral foi declarado o pasado ano Ben de Interese Cultural (BIC) acollerá unha nova edición, a número XVI do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera. O programadesenvolverase do 27 de abril ao 14 de setembro cun total de oito concertos que se celebrarán dentro desta singular igrexa situada no rural do concello pontevedrés de Covelo dinamizando o lugar, próximo a Mondariz. O primeiro concerto correrá a cargo de Vox Stellae. O 25 de maio será a quenda do grupo Ars Longa, mentres que o 15 de xuño de Ensemble Orphelion. En xullo, a primeira das citas será o día 6 da man de Judith Jauregui e o día 20 actuarán Beatriz Díaz, Jose Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil. Xa en agosto, con dúas citas, encherán de música a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera o Grupo Fua o día 15 e Cancellos o día 31. O concerto de clausura desta XVI edición do ciclo será o 14 de setembro con Camerata OSG. Todos os concertos están programados para as 20,00 horas.

Triángulo de Amor Bizarro celebra vinte anos nunha xira cun repertorio decidido ao azar

Xénero: Rock | 5 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

A coñecida banda Triángulo de Amor Bizarro está de actualidade por dous motivos: celebra este ano o vinte aniversario desde a súa formación e un dos integrantes do grupo, o teclista e guitarra Zippo, deixa o proxecto por iniciativa propia tras trece anos. Lamentando a súa saída o grupo segue adiante cos seus plans e xa como trío, formación que xa tiveron nalgún momento da súa traxectoria, veñen de presentar a xira de concertos coa que celebraran a súa efeméride, uns eventos que terán algo moi especial xa que o repertorio a interpretar en cada concerto de entre a súa discografía dependerá do azar.

Boyanka Kostova propoñen unha 'Foliada no Inferno'

Xénero: Hip-Hop | 4 / 4 / 2024

BK_foliadanoinferno.jpg

Os Boyanka Kostova (Chicho e Cibrán) xa teñen desde hoxe o seu propio álbum de referencia infernal como todos os grupos de culto desde finais dos anos setenta. 'Foliada no Inferno' (Ernie records, 2024) é o sexto disco longo deste dúo que é bandeira do novo rap en galego. O disco preséntase como "un tratado de 'escarnio e maldizer'", nel, O Chicho do Funk (Ortiga) e Cibrán García maldín todos os males do seu tempo: as relacións sociais, as drogas, o desamor... Pero isto sempre dende o escarnio, mantendo o seu característico toque de humor retranqueiro nas súas letras. Fai menos dun ano que publicaban o seu anterior LP ' Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados? (Ernie Records, 2023) co que aínda poden gañar nuns días o Premio Min a Mellor Álbum en Galego e agora suman esta referencia, afastada no son da anterior, cun resultado moito máis ecléctico e nun traballo máis longo (11 temas fronte aos 10 do anterior) e que xa desde a portada representa unha antítese co do ano pasado.

Mundo Prestigio presenta o froito da súa 'Eterna Constanza'

Xénero: Fusión | 1 / 4 / 2024

eternaconstanza_mundoprestigio.jpg

'Ruada' é título do tema co que Mundo Prestigio abre o que é o seu primeiro traballo longo 'Eterna Constanza' (Ernie Records, 2024). Para este tema en concreto a banda conta coa colaboración doutro dos artistas da discográfica, Carlangas. Xustamente esta formación, baixo o nome de Los Cubatas son os que acompañan en xira ao ex-Novedades Carminha. Mundo Prestigio está integrado por Ju, Brais, Fiz e Fer, en 'Eterna Constanza' preséntanse con 13 cancións, pasaxes a modo de interludio e colaboracións con seis dos seus artistas favoritos do panorama musical nacional, ademais de Carlangas conforman esta lista Antía Van Weill, Kimberley Tell, Kiliki Frexko (de Chill Mafia), Erik Urano e Cibrán (Boyanka Kostova), que é practicamente un quinto membro do clan. Para a produción do disco a banda contou coa experta man do coñecido Hevi, unha figura esencial para entender o panorama da música actual en galego. O disco presenta un compendio estilístico variado e un equilibrio entre temas instrumentais, moi ambientais nun senso chill out e outros cantados grazas maiormente á colaboracións.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 3252 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR