Ir ao contido directamente.


Noticias

Cemento Musgo debuta cun visuálbum pioneiro

Xénero: Hip-Hop | 25 / 3 / 2024

Cemento-Musgo-PORTADA-en-baixa-1320x1320.jpg

Once cancións acompañadas doutros tantos vídeos compoñen o visuálbum co que se presenta Cemento Musgo. Neste formato pioneiro no noso país combínanse as artes de Sokram, voz de Dios ke te Crew, ilustrador e muralista, do produtor parisino Coio, que corre coa parte musical do proxecto, e mais do artista visual A.L. Crego, pioneiro do gif art, que achega o aspecto gráfico. O álbum foi gravado, mesturado e masterizado por Møu, de Dios ke te Crew, en Rapapoulo Estudio.

Tanxugueiras e Fillas de Cassandra finalistas en catro categorías dos Premios MIN

Xénero: Miscelánea | 21 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

Pasadas as fases de votación do público e do xurado profesional os XVI Premios Min da música independente española presentaron onte a lista de finalistas de cada categoría, xa con vistas a resolverse o vindeiro 17 de abril na gala de entrega de galardóns. Cinco proxectos musicais compoñen esta lista final de cada premio e ata doce nomes proveñen da escena musical galega. No caso do premio ao Mellor Álbum en Galego os candidatos que poden levar o premio deste ano son Grande Amore, por II (Ernie Records); Fillas de Cassandra, por Acrópole (Tremendo Audiovisual); Caamaño & Ameixeiras, por 'Quitar o aire' (Raso estudios); Ortiga, por 'Ortiga e Pili Pampín' (Ernie Records) e Boyanka Kostova, por ' Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados' (Ernie Records). A categoría está claramente dominada por apostas que transitan entre a música urbana e a tradicional, con tres referencias da discográfica Ernie records e unha duplicidade por parte de 'Chicho do funk', presente a través do seu proxecto Ortiga e tamén como metade do dúo Boyanka Kostova. Ademais diso, esta é unha das dúas categorías onde compiten entre si Fillas de Cassandra e Caaamaño & Ameixeiras, que tamén son finalistas a Mellor Álbum de Música de Raíz. En concreto, o proxecto de Fillas de Cassandra xunto co das Tanxugueiras, son as representacións da escena galega máis presentes nestas candidaturas finalistas dos Premios MIN, aspirando a levara ata catro galardóns.

Costas e Soto recuperan o repertorio de Siniestro Total para os directos

Xénero: Rock | 19 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

A piques de cumprir dous anos do que foi o derradeiro concerto de Siniestro Total, celebrado no Wizink Center de Madrid o repertorio dos 40 anos de actividade da banda xa ten continuidade sobre os escenarios e ademais con autenticidade absoluta. Será o vindeiro 30 de abril cando debute en directo a formación Hey Hematoma, unha banda que vai máis alá do tributo, xa que son algúns dos membros fundadores de Siniestro Total os que a conforman. En concreto son Javier Soto e Miguel Costas os que abandeiran este proxecto musical sobre o repertorio da banda. Os dous formaron parte do grupo inicial, se ben Costas deixouna en 1994, pero Soto seguiu ata o final nela. Acompáñalles nesta aventura Andrés Cunha, o que foi o último batería que pasou por Siniestro desde 2018, xunta eles completan a formación Alberto Cunha e Chus Dasilva. O legado da banda que foi recoñecida cunha Medalla Castelao en 2023 terá lexítima continuidade así, canda menos sobre os escenarios.

Tres festivais galegos son os mellores da península nas súas categorías

Xénero: Miscelánea | 18 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

O mellor Festival de Pequeño tamaño da península ibérica no ano 2023 foi o 17° Ribeira Sacra e o mellor dos celebrados nun recinto interior foi o Underfest SON Estrella Galicia, de Vigo. Ademais diso o Festival O Son do Camiño de 2023 foi recoñecido polo xurado profesional da oitava edición dos Iberian festival Awards como aquel cuxa organización dá aos artistas a mellor acollida e recepción. A gala final de entrega destes galardóns deixou un palmarés no que están presentes catro eventos galegos entre premios absolutos a nivel peninsular e aqueles que se conceden a niveis estatais. Entre este últimos volve estar o festival do Monte do Gozo, O Son do camino, polo traballo de cobertura audiovisual feito pola promotora Esmerarte nesta edición, que destaca así entro resto de festivais españoles. Tamén a edición de 2023 de o festival SonRías Baixas de Bueu, acadou un galardón estatal pola súa capacidade promoción turística. Ao final, dos oito festivas galegos que optaban a premio na fase de finalistas foron a metade os que consequiron algún dos dezaseis galardóns aos que optaban.

The Rapants poñen en marcha 'La máquina del buen rollo'

Xénero: Pop | 15 / 3 / 2024

therapants_lamaquina_capa.jpg

Os muradáns The Rapants son hoxe en día unha das bandas máis presentes da escena galega do pop, desde que en 2021 gañaron o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas a formación non fixo máis que aumentar a súa presenza e alcance en salas e festivais. Agora presentan o seu terceiro traballo longo, 'La máquina del buen rollo', apenas un ano máis tarde que o anterior 'O Corasón como un after'(2023). Con este novo disco a formación quere amosar unha evolución do seu son e un retrato sonoro o máis fiel posible ao espírito da banda. Nove temas cheos de enerxia para desfogar bailando, ateigado, segundo eles, de chiscadelas á vida muradá e con moitas referencias case universais dentro do mundo do pop. Rock, rap ou country son algúns dos estilos polos que transita este 'La máquina del buen rollo', un traballo que os rapantes gravaron o pasado outono nos estudios de Paco Loco, quen axudou á banda a ultimar os detalles dun disco no que cada tema "ten entidade propia". Cada corte ten características propias, mais todos son parte dun mecanismo que fai que o álbum procure reproducir os directos de The Rapants. The Rapants contrapón letras tristes e escuras (nas que contaron coa colaboración de Sara Faro, de Fillas de Cassandra, para Rue Franklin, e Nuno Pico, de Grande Amore, en Cando Pensa en Min) con ritmos e melodías animadas, feitas para bailar.

A novena xeira de De lugares e órganos activa o patrimonio sonoro de Compostela

Xénero: Antiga | 15 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

Cicno concertos ao vivo compoñen o eixe do programa da novena edición de De lugares e órganos. A iniciativa que pon en valor o patrimonio organístico de Santiago de Compostela desenvólvese entre o 21 e o 31 de marzo a contar cos instrumentos conservados nas igrexas de San Paio de Antealtares, Santa Clara, a capela das Ánimas, a igrexa de San Miguel dos Agros e a igrexa da Universidade.

Milladoiro celebra o 45 aniversario do seu primeiro concerto na Coruña

Xénero: Folk | 13 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

O 15 de maio de 1979 no teatro do colexio Salesianos da Coruña unha nova formación de música folk subía ao escenario a estrearse ante o público baixo o nome Milladoiro. Co tempo esta formación chegou a acadar grande popularidade alcance así como fitos enormes para a cultura galega. Percorreu escenarios de todo o mundo e recibiu recoñecementos senlleiros como a Medalla de Ouro de Galicia (2012), Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2004); o premio Goya á mellor banda sonora orixinal, por "La Mitad del Cielo" en 1986; o premio da Música concedido pola SGAE e AIE ou o Pedrón de Ouro, concedido polo Padroado Rosalía de Castro no ano 1985. Agora, 45 anos despois daquel concerto de presentación organizado polo Ateneo herculino e co gallo de conmemorar esa efeméride, a senlleira banda volve subir ao escenario no Pazo da Cultura da cidade que a viu nacer para ofrecer un evento singular coa súa actual formación na que están Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Harry.c, Manú Conde e Manuel Riveiro. Será o vindeiro 19 de maio cando Milladoiro celebre o seu concerto de 45 aniversario e xa está á venda as entradas para asistir.

Dakidarría presentan o directo da súa conmemoración de vinte anos

Xénero: Rock | 12 / 3 / 2024

PORTADA XX DAKIDARRIA.jpg

Os Dakidarría colléronlle gusto a gravar os seus directos conmemorativos. Se fai agora 8 anos a banda presentaba o disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria agora o motivo foi a celebración o pasado ano do seu vinte aniversario que celebraron sobre os escenarios en cun concerto conmemorativo o 9 de setembro no marco do festival Revenidas en Vilaxoán de Arousa. Daquela noite sae agora "XX"( El Garaje Producciones), a gravación do directo onde inmortalizan aquela noite na que contaron coa colaboración de máis de 50 artistas, nun percorrido sonoro de vinta cancións e máis de dúas horas a través dos vinte anos de vida deste grupo do Val Miñor, referente na defensa da cultura popular e contestataria. Entre as colaboradoras deste traballo destacan figuras como Xurxo Souto, Tanxugueiras, Boikot, La Raíz, Mondra, ou High Paw.

Xacarandaina leva o II Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano

Xénero: Folk | 11 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

O vindeiro 2 de abril celébrase no Teatro Rosalía da Coruña a gala dos XXIII Premios Opinión da Música de Raíz. De xeito previo a dar a coñecer os proxectos vencedores desta edición, a organización do encontro presentaba este 9 de marzo as propostas que foron recoñecidas cos premios especiais do certame.

O festival da diáspora EmigraSON celebra segunda edición

Xénero: Miscelánea | 8 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

A mocidade da diáspora galega en Bruxelas reunirá esta fin de semana na capital belga un elenco de representantes da escena musical galega no que será a segunda edición do festival EmigraSON. Esta iniciativa autoxestionada por un grupo de xente nova emigrada, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, e as empresas Deleite e Rei Zentolo, que súmanse nesta segunda edición aos apoios do Parlamento Europeo e nomeadamente dos eurodeputados Nicolás Casares (PSOE) e Ana Miranda (BNG). Os organizadores buscan "achegar Galicia a súa cidade e crear un lugar de encontro para a mocidade galega no estranxeiro" e con esa finalidade acadaron levar unha representación da puxante escena musical galega actual. O programa ábrese hoxe coa actuación do dúo Aldaolado nas instalacións do Instituto Cervantes, para posteriormente celebrar unha foliada coa formación Alumea no local do Colectivo García Lorca. O cartel do que é propiamente o festival musical a celebrar o sábado inclúe a Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants,, todos eles actuarán desde as 16:30 horas no local La Tricoterie da capital belga. O evento serve tamén de marco á celebración do Iº Foro de Investigadores Galegos no Estranxeiro, organizado pola Rede Galega pola Investigación, InvestiGal, que reúne a ducias de investigadores galegos que traballan en países diversos.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 3374 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR