Ir ao contido directamente.


Noticias

Eladio Santos asina o seu primeiro traballo en solitario

Xénero: Pop | 6 / 8 / 2024

eladio_estereo_estrada.jpg

O verán trouxo consigo un novo xiro do vigués Eladio Santos que rompe un silencio de anos. Alma mater de Eladio y Los Seres Queridos, metade indispensable de dúo inclasificable con Tony Lomba e creador dalgúns dos temas máis memorables do pop independente galego deste século, o músico ven de dar a sorpresa presentando un disco asinado en solitario, aínda que estea ben acompañado na súa feitura. 'Estëreo estrada' (Autoeditado) é o nome deste traballo que o artista defenderá cada mércores en directo no local vigués La Casa de Arriba, antes dunha posible xira de outono. O disco xa está nalgunhas plataformas dixitais e pódese acceder a un vídeo de 15 minutos en YouTube para unha escoita máis devagar dalgúns dos temas que o compoñen. Unha experiencia moi recomendada para os seguidores da traxectoria do músico que atoparán aí a esencia do seu son.

Rosalía Fernández presenta o disco de poesía "De centeo e durmideiras"

Xénero: Fusión | 24 / 7 / 2024

a0449239727_10.jpg

"De centeo e durmideiras" (Ferror Records, 2024) é un disco de poesía, "palabra falada" como performance poético-musical. Rosalía Fernández Rial (Muxia, 1988) asina este traballo que supón o seu segundo disco en solitario tras "Desnortada" (Ferror Records, 2021). Como acordeonista Rosalía forma parte do grupo Chicharrón. Tanto este álbum como o anterior son homónimos de obras literarias publicadas pola multidisciplinar artista. Neste caso os seis poemas que poden ser escoitados están recollidos tamén no libro "De centeo e Durmideiras" (Cuatro Lunas, 2024), publicado nunha edición bilingüe por Cuatro lunas, un selo editorial de Kalandraka. Para este traballo de spoken word Rosalía asumiu ademais da voz, o acordeón e sintetizador, facéndose acompañar na zanfona por Guillermo Reiriz e na produción artística por Manolo Dourado. Nas texturas de cada poema contan moito como parte indispensable os sons de natureza, que foron engadidos por Belén Lorenzo, grazas a eles atopamos o máis orgánico e vivo destes poemas cuxo acompañamento musical, como unha rede, enlaza todo o álbum nun continuo.

Música no Claustro achega sete concertos á Catedral de Tui

Xénero: Miscelánea | 24 / 7 / 2024

imaxe non dispoñible

Artistas de Mali, Suíza, Canarias, Portugal, Andalucía e Galicia compoñen o programa da décima octava edición de Música no Claustro. A Catedral de Tui acolle entre o 1 e o 7 de agosto os sete concertos que compoñen esta xeira.

Alejo Amoedo ábrenos os salóns pontevedreses do século XIX

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 7 / 2024

mansion-dos-anxos-2.jpg

O pianista Alejo Amoedo (Redondela, 1966), catedrático de Música e Artes Escénicas no Conservatorio de Vigo e membro da Real Academia Galega de Belas Artes ven de publicar no selo musical Dos Acordes o disco 'A mansión dos anxos'. Este singular traballo publicado en formato de vinilo de 12 pulgadas vai máis alá do concepto de disco e desde a súa intención investigadora e descubridora ata a inclusión da información que achegan os textos do musicólogo Daniel Sanmartín, supón unha obra de corte case ensaístico restrinxida a un tema moi concreto que xa reflicte xunto ao título: ' Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX'. A obra xurde como froito dun traballo de investigación levado a cabo os pasados anos por Amoedo, para afondar no coñecemento dun xénero vencellado a unha época e contribuír á divulgación dun repertorio e uns autores pouco coñecidos, cando non directamente descoñecidos. En total son once pezas de nove sinaturas as que Alejo interpreta neste álbum.

Nace a Asociación Galega de Tocadoras Somos Pandeireteiras

Xénero: Folk | 9 / 7 / 2024

imaxe non dispoñible

Co obxectivo de "cubrir o baleiro asociativo, e polo tanto político" que sofren as intérpretes de percusión tradicional galega, este 8 de xullo presentábase nas redes sociais a Asociación Galega de Tocadoras Somos Pandeireteiras.

Novo programa de música en directo na TVG2

Xénero: Miscelánea | 4 / 7 / 2024

imaxe non dispoñible

O grupo ourensán DÔN abriu cun concerto celebrado no local de Neumáticos San Cristobal da súa cidade as emisións do novo programa musical na G2, segunda canle da TVG. 'Sesión fóra do sitio' é o nome deste novo formato que comezou a emitirse o pasado mércores ás 23:10 horas e que ofrecerá música gravada en directo con concertos en lugares peculiares. O músico Tonhito de Poi presenta este programa producido por Zinemusik e dirixido por Oscar Doviso que ofrecerá dez entregas, unha cada mércores con ese horario, con diferentes artistas. Os dez concertos, xa gravados, lévanse a cabo e espazos de Ourense, negocios locais como o devandito garaxe, un ximnasio, unha libraría ou unha galería de arte, entre outros, segundo declaracións de Doviso para as páxinas de La Voz de Galicia. Todas as bandas e artistas que pasen durante o verán por este programa teñen en común a lingua galega nas súas creacións.

A Pedreira presenta o disco e espectáculo 'BASAL'

Xénero: Fusión | 20 / 6 / 2024

basal_apedreira.jpg

Este vindeiro domingo, 23 de xuño, o Teatro Colón da Coruña acollerá a presentación de BASAl, o novo disco e espectáculo de Ugía Pedreira, 'A Pedreira' dentro do ciclo 'Coa nosa voz' da Deputación Provincial. Segundo o dicionario da RAG, basal é un adxectivo para aquilo "que está situado na base dunha formación orgánica ou dunha construción". No seu novo traballo e segundo en solitario, "BASAL" (Raso estudio, 2024) A Pedreira mantén perceptible a súa base permanente e interior construíndo sobre ela con capacidade orgánica e fluída. Neste disco de oito temas faise unha viaxe polas diferentes 'a-pedreiras' que conviven dentro de Ugía e que xuntas debuxan o mapa do seu percorrido vital e musical desde os tempos de Chouteira fai trinta anos ata a actualidade. Jazz, folk tradicional, electrónica, rock, sons brasileiros, mexicanos, cubanos ou portuarios de todas as costas... Tal e como podemos escoitar se facemos un percorrido pola súa discografía, colaboracións e espectáculos dentro dela viven todas as músicas coas que imos topar neste disco que xa está dispoñible en plataformas dixitais.

A Asociación de Compositores edita tres cadernos de obras orixinais para cámara

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 6 / 2024

imaxe non dispoñible

No ano 2012 a Asociación Galega de Compositores abriu estre os seus asociados unha convocatoria para a edición de partituras inéditas de música para grupos de cámara. Os obxectivos eran acadar maio proxección en Galicia a este tipo de agrupacións e fornecer o corpus musical con novas obras orixinais e inéditas. Tres anos despois a AGC ven de presentar o froito desa iniciativa plasmado en tres volumes que se dividen segundo o número de instrumentos de vento e/ou percusión para os que están escritas: Dúos e Trios; Cuartetos; Quintetos.

Medalla Castelao para as pandeireteiras Leilía

Xénero: Folk | 18 / 6 / 2024

imaxe non dispoñible

O Consello da Xunta aprobou onte a concesión das Medallas Castelao da comunidade deste ano. Entre os cinco nomes que recibirán esta distinción está o da formación Leilía, que o pasado ano anunciou o fín da súa actividade artística tras 34 anos sobre os escenarios. No anuncio, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a característica de "pioneiras" do conxunto de pandeireteiras na promoción do folclore galego e o feito de que "abriron camiño a moitos que artistas e agrupacións que viñeron detrás". A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 28 de xuño, coincidindo co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao. Xunto a Leilía imporáselles outras medallas a o deportista Borja Golán, o empresario Amancio López Seijas, a activista Maite Isla e a Asociación de Médicos Galegos (Asomega). A formación musical conformada por Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez recibiu o pasado ano o Premio Opinión Andaina Senlleira á súa traxectoria de 34 anos e cinco discos.

A Real Filharmonía pon en valor o inconformismo como motor da creación musical

Xénero: Clásica/Lírica | 17 / 6 / 2024

imaxe non dispoñible

A Real Filharmonía de Galicia presentou este venres as chaves da temporada 2024-25. 'Inconformistas' é o lema desta nova temporada co foco en compositoras e compositores que ousaron desafiar as normas establecidas abrindo novos territorios sonoros. Deste xeito, a programación ten como fío condutor a música de tres figuras destacadas da composición: parte de Ludwig van Beethoven, "o inconformista orixinal" quen sentou as bases do repertorio orquestral moderno; detense tamén na figura de Hector Berlioz, grande experimentador da tímbrica, e esténdese ata o presente, coa atención na innovación compositora de Raquel García-Tomás, primeira compositora en residencia da RFG. No tecido deste fío narrativo, a tempada percorre a traxectoria e as obras de artistas incomprendidas/os no seu tempo cuxa pegada é hoxe indiscutible no gran repertorio musical: aos nomes de Franz Schubert, Anton Bruckner, Gustav Mahler, Charles Ives, Edgard Varèse, ou o inclasificable roqueiro Frank Zappa -por citar só algúns deles—-, súmanse os de mulleres como Marianne von Martinez, Elisabeth Jacquet de la Guerre, Ruth Crawford-Seeger, que contribuíron a traspasar fronteiras sonoras e de xénero.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 3431 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR