Noticias
O Festival Jazz de Ría amplíase a cinco días
Xénero:
| 9 / 8 / 2024Do venres 16 ao martes 20 de agosto, Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira serán de novo os escenarios da oitava edición do Jazz de Ría, que este ano contará con un cartel de artistas que representan os novos camiños do jazz. No seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz o festival amplía a cinco días o seu cartel de concertos e actividades en escenarios privilexiados afondando nas novas sonoridades do jazz a través de nove sorprendentes propostas que abrazan o xénero desde diferentes sensibilidades.
O ciclo Espazos Sonoros xa ten programa de visitas e concertos para setembro
Xénero:
| 7 / 8 / 2024Unha nova edición do festival Espazos Sonoros, e xa será a décima sexta, terá lugar do 1 ao 28 de setembro. O festival percorrerá diversos lugares como a igrexa de Santiago e as Torres de Mens, en Malpica, a ría de Ferrol, as Terras de Iria, o Xeoparque Cabo Ortegal, o Teatro de Beneficencia de Ortigueira, a contorna de Baroña e o bordo portuario do Porto do Son. Coma todos os anos, a programación propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para afondar nos contidos musicais da programación. Haberá un espazo de conversa no teatro Colón, co musicólogo e director de La Grande Chapelle, Albert Recasens e o filólogo Guillermo Fernández Rodríguez Escalona, as Torres de Mens visitaranse da man do experto Héitor Picallo, haberá unha ruta literaria polas Terras de Iria, da man de Manuel Lorenzo Baleirón, unha travesía pola paisaxe natural e histórica da ría de Ferrol e o Xeoparque Cabo Ortegal, para rematar cunha camiñada pola contorna do castro de Baroña. O Teatro Colón, a igrexa de Santiago de Mens, o teatro de Beneficencia de Ortigueira, a Casa de Rosalía, o edificio modernista do casino Ferrolán, o interesante edificio de actividades náuticas de Porto do Son, que forma parte do proxecto para a rexeneración do bordo portuario da vila, serán os escenarios que Espazos Sonoros propón nesta nova edición.
A imaxinación musical do Baldo Martínez Sexteto
Xénero:
| 7 / 8 / 2024"Danza imaginaria" é o tema de presentación de 'Música Imaginaria' (karonte Dsitribución, 2024), novo traballo do sexteto liderado polo contrabaixista Baldo Martínez e que comparte con Julián Sanchez (trompeta e fiscorno), Juan Saiz (saxos e frauta), Joâo Barradas (acordeón), Andrés Coll (vibráfono e marimba) ea tamén galega Lucía Martínez (batería e percusión). Este disco, xurdido dun proxecto producido polo Festival de Jazz de Vitoria 2023 como encarga a Baldo Martínez, deu neste traballo discográfico que tivo a presentación oficial na edición deste ano do festival. Vencellado directa e explicitamente cos sons do folclore galego, o disco ofrece mostras da calidade dos seis artistas que nel conflúen e a súa capacidade para o "free jazz", improvisando a partires das composicións de Martínez e sesións de estudio ou directos. Unha mostra do poder da imaxinación musical que dá nome ao álbum en claves contemporáneas.
Eladio Santos asina o seu primeiro traballo en solitario
Xénero:
| 6 / 8 / 2024O verán trouxo consigo un novo xiro do vigués Eladio Santos que rompe un silencio de anos. Alma mater de Eladio y Los Seres Queridos, metade indispensable de dúo inclasificable con Tony Lomba e creador dalgúns dos temas máis memorables do pop independente galego deste século, o músico ven de dar a sorpresa presentando un disco asinado en solitario, aínda que estea ben acompañado na súa feitura. 'Estëreo estrada' (Autoeditado) é o nome deste traballo que o artista defenderá cada mércores en directo no local vigués La Casa de Arriba, antes dunha posible xira de outono. O disco xa está nalgunhas plataformas dixitais e pódese acceder a un vídeo de 15 minutos en YouTube para unha escoita máis devagar dalgúns dos temas que o compoñen. Unha experiencia moi recomendada para os seguidores da traxectoria do músico que atoparán aí a esencia do seu son.
Rosalía Fernández presenta o disco de poesía "De centeo e durmideiras"
Xénero:
| 24 / 7 / 2024"De centeo e durmideiras" (Ferror Records, 2024) é un disco de poesía, "palabra falada" como performance poético-musical. Rosalía Fernández Rial (Muxia, 1988) asina este traballo que supón o seu segundo disco en solitario tras "Desnortada" (Ferror Records, 2021). Como acordeonista Rosalía forma parte do grupo Chicharrón. Tanto este álbum como o anterior son homónimos de obras literarias publicadas pola multidisciplinar artista. Neste caso os seis poemas que poden ser escoitados están recollidos tamén no libro "De centeo e Durmideiras" (Cuatro Lunas, 2024), publicado nunha edición bilingüe por Cuatro lunas, un selo editorial de Kalandraka. Para este traballo de spoken word Rosalía asumiu ademais da voz, o acordeón e sintetizador, facéndose acompañar na zanfona por Guillermo Reiriz e na produción artística por Manolo Dourado. Nas texturas de cada poema contan moito como parte indispensable os sons de natureza, que foron engadidos por Belén Lorenzo, grazas a eles atopamos o máis orgánico e vivo destes poemas cuxo acompañamento musical, como unha rede, enlaza todo o álbum nun continuo.
Música no Claustro achega sete concertos á Catedral de Tui
Xénero:
| 24 / 7 / 2024Artistas de Mali, Suíza, Canarias, Portugal, Andalucía e Galicia compoñen o programa da décima octava edición de Música no Claustro. A Catedral de Tui acolle entre o 1 e o 7 de agosto os sete concertos que compoñen esta xeira.
Alejo Amoedo ábrenos os salóns pontevedreses do século XIX
Xénero:
| 12 / 7 / 2024O pianista Alejo Amoedo (Redondela, 1966), catedrático de Música e Artes Escénicas no Conservatorio de Vigo e membro da Real Academia Galega de Belas Artes ven de publicar no selo musical Dos Acordes o disco 'A mansión dos anxos'. Este singular traballo publicado en formato de vinilo de 12 pulgadas vai máis alá do concepto de disco e desde a súa intención investigadora e descubridora ata a inclusión da información que achegan os textos do musicólogo Daniel Sanmartín, supón unha obra de corte case ensaístico restrinxida a un tema moi concreto que xa reflicte xunto ao título: ' Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX'. A obra xurde como froito dun traballo de investigación levado a cabo os pasados anos por Amoedo, para afondar no coñecemento dun xénero vencellado a unha época e contribuír á divulgación dun repertorio e uns autores pouco coñecidos, cando non directamente descoñecidos. En total son once pezas de nove sinaturas as que Alejo interpreta neste álbum.
Nace a Asociación Galega de Tocadoras Somos Pandeireteiras
Xénero:
| 9 / 7 / 2024Co obxectivo de "cubrir o baleiro asociativo, e polo tanto político" que sofren as intérpretes de percusión tradicional galega, este 8 de xullo presentábase nas redes sociais a Asociación Galega de Tocadoras Somos Pandeireteiras.
Novo programa de música en directo na TVG2
Xénero:
| 4 / 7 / 2024O grupo ourensán DÔN abriu cun concerto celebrado no local de Neumáticos San Cristobal da súa cidade as emisións do novo programa musical na G2, segunda canle da TVG. 'Sesión fóra do sitio' é o nome deste novo formato que comezou a emitirse o pasado mércores ás 23:10 horas e que ofrecerá música gravada en directo con concertos en lugares peculiares. O músico Tonhito de Poi presenta este programa producido por Zinemusik e dirixido por Oscar Doviso que ofrecerá dez entregas, unha cada mércores con ese horario, con diferentes artistas. Os dez concertos, xa gravados, lévanse a cabo e espazos de Ourense, negocios locais como o devandito garaxe, un ximnasio, unha libraría ou unha galería de arte, entre outros, segundo declaracións de Doviso para as páxinas de La Voz de Galicia. Todas as bandas e artistas que pasen durante o verán por este programa teñen en común a lingua galega nas súas creacións.
A Pedreira presenta o disco e espectáculo 'BASAL'
Xénero:
| 20 / 6 / 2024Este vindeiro domingo, 23 de xuño, o Teatro Colón da Coruña acollerá a presentación de BASAl, o novo disco e espectáculo de Ugía Pedreira, 'A Pedreira' dentro do ciclo 'Coa nosa voz' da Deputación Provincial. Segundo o dicionario da RAG, basal é un adxectivo para aquilo "que está situado na base dunha formación orgánica ou dunha construción". No seu novo traballo e segundo en solitario, "BASAL" (Raso estudio, 2024) A Pedreira mantén perceptible a súa base permanente e interior construíndo sobre ela con capacidade orgánica e fluída. Neste disco de oito temas faise unha viaxe polas diferentes 'a-pedreiras' que conviven dentro de Ugía e que xuntas debuxan o mapa do seu percorrido vital e musical desde os tempos de Chouteira fai trinta anos ata a actualidade. Jazz, folk tradicional, electrónica, rock, sons brasileiros, mexicanos, cubanos ou portuarios de todas as costas... Tal e como podemos escoitar se facemos un percorrido pola súa discografía, colaboracións e espectáculos dentro dela viven todas as músicas coas que imos topar neste disco que xa está dispoñible en plataformas dixitais.