Ir ao contido directamente.


Noticias

A colaboración entre unha suíza e un galego permitiu elaborar o "Cancioneiro Popular Galego", obra básica no estudio da nosa música tradicional

Xénero: Folk | 1 / 4 / 2003

imaxe non dispoñible

Hai vintecinco anos chegaba a Galicia de vacacións Dorothé Schubarth. Alguén lle falara da riqueza do noso folclore, sen esquecer referirlle a pobreza característica do noso país. A viaxeira era autora de destacados traballos sobre a música popular europea e, movida pola vocación, en chegando, comezou a buscar as escasas recompilacións que existían no noso país sobre o tema. Ante esa insuficiencia, non o dubidou e comezou un traballo de colleita que se iría ampliando e enleando ata dar lugar, seis anos máis tarde, á publicación do "Cancioneiro Popular Galego", a máis importante recompilación do noso folclore musical.

O estadounidense Alan Lomax realizou as primeiras gravacións de música tradicional galega a comezos dos anos cincuenta

Xénero: Folk | 19 / 3 / 2003

imaxe non dispoñible

No duro inverno de 1952 chegaba a Galicia unha estraña parella. El era Alan Lomax, un home de arredor de 37 anos, ela Jeanette Bell, a súa axudante, el estadounidense, ela inglesa. Levaban xa desde o mes de xuño percorrendo a Península ibérica armados cuns estraños e voluminosos aparellos electrónicos. Vixiados constantemente pola Garda civil enfrontábanse a malos camiños, hospedábanse en aldeas sen electricidade e sen auga e sufrían o frío. A súa intención non era espiar o réxime franquista. Viñan recoller cancións.

O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, nacido en 1917, desenvolve unha intensa actividade cultural a comezos do século XXI

Xénero: Coral | 24 / 2 / 2003

imaxe non dispoñible

A comezos do século XX Ferrol vía nacer o Coro Toxos e Froles, unha formación que recollía e actualizaba pezas da nosa tradición musical. A día de hoxe o colectivo mantense asentado coma unha institución na cidade, e afronta o século XXI cun ímpeto anovado que inclúe a inauguración dunha nova sede e a recompilación da súa historia. Mentres, continúa as súas actividades de formación e de difusión da nosa música tradicional.

A empresa Falcatruada promove e asesora os grupos afeccionados do país mediante unha orixinal fórmula

Xénero: Folk | 3 / 2 / 2003

imaxe non dispoñible

A vida dos grupos musicais que comezan é difícil. Ó esforzo artístico que supón crear música súmanse os problemas materiais: Conseguir un local de ensaio, xestionar concertos, gravar e, aínda despois distribuír e promover o material. Vendo a complexidade do panorama naceu Falcatruada, unha empresa que ten no deseño, xestión e asesoramento dos grupos novato o seu campo de traballo.

Uxía Pedreira amosa, con Marful e con Eclectic Ensemble, novos xeitos de interpretar a tradición musical galega

Xénero: Alternativa | 23 / 1 / 2003

imaxe non dispoñible

A música tradicional galega non se reduce ás formas que se conservan invariables desde hai séculos. Ó longo do tempo no noso país foron entrando ritmos e instrumentos novos, que se adaptaron á nosa realidade. O grupo Marful, con Uxía Pedreira á cabeza, recupera agora os sons das vilas galegas dos anos trinta e corenta e actualízaos nun cóctel que dá moita importancia ás letras e á voz. É música dunha raíz diferente.

Sinsalaudio prepara en breve un selo discográfico SOSOaudio para editar música “horizontal e vertical”

Xénero: Alternativa | 16 / 1 / 2003

imaxe non dispoñible

Hai quen pensa que o panorama musical en Galicia é folk, e o que non é folk é música tradicional pero equivócanse. Desde Vigo chegan ondas de tendencias techno, house, electro, drum and bass, dub, pop dixital, avant rock xunto con algo de ruidismo, música experimental e arte sonora. Todo un mundo novo, por descubrir que leva a etiqueta “Sinsalaudio”. Descóbreos.

A Banda de Música Unión Musical de Valladares cumpre cen anos de vida

Xénero: Clásica/Lírica | 26 / 12 / 2002

imaxe non dispoñible

Naceron antes de que afundira o Titanic, de que se declarasen a primeira e a segunda guerra mundial, e por suposto, viviron unha guerra, a dictadura, unha república e a democracia. E sempre poñéndolle musica. Son a Unión Musical de Valladares que este ano cumpren un centenario ó servicio da música.

O produtor musical e integrante de Mutenrohi Juan Carlos Fasero presenta o seu primeiro disco en solitario

Xénero: Nova era | 15 / 1 / 2002

not_7505.jpg

Juan Carlos Fernández Fasero é unha desas figuras ó redor das que xiran moitas das producións máis coñecidas do panorama musical galego, de feito xa tivo tres candidaturas aos Premios da Música que organizan a SGAE e a AIE. Por outra banda foi o produtor do traballo "Tolemia" de Cristina Pato, así como de Mutenrohi. Este músico, produtor e compositor presenta agora un traballo en solitario "Mar de Mares" (Zouma Records, 2001). Fasero amosa a súa capacidade de interpretación coa guitarra, mesturando o pop coa música celta e a chamada world music. O son que destila Mar de Mares amosa claramente as influencias de guitarristas míticos neste compositor como Mike Oldfield ou Carlos Santana, O músico fai con estes 10 temas un percorrido dende aqueles que nunca se atreveu a gravar ás propostas máis modernas e avanzadas dentro da world music. Como case sempre, os discos en solitario están cheos de colaboracións. No caso de "Mar de Mares" a Fasero o acompañan, ademais dos seus compañeiros do grupo Mutenrohi, Cristina Pato, nas gaitas, as cálidas voces de Laura Arbiol e Cristina Barriga, os violíns de Ricardo Mourente, e tamén os teclados de Juan de Dios. O disco foi gravado case integramente na "Casa de Tolos" por Segundo Grandío, e a produción artística correu a cargo do propio Fasero e de Grandío.

Fía na roca presenta en Contravento como novidade a incorporación da cantante Sonia Lebedynski

Xénero: Folk | 11 / 1 / 2002 + AUDIO

not_7504.jpg

Fía na roca presenta como principal novidade no seu terceiro disco, "Contravento" (Ceyba Music, 2001) a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo compoñente da formación, que estaba integrada por Xabier Bueno, Carlos Castro, Cris Gándara, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez. O disco contén doce pezas, sete saídas da tradición popular e as outras cinco composicións propias. Este disco ten no seu haber o galardón ao Mellor disco galego do 2001 por Radio Ecca e Segundo Mellor disco galego do 2001 segundo o xornal La Opinión. Ademais unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinación que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan. Tamén durante a xira de presentación de Contravento, no verán de 2001, coincidiu a formación galega coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Das boas relacións que xurdiron entre eles resultou a gravación dun documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo de Canadá. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.

A xira de presentación de “Alma de Buxo” nos Estados Unidos viuse cancelada polos acontecementos das Torres Xemelgas

Xénero: Folk | 22 / 10 / 2001 + IMAXES + AUDIO

imaxe non dispoñible

O buxo do que os Seivane levan facendo gaitas desde o ano 1939 foi a inspiración para poñer nome a este disco "Alma de buxo" (Boa Music, 2001). Susana amosa aquí a madeira da que está feita e que xa deixaba albiscar no anterior traballo "Susana Seivane" (Boa Music, 1999). A xira de promoción de "Alma de Buxo" viuse reducida polas circunstancias internacionais que comezaban o 11 de setembro. Ante a crecente inseguridade e un ambiente social nada propicio nos EUA para contribuír ó éxito da xira a gaiteira decidiu anular os seus compromisos para actuar nos Estados Unidos de América onde xa tiña concertados numerosos concertos, sen coñecerse a día de hoxe datas para unha posible continuación da xira en terras americanas. Para as trece pezas que conforman "Alma de Buxo" a gaiteira de Cecebre arrodéase de colaboradores algún dos cales xa a acompañaba no anterior disco, como Rodrígo Romaní, quen producira enteiramente aquel traballo e que aquí só colabora, xa que a mesma Seivane encargouse da produción. Nas gravacións acompañaron a Susana tamén importantes figuras da música tradicional e folk como Kepa Junquera, Uxía Senlle, Guadi Galego (Berrogüetto), Ugía Pedreira (Chouteira) e o seu propio avó, Xosé Manuel Seivane, gaiteiro e mestre artesán, que gravou dúas das composicións do seu repertorio.

<< Inicio / Anterior . 3371 a 3374 de 3374 .

BUSCADOR