Búscanse fábricas

O inventario do Patrimonio Industrial marcará as bases para a recuperación destes bens

Aínda é pouco máis do que unhas liñas na Lei de Patrimonio ou nos plans de ordenación dalgúns concellos. O patrimonio industrial galego segue a ser o grande descoñecido nas políticas de rehabilitación. Desde a Universidade de Santiago, Xoán Carmona é o responsable de iniciar o primeiro inventario que tentará dar conta do número e estados destes elementos en todo o país.

“O inventario pretende ser un rexistro de todos os elementos, fundamentalmente materiais, da nosa historia industrial”, resume Xoán Carmona, catedrático de Historia Económica da Universidade de Santiago. “Tamén se prestará atención á memoria oral sobre estes bens”, recoñece, aínda que nun primeiro momento o traballo vaise centrar na situación dos edificios deste tipo. “Estamos a elaborar unha ficha modelo, que ten que ser o máis completa posible. Hai que facer unha descrición do ben, sinalar o seu estado de conservación, indicar se conserva maquinaria e mais se existe documentación de arquivo ou bibliografía sobre o mesmo”, conclúe.

Buscar fábricas
O escaso recoñecemento que ata o de agora posuíron estes elementos, motiva que o traballo sexa máis complicado do que, por exemplo, inventariar catedrais. A dispersión de fábricas de diferentes épocas, ás veces en lugares remotos e mesmo agochados, fan que sexa necesario un intenso labor para as coñecer. “O inventariado é un traballo longo que esixe formar un equipo amplo e sistematizar todos os rexistros. Hai dous grandes procedemento. Un é o traballo de campo puro e duro, buscar e localizar por todo os país os elementos, pero resulta inviable”, recoñece. “O máis normal é revisar ben as fontes escritas, documentación a nivel de arquivos municipais, autonómicos ou estatais para tentar ver qué industrias houbo aquí e onde se localizaban, e despois completar isto con traballo de campo. É un proceso engorroso”. Malia a que esta é a primeira tentativa sistemática para coñecer o noso patrimonio industrial, o equipo de Carmona conta con algunhas iniciativas de catalogación parciais anteriores. Deste xeito, existe un inventario de patrimonio marítimo feito a cargo de Turismo no que se recollen, por exemplo, conserveiras ou fábricas de salgaduras. Tamén en 1990 a propia Dirección Xeral de Patrimonio encargou un primeiro avance de cara á realización dun inventario como o que agora se inicia e ten un catálogo sobre arquitectura que tamén é unha guía a seguir.

A importancia do inventario
“O inventario é o paso previo e necesario para as políticas de conservación”, apunta Carmona. “Ten que indicar qué se debe e qué non se debe conservar, porque se queremos conservalo todo o que pasará será que non se conserve nada. Cómpre priorizar e atender ao estado dos elementos, a súa importancia e ás posibilidades de recuperación”, completa. O actual traballo de inventariado, previsto para dous anos, dará a pé a un Libro Branco do Patrimonio Industrial que guiará as intervencións nestes bens ata o de agora pouco coidados. Ese desenvolvemento dependerá, sobre todo, “da vontade. Existen figuras de protección, aínda que moitas veces non se chegaron a desenvolver. Pero pódense aplicar figuras coma a declaración coma Ben de Interese Cultural ou a consideración de elemento a salvagardar nos plans de ordenación municipal”, explica este catedrático, “pero sobre todo cómpre que haxa interese”.

Conciencia social
Precisamente encol do interese que esperta este legado, pouco valorado ata os últimos anos, Carmona amósase optimista. “Algo que xoga a favor da recuperación destes bens é que xa se fixo noutros lugares coma o Reino Unido, Alemaña ou Euskadi”, explica. De feito, comunidades coma Castela e León, Cataluña e Aragón están na actualidade a desenvolver os seus propios inventarios centrados neste patrimonio. “Ademais, na actualidade están a xurdir movementos cidadáns a prol da conservación destes bens, coma o caso da panificadora de Vigo, do barco Bernardo Alfageme ou das instalacións do contorno de Rande”, lembra. En xeral, este tipo de reivindicacións relaciónanse con elementos deste tipo que se atopan en risco de desaparición. O recente congreso que sobre esta cuestión se desenvolveu en Ferrol foi un exemplo da aceptación que van acadando estes bens. “Alí apareceu moita xente interesada en pequenas iniciativas de salvagarda, e cada vez son máis”. O evento serviu tamén de presentación pública para Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial que conta cuns meses de andaina e que colaborará cos traballos de inventariado.

Recoñecementos
Malia á situación de risco en que se conservan algúns destes bens “especialmente por mor da especulación urbanística”, adianta o catedrático, existen uns poucos que contan xa cun certo recoñecemento ou propostas de recuperación. Un dos exemplos máis recentes é o da fábrica Cros de Culleredo, chamada a ser o novo centro cultural do municipio. Ou a recuperación do conxunto etnográfico de Allariz, con muíños e fábricas de curtidos. “É un exemplo que deu pé a unha estratexia de desenvolvemento local. Tamén hai propostas privadas neste sentido, coma a construción de vivendas recuperando antigas fábricas en Santiago de Compostela”. A nivel de recoñecemento, en todo o país arredor de media ducia de construcións figuran en catálogos coma o Docomomo, centrado en obras arquitectónicas do movemento moderno, ou no Plan de Patrimonio Industrial do Estado. “As que se recollen nestas listas son un número moi limitado de construcións monumentais que son practicamente iconas arquitectónicas”, explica Carmona, que apunta que existen moitos exemplos que deberían considerarse de cara á súa recuperación. “Onda a Massó de Cangas está Meixide, que é case igual de interesante para conservar, cunha tipoloxía moi particular. Logo hai exemplos moi interesantes de antigas fábricas de papel coma as de Lousame ou a fábrica de Alfageme en Vigo”, lembra. E é que, a falta dunha grande arquitectura industrial no noso país, contamos con instalacións específicas deste tipo. “Hai tipoloxías propias de Galicia coma as fábricas de coiros ou de salga de sardiña”, explica Carmona. Edificios que fan parte dunha historia de traballo que cómpre recuperar.